Cisxordania, a guerra onde (teoricamente) non hai guerra: centos de mortos, detidos e 2,4 millóns de euros 'confiscados' por Israel

A ONU urxe o "fin inmediato" da violencia indiscriminada de militares e colonos israelíes contra a poboación palestina residente en Cisxordania, onde a situación dos dereitos humanos está a "deteriorarse rapidamente" malia, supostamente, non estar en guerra contra Israel.
Operación militar en Ramallah para 'comisar' até 2,4 millóns de euros en oficinas de cambio de divisas. (Fotos: Cedidas)
photo_camera Operación militar en Ramallah esta madrugada para 'comisar' até 2,4 millóns de euros en oficinas de cambio de divisas. (Fotos: Cedidas)

Con máis de 21.000 mortos desde o pasado 7 de outubro, todos os focos seguen apuntando a Gaza. As vítimas aumentan día tras día, quer polos bombardeos quer pola escaseza de bens básicos que está a desatar unha das maiores crises humanitarias do século XXI. Israel lanzou a súa ofensiva sobre a Faixa baixo o pretexto de "derrotar Hamás" ao considerar esta organización unha ameaza para a seguridade nacional. Porén, durante os dous últimos meses as incursións militares do Exército hebreo en Cisxordania, territorio controlado pola Autoridade Palestina de Mahmoud Abbas, non fixeron máis que medrar.

A violencia exercida por militares e colonos contra a poboación palestina eleva por riba de 300 as mortes —incluídas 79 crianzas, e a maiores máis de 3.000 persoas feridas— só desde o 7 de outubro nun territorio que, teoricamente, non está en guerra. Previamente, entre xaneiro e outubro, contabilizáranse outros 200 asasinatos en Cisxordania. Son as cifras máis elevadas desde que existen rexistros oficiais de Nacións Unidas.

A situación dos dereitos humanos nesta rexión e mais en Xerusalén Leste está a "deteriorarse rapidamente", alertou esta quinta feira o Alto Comisionado da ONU para os DDHH, Volker Türk, en declaracións recollidas por Al Jazeera. Desde Nacións Unidas urxen "o fin inmediato do uso de armas e medios militares durante operacións de seguridade, o fin das detencións arbitrarias e malos tratos de palestinos e a retirada das restricións de movemento discriminatorias".

Esta mesma madrugada Hazem Al-Qatawi, cidadán de Ramallah, a capital administrativa de Palestina, foi asasinado polas tropas israelíes durante unha redada na que recibiu varios disparos. E tamén hoxe as autoridades informaron da morte na cidade de Nablus doutro mozo, de 21 anos, como consecuencia das feridas no pescozo que lle causara unha bala israelí o pasado 18 de decembro. A eles dous súmanse os seis falecidos durante un ataque nocturno no campo de refuxiados de Nur Shams a pasada cuarta feira.

Durante esta madrugada as Forzas Armadas de Israel executaron diferentes operacións nas cidades palestinas de Nablus, Xenín, Tulkarem, Ramallah, Belén, Qalqylya e Hebrón, deixando un saldo de 20 persoas detidas. Son xa máis de 2.550 os palestinos arrestados por orde de Tel Aviv só desde outubro acusados de teren, supostamente, vínculos con Hamás e as milicias da resistencia de Gaza.

A mesma acusación derivou no asalto esta pasada madrugada a nove oficinas de cambio de divisas de Ramallah e outras cidades cisxordanas. O Exército israelí, baixo a orde do ministro de Defensa, Yoav Gallant, 'comisou' millóns de séquels —moeda oficial de Israel— por valor de até 2,42 millóns de euros ao cambio actual. Alegaron que se trataba de oficinas que "financiaban Hamás e a Xihad Islámica".

Comentarios