Soldados israelís executan mulleres, crianzas e bebés nunha escola de Gaza

A cifra de palestinas asasinadas achégase ás 19.000 nos últimos dous meses.
Un palestino carga unha crianza asasinada por Israel. (Foto: Europa Press / Contacto / Xinhua)
photo_camera Un palestino carga unha crianza asasinada por Israel. (Foto: Europa Press / Contacto / Xinhua)

Mulleres, crianzas e bebés foron executados a sangue frío polos soldados israelís na escola Shadia Abu Ghazala, no campo de refuxiados de Jabalia, ao norte da Faixa de Gaza, confirmaron hoxe varias testemuñas á canle Al Jazeera, pouco despois de que obtivera documentos audiovisuais que amosaban corpos sen vida amontoados no lugar.

Logo de asaltar o centro educativo, ateigado de persoas refuxiadas, as tropas sionistas detiveron todos os homes antes de entrar nas aulas e comezar a disparar. A veciñanza correra a refuxiarse na escola ao intensificarse os bombardeos israelís contra a zona, acompañados dunha “forte presenza de tanques”.

No territorio palestino 18.608 persoas foron asasinadas desde o 7 de outubro polos bombardeos ou no intento de invasión terrestre israelí, máis de 40% eran crianzas, ao que hai que engadir 50.594 persoas feridas cando o sistema de saúde colapsou, con menos dun terzo dos hospitais funcionando parcialmente polos ataques israelís aos centros de saúde e o asedio ao que está a someter a Faixa, no que Lynn Hastings, coordinadora humanitaria da Organización das Nacións Unidas (ONU) para Palestina definiu como unha “fórmula de libro” para epidemias e desastres de saúde pública, algo do que Israel é responsábel como “potencia ocupante”, ratificou.

A agresión militar foi cualificada de limpeza étnica e xenocidio contra o pobo palestino por persoas expertas da ONU. A relatora especial para Palestina, Francesca Albanese, afirmou que “o Exército israelí está loitando contra todo e contra todos en Gaza, incluída a ONU, isto é inaceptábel e profundamente ilegal”.

Amais, sostivo que o veto estadounidense a pasada semana a unha resolución no Consello de Seguridade da ONU que instaba a un alto o fogo inmediato fica “inscrito na páxina da desgraza” da “historia”.

A Asemblea Xeral da ONU abordou o veto nunha reunión á última hora da terza feira, na que aprobou unha resolución -que non é vinculante a diferenza das do Consello de Seguridade- que reclama un alto o fogo en Gaza con 153 votos a favor, 10 en contra e 23 abstencións.

Conferencia internacional

Entrementres, Sergei Lavrov, ministro de Asuntos Exteriores ruso, solicitou ao secretario xeral da ONU, António Guterres, que organice unha conferencia internacional para “resolver para sempre e de maneira xusta” a “continua inxustiza contra o pobo palestino”, no marco da tentativa israelí de impedir a creación dun Estado palestino independente.

Comentarios