Os Estados Unidos rexeitan un alto o fogo en Gaza no Consello de Seguridade da ONU

Case 8.000 crianzas foron asasinadas por Israel en Gaza desde o 7 de outubro. Máis de 80% da poboación foi desprazada á forza e está perto do "colapso total". Porén, Washington negou o apoio a un alto o fogo que defende a ONU e boa parte do Sur Global.
Cascallos en Deir el Balah, no centro de Gaza, onde Israel atacou a mesquita e o hospital Jaffa, hoxe. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press)
photo_camera Cascallos en Deir el Balah, no centro de Gaza, onde Israel atacou a mesquita e o hospital Jaffa, hoxe. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press)

O debate arredor da agresión militar e da invasión israelí ao territorio palestino da Faixa de Gaza continuaba hoxe á hora de feche desta edición no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), nunha reunión convocada polo secretario xeral do organismo, António Guterres, para tratar de pór fin aos masacres que está a sufrir o pobo palestino hai dous meses.

“Os ollos do mundo e da historia están a mirar, é o momento de actuar”, insistiu Guterres na súa intervención, na que sostivo que “a brutalidade perpetrada por Hamás nunca poderá xustificar o castigo colectivo do pobo palestino”, reclamando un alto o fogo humanitario para evitar que a poboación de Gaza caia no “abismo”.

O secretario xeral responsabilizou desta situación “os intensos bombardeos e hostilidades”, así como “as restricións israelís á circulación”, que canda a falta de combustíbel e as interrupcións das comunicacións “fan imposíbel” axudar a meirande parte das persoas, o que supón un “risco de colapso humanitario”. “Os habitantes de Gaza están a quedar sen comida”, reiterou.

Tras lembrar as máis de 130 traballadoras e traballadores da ONU asasinados, “a maior perda de vidas na historia da nosa organización”, advertiu dos “efectos colaterais” que xa están a ver na Cisxordania ocupada, o Líbano, Siria, o Iraq e o Iemen, implicando “un grave risco de agravar as ameazas existentes ao mantemento da paz e á seguridade internacionais”.

Aínda que a votación no Consello dunha proposta de resolución dos Emiratos Árabes Unidos que pide un alto o fogo estaba prevista para a mañá en Nova York, onde se sitúa a sede da ONU, foi atrasada até a noite, con reportes que indican que podería decorrer incluso a vindeira semana. Nese sentido, Médicos Sen Fronteiras acusou o Consello de ser “cómplice” na “carnizaría en curso”, facendo énfase en que “non promulgar un alto o fogo total e pór fin ao asedio sería imperdoábel”.

Aínda así, e a pesar da presión da ONU, os países árabes e boa parte dos Estados do Sur Global, que se suman aos millóns de persoas que saíron a protestar contra as accións israelís en todo o mundo desde o comezo da agresión, os Estados Unidos, principal aliado e provedor de armas israelí, mantiveron a negativa a apoiar un alto o fogo inmediato, aseverando que “plantaría as sementes para a próxima guerra” e defendendo a eliminación de Hamás, o obxectivo declarado por Israel.

Washington, un dos cinco países con dereito a veto no Consello, xa impediu que prosperase unha resolución do Brasil que pedía pausas humanitarias, como xa fixera 45 veces antes para frear a aprobación de resolucións contrarias aos intereses de Israel.

"Crearon un monstro"

O presidente de United Voices for America, Ahmed Bedier, adiantara que o país “atopará algún defecto na linguaxe da resolución” para absterse ou vetala, facendo fincapé na importancia da presión e do financiamento do lobby israelí de cara ás eleccións presidenciais en 2024, nas que o presidente Joe Biden tratará de reelexirse. Este grupo de presión xa foi chave para forzar varios Estados a que apoiasen na ONU a creación de Israel antes da inmensa maioría dos procesos de descolonización no mundo.

En referencia ao primeiro ministro do Goberno de extrema dereita en Israel, Benjamin Netanyahu, explicou que “crearon un monstro” e agora “non poden facelo retroceder”, acabando por avalar a intención israelí de xerar “toda a destrución que poida” para obrigar a poboación de Gaza a fuxir da Faixa, nunha agresión militar que persoas expertas da ONU cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

Neste contexto, Washington ratificou que non deixará de apoiar Israel e vangloriouse das súas tentativas de minimizar a cifra de vítimas civís. Porén, en paralelo á xuntanza do Consello de Seguridade da ONU, “intensificou drasticamente os ataques contra a Faixa de Gaza”, recolle a axencia Reuters, afectando vivendas, hospitais e campos de refuxiados ou destruíndo a Gran Mesquita Omari, a máis grande e antiga de Gaza, con 650 anos de historia.

No mínimo 17.487 palestinas e palestinos foron asasinados polos bombardeos indiscriminados e os ataques na invasión israelí, 40% deles crianzas. Israel chegou a soster que dous terzos das vítimas eran civís, un número semellante aos que morreron nos 21 meses que pasaron desde a invasión rusa de Ucraína.

Así e todo, os distintos casos de desinformación procedentes das autoridades sionistas xeran dúbidas arredor das súas afirmacións. Neste caso, e tendo en conta que 70% dos falecidos son nenas, nenos e mulleres, están a considerar combatentes de Hamás todos os homes asasinados.

Para as persoas que aínda viven, o escenario é o dunha “sociedade ao bordo do colapso total”, asegurou Thomas White, director en Gaza da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos. Hoxe, os equipos de Defensa Civil de Gaza narraron á canle Al Jazeera un panorama “moi sanguento” despois de que tanques israelís dispararan contra un grupo de persoas que estaban nunha fileira no sur de Gaza para conseguir auga. No medio da falta de subministracións básicas para a supervivencia, Philippe Lazzarini, que encabeza a Axencia, laiouse de que a súa capacidade de axudar é “moi limitada”.

A Autoridade Palestina pide a integración de Hamás na OLP

Máis alá das declaracións públicas dos Estados Unidos, a axencia Bloomberg publicou que están a traballar coa Autoridade Palestina nunha proposta para o Goberno de Gaza posterior á agresión israelí. O primeiro ministro palestino, Mohammad Shtayyeh, incidiu en que a mellor opción sería a integración de Hamás na Organización para a Liberación de Palestina para construír un Estado palestino independente.

Sexa como for, medios internacionais e sionistas recoñecen que Hamás está lonxe de poder ser eliminado, e mantén os combates xunta outras organizacións da resistencia palestina para conter o intento de invasión israelí.

Hamás informou hoxe de que unha das persoas capturadas na operación palestina do 7 de outubro, un soldado de 25 anos, morreu nun intento israelí de rescatalo, antes de que o Exército bombardeara a zona. Máis tarde, transmitiu que varias persoas capturadas ficaron feridas ou morreron nos ataques indiscriminados de Israel.

No Iraq, o recinto da embaixada estadounidense recibiu sete ataques de morteiro, corroborou un funcionario militar de Washington. As bases militares do país en Siria e o Iraq foron atacadas en arredor de 80 ocasións polo seu apoio ás accións israelís.

Comentarios