Israel lánzase a bombardear Palestina tras liberar Hamas ducias de presos políticos dos cárceres sionistas

Israel declarou na mañá de hoxe o estado de guerra. A decisión adoptouna após unha acción da organización Hamas destinada a liberar unha parte dos presos políticos palestinos encarcerados nas prisións do Estado sionista.

Soldados israelís en Palestina. (Foto: Nasser Ishtayeh / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Soldados israelís en Palestina. (Foto: Nasser Ishtayeh / Zuma Press / Contactophoto)

O ataque lanzado esta madrugada pola resistencia palestina chega após un ano de bombardeos intermitentes por parte do Goberno de Netanyahu. Segundo as fontes israelitas, a acción de Hamas só deixou un civil morto.

A última escalada de tensión produciuse hai menos dun mes, cando unha protesta na fronteira que separa Gaza de Israel acabou coa morte de cinco palestinos e con máis de 20 manifestantes feridos.

O bombardeo e a ofensiva das milicias palestinas foi cualificado por Hamás como o inicio dunha "revolución" que nace como unha resposta a un ano no que Netanyahu intensificou a violencia.

Os militantes palestinos conseguiron tamén penetrar no interior do cárcere israelí de Ashkelón, onde liberaron a ducias de presos políticos palestinos. Na mesma dirección, os responsábeis de Hamas avanzaron accións semellantes noutros cárceres de Israel.

Hamas

Saleh al Arouri, o máximo responsábel da estrutura militar de Hamas, chamou a loita para liberar aos militantes palestinos encarcerados nas prisións sionistas. Ao tempo, lembrou as continúas “agresións de Israel contra o noso pobo”

O Goberno hebreo anunciou a operación "espadas de ferro" destinada a bombardear unha parte dos territorios ocupados de Palestina. Neste sentido, os voceiros militares avanzaron que que “o Exército israelí declara o estado de alerta de guerra"

O ministro de Defensa culpou a Hamas do acontecido. Nesta liña, asegurou que “Hamas cometeu un grave erro lanzando unha guerra contra o Estado de Israel”. Neste liña, denunciou un masivo ataque da resistencia palestina.

O máximo responsábel militar de Israel continuou indicando que “as tropas do Exército israelí están a pelexar contra o inimigo en calquera lugar. Pido a todos os cidadáns de Israel que sigan as instrucións de seguridade. O Estado de Israel gañará esta guerra”.

Comentarios