Biden dá "luz verde" aos ataques israelitas contra Palestina após o masacre do hospital: que sabemos del?

Nin as case 500 mortes no ataque israelí a un hospital de Gaza frearon a chegada de Biden a Israel, onde reiterou o seu apoio, anunciou novos envíos de armas e deu credibilidade á cambiante versión israelí, que como acontece habitualmente, inculpou os grupos palestinos. En paralelo, Washington vetou unha resolución da ONU que pedía "pausas humanitarias" en Gaza.
Parte dos mortos provocados polo ataque israelí a un hospital de Gaza. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA)
photo_camera Parte dos mortos provocados polo ataque israelí a un hospital de Gaza. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA)

O Ministerio de Saúde de Gaza, Palestina, confirmou esta cuarta feira que 471 persoas foron asasinadas por un bombardeo israelí contra o hospital al-Ahli a terza feira, que tamén deixou 28 persoas en estado crítico e 314 feridas. 3.478 palestinas e palestinos morreron polos ataques israelís desde o 7 de outubro, informou o organismo, un terzo delas crianzas. Ademais, 1.300 persoas están baixo os cascallos dos edificios arrasados polo Exército israelí, que intentan ser rescatadas cun amplo apoio da poboación civil e sen apenas maquinaria, resultado do bloqueo ao que Israel someteu Gaza nos últimos 16 anos, e que se converteu nun asedio absoluto nos últimos 10 días, provocando que 2,3 millóns de persoas apuren as últimas subministracións de auga, alimentos ou electricidade.

Isto, combinado con ordes de evacuación a lugares logo atacados por Israel, como Khan Younis, no sur de Gaza, que volveu ser bombardeado a cuarta feira matando 12 persoas, ou Rafah, o paso fronteirizo entre Palestina e Exipto, agredido en distintas ocasións nas últimas xornadas, o que impediu que 300 toneladas de axuda humanitaria da Organización Mundial da Saúde puidesen entrar, un comportamento que a Oficina de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU) abriu a porta a cualificar como un crime contra a humanidade, que se suma ás denuncias por crimes de guerra masivos contra o pobo palestino e ao sistema de apartheid que aplica o réxime israelí.

Neste contexto, o presidente estadounidense, Joe Biden, chegou a Tel Aviv, onde se fundiu nunha aperta co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, antes de proclamar que os “Estados Unidos están do voso lado”, reiterando que “hoxe, mañá e sempre”, denantes de anunciar novos envíos de armamento a Israel, que xa recibe 3.600 millóns de euros anuais de Washington, a maioría no ámbito militar. Rapidamente, Biden defendeu que foi “o outro bando”, en referencia ao masacre do hospital de Gaza e en apoio á versión israelí, que sostén que un proxectil da Xihad Islámica, un dos movementos de resistencia palestino, foi o responsábel do ataque, aludindo  supostos “datos que me amosou o meu Departamento de Defensa”.

Horas antes, as Forzas de Defensa de Israel trataron de xustificar esta versión proclamando que os danos no hospital non eran tan graves e non se correspondían cos seus ataques, e difundindo gravacións de voz de supostos combatentes palestinos nesta liña, a canle BBC admitiu que non puido verificar sequera quen falaba. Máis aló de que a Xihad Islámica rexeitou a veracidade desta acusación, Hananya Naftali, asesor de Netanyahu, publicou nas redes sociais após o ataque que “a Forza Aérea golpeou unha base terrorista de Hamas dentro dun hospital en Gaza”, e insistiu en que “múltiples terroristas morreron”. Foi borrado pouco despois.

Amais, contas oficiais do Estado de Israel nas redes sociais aprestáronse a compartir unha montaxe en vídeo coa que buscaban atribuír o ataque ao grupo palestino. En breve tamén foron eliminadas as imaxes ao soster múltiples xornalistas como Aric Toler, do equipo de investigacións visuais do xornal The New York Times, que non cadraba co momento do ataque. Á vez, os medios israelís seguen centrados apenas na incursión liderada por Hamas o 7 de outubro, na que perderon a vida máis de 1.400 persoas.

Ao respecto, o ex voceiro da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos (Unrwa), Chris Gunness, preguntouse “cando foi a última vez que un proxectil caseiro lanzado desde Gaza destruíu un edificio enteiro e matou 500 persoas?”, narrando como Tel Aviv acusou o órgano en 2014 de permitir disparar proxectís desde as súas escolas con “todo tipo de desinformación sobre a Unrwa”, o que tras ser investigado resultou ser “unha completa parvada”.

Asemade, o xornalista español Fran Sevilla, que leva cubrindo conflitos bélicos desde 1983, asegurou que nin Hamas nin a Xihad Islámica contan con armamento capaz de xerar unha destrución semellante, entrementres, o medio especializado en guerras South Front precisou que o ataque israelí se produciu cunha bomba estadounidense JDAM. En todo caso, a desinformación por parte de Israel nestes casos é común, como pasou co asasinato por parte de militares israelís da xornalista palestino-estadounidense Shireen Abu Akleh en maio de 2022, da que Tel Aviv inculpou combatentes palestinos.

O arcebispo Hosam Naoum, nunha rolda de prensa canda patriarcas e líderes das igrexas de Xerusalén, revelou que o hospital recibira advertencias para ser evacuado sábado, domingo e a segunda feira. O centro médico xa fora atacado dúas veces nos últimos días polo Exército de Israel. Na práctica, a posición de Biden, explica o xornalista da cadea Al Jazeera Alan Fisher, “deu luz verde a Israel para actuar como mellor lle pareza”, a pesar das denuncias de limpeza étnica -que sería a terceira de Israel contra o pobo palestino- e xenocidio.

Isto foi corroborado pola decisión de Washington de vetar unha resolución do Consello de Seguridade da ONU que reclamaba unha pausa humanitaria nos ataques a Gaza. Os Estados Unidos foi o único país que se opuxo.

A Oficina do primeiro ministro israelí anunciou que por petición de Biden permitirán a entrada de “alimentos, auga e medicinas” desde Exipto por Rafah, todo isto logo de que o xornal The Times of Israel anunciara unha zona humanitaria con axuda internacional en Gaza, coa que Israel “busca demostrar que non estivo detrás do bombardeo” do hospital.

Os palestinos volven ao norte de Gaza

Porén, e como aconteceu con anuncios similares, á hora do feche desta edición isto aínda non acontecera. A falta de credibilidade de Israel levou a que moitas palestinas e palestinos que evacuaron o norte de Gaza cando foi requirido comezaran a volver á zona, posto que prefiren “morrer dignamente nos seus fogares porque os bombardeos están en todas partes”, relata a xornalista gazatí Youmna El Saved.


O BNG pide que von der Leyen dimita

A representante do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento da Unión Europea, Ana Miranda, reclamou a cuarta feira no lexislativo a dimisión da presidenta do Executivo da UE, Ursula von der Leyen, á que acusou de ser cómplice do xenocidio e limpeza étnica que Israel está a desenvolver en Gaza e de non exercer a neutralidade que exixe o cargo. Na súa intervención, von der Leyen concentrouse en condenar Hamas e solidarizarse con Israel, evitando mencionar os crimes contra o pobo palestino após viaxar a Israel a transmitir o apoio da UE no medio dos bombardeos contra Gaza.

Comentarios