A agresión israelí leva a Faixa de Gaza ao nivel de fame máis alto rexistrado no mundo

A ONU reclama investigar crimes de guerra sionistas.
Rescate entre os cascallos dos edificios destruídos por Israel na Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Rescate entre os cascallos dos edificios destruídos por Israel na Faixa de Gaza. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Dous meses e medio despois do comezo dos bombardeos indiscriminados de Israel, acompañados por un asedio case total do territorio palestino de Gaza, e que deron paso ao intento de invasión da Faixa, a proporción de fogares que padecen un nivel crítico de fame é a máis alta endexamais rexistrada, afirmou hoxe un informe da Clasificación Integrada de Fases de Seguridade Alimentaria, unha entidade da Organización das Nacións Unidas (ONU).

25% das persoas de Gaza sofre “condicións catastróficas de inseguridade alimentaria aguda, caracterizadas por carencias alimentarias extremas e o colapso dos seus medios de vida”, e 80% está nun estado de emerxencia ou catástrofe alimentaria. Máis de 90% dos 2,3 millóns de habitantes do territorio afrontan niveis altos de inseguridade alimentaria aguda, resolve o documento, que reitera que é preciso un cesamento de hostilidades como primeiro paso para acabar co risco de fame.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) denunciou que “a fame está a asolar Gaza e agárdase que isto aumente as enfermidades en toda a Faixa, especialmente entre as crianzas, as mulleres embarazadas e lactantes e as persoas maiores”, doenzas que “poderían tratarse facilmente cun sistema de saúde que funcione”. Os bombardeos e asaltos sionistas provocaron que só nove dos 36 centros sanitarios de Gaza, todos no sur, estean a funcionar parcialmente, amais de matar máis de 20.000 palestinas e palestinos.

Asemade, o Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos solicitou unha investigación independente pola revelación de que soldados israelís executaron 11 homes palestinos desarmados en Gaza diante das súas familias, no marco dunha campaña militar que persoas expertas do organismo cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

No Consello de Seguridade da ONU, por cuarto día proseguían á hora do feche desta edición as negociacións sobre unha resolución arredor da situación en Gaza, co fin de evitar que os Estados Unidos, o principal aliado de Israel, vete a moción. Tras diluír a petición dun alto o fogo e mudalo por unha suspensión das hostilidades, Washington reclamou mudanzas na proposta de que a ONU se encargue de supervisar a axuda humanitaria.

Nova tregua

No que atinxe ás negociacións para un novo alto o fogo, Hamás e outras organizacións palestinas comunicaron hoxe que por consenso tomaron unha “decisión nacional”, rexeitar as conversas para intercambios de persoas detidas en Gaza e Israel antes da fin da agresión sionista.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios