A resistencia palestina forza Israel a negociar tras o fracaso da agresión militar

Logo de non lograr os obxectivos declarados da agresión e con Hamás controlando a maioría do territorio de Gaza, o Goberno ultradereitista israelí fixo unha proposta que implicaría a retirada das áreas máis poboadas, mais Hamás exixe un alto o fogo total para negociar.
Funeral a segunda feira de palestinas e palestinos asasinados por Israel no campo de persoas refuxiadas de Maghazi, en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press)
photo_camera Funeral a segunda feira de palestinas e palestinos asasinados por Israel no campo de persoas refuxiadas de Maghazi, en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / Europa Press)

A pesar das declaracións reiteradas por parte do Executivo de extrema dereita israelí de que a guerra durará no mínimo meses até acabar coa organización palestina Hamás, que goberna Gaza, o Canal 13 trasladou hoxe que o Goberno de Benjamin Netanyahu propuxo por medio dos Estados Unidos a Qatar un acordo para un intercambio de persoas detidas en Israel e Gaza, no marco da presión internacional, especialmente do Sur Global, e dunha parte relevante da poboación estadounidense e israelí para un alto o fogo.

O pacto implicaría que nunha primeira fase Israel retiraría as súas tropas das áreas con máis poboación da Faixa e deixaría de bloquear de forma masiva a entrada de axuda humanitaria, antes dunha segunda fase na que se produciría o intercambio de persoas presas en Israel polas 129 persoas detidas en Gaza -22 mortas segundo Israel- após ser capturadas na operación da resistencia palestina do 7 de outubro, en paralelo á retirada israelí de áreas de Gaza que se debaterían coa mediación dos Estados Unidos e Qatar.

O medio sostivo que Hamás rexeitou a proposta por non incluír un alto o fogo total, porén, a prensa occidental xa publicou que a forza de Goberno da Faixa non aceptara a proposta de tregua exipcia, algo que Hamás desmentiu.

Ao respecto dese plan, que remataría coa creación dun Gabinete tecnocrático para Cisxordania e Gaza acordado polas forzas palestinas, Diaa Rashwan, xefe do Servizo de Información Estatal de Exipto, indicou que ningunha das partes remitiu a súa resposta, e adiantou que unha vez recibidas debullarán os detalles do plan.

Na noite de hoxe, e despois de que diversos analistas denunciaran que Israel non contaba con ningunha previsión tras o final do conflito malia os continuos masacres que perpetrou en Gaza con bombardeos indiscriminados e sistemáticos contra a poboación civil e un intento de invasión terrestre, o Executivo ultradereitista suspendeu a reunión na que prevía abordar por primeira vez o asunto.

Netanyahu, que se gabou de ter impedido a creación dun Estado palestino sen ocupación israelí, abriu a porta hai varios días á expulsión do pobo palestino de Gaza, nunha agresión militar que para persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) é unha limpeza étnica e un xenocidio.

O atraso da discusión sobre a situación unha vez rematada a agresión “enfureceu a Administración” do presidente estadounidense Joe Biden, sostén o xornal The Times of Israel, que indica que Washington, principal aliado e provedor de armas de Israel, “aumenta a súa presión” co fin de que “reduzan os combates e preparen a seguinte fase da guerra”.

En todo caso, a apertura israelí a unha saída negociada do conflito tamén está ligada co fracaso da agresión militar para alcanzar os obxectivos declarados, a destrución de Hamás e a recuperación das persoas detidas en Gaza, varias delas asasinadas polos bombardeos israelís e por disparos dos soldados do réxime do apartheid sionista.

"Ningún signo de colapso"

Deixando a un lado as mensaxes do Goberno e do Exército israelís, como que Hamás -que loita xunto a outras organizacións palestinas como a Xihad Islámica e a Fronte Popular para a Liberación de Palestina- está colapsando, a realidade é que “non é certo”, admitiu ao xornal The New York Times Michael Milshtein, ex alto oficial da Intelixencia israelí, que incidiu en que “todos os días enfrontamos duras batallas”.

Arredor desta cuestión, Giora Eiland, xeneral de división retirado e ex líder do Consello de Seguridade israelí, subliñou que “desde un punto de vista profesional debo recoñecer a súa resiliencia”, afirmando que “non vexo ningún signo de colapso das capacidades militares de Hamás nin da súa forza política para seguir liderando Gaza”.

A isto hai que engadir que a cifra de soldados israelís que perderon a vida desde o 7 de outubro xa supera os 500, con máis de 6.000 feridos, uns números cuestionados polo responsábel de Hamás en Gaza, Yahya Sinwar, que estimou en 5.000 os soldados israelís que atacaron, “un terzo deles morreron, outro resultou gravemente ferido e o último terzo permanentemente incapacitado”, defendeu, e apuntou que destruíron arredor de 750 vehículos militares.

Entrementres, o Exército israelí prosegue con ataques reiterados en Gaza a obxectivos que é difícil de xustificar militarmente, como o bombardeo ás tendas de campaña con persoas refuxiadas en Rafah, na fronteira da Faixa con Exipto, onde se acumulan máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes de Gaza, ou ao hospital al Amal de Khan Younis, no sur do territorio, no que foron asasinadas 10 persoas. Ademais, o Goberno ultradereitista non explicou os motivos polo que roubou os órganos dos corpos de 80 palestinas e palestinos cuxos cadáveres foron entregados en Gaza esta semana.

Desde o 7 de outubro Israel asasinou en Gaza máis de 21.300 persoas, 40% crianzas. Asemade, a obstrución da entrada de axuda humanitaria ao territorio provocou unha “fame catastrófica”, recalcou Thomas White, director na Faixa da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos. “Cada día é unha loita pola supervivencia, por atopar comida e auga”, resolveu antes de exixir un alto o fogo humanitario para que poida acceder a axuda necesaria.

A ONU pide acabar coas "execucións extraxudiciais"

Volker Türk, Alto comisionado de Dereitos Humanos da ONU, reclamou hoxe a Israel que “poña fin ás execucións extraxudiciais e á violencia dos colonos” contra o pobo palestino en Cisxordania e Xerusalén Leste. 500 palestinas e palestinos foron asasinados polas tropas ou colonos israelís neste territorio este ano, 300 desde o 7 de outubro, marcando un novo récord.

Ao respecto, o Fondo da ONU para a Infancia, Unicef, informou de que foi o ano máis mortífero rexistrado para as nenas e nenos da rexión, con 130 crianzas asasinadas.

No contexto das masivas incursións, as tropas israelís roubaron 2,3 millóns de euros de seis empresas de cambio de diñeiro propiedade do banco central palestino, aducindo que financiaban Hamás e outras organizacións da resistencia.

Amais, o Executivo de extrema dereita israelí comezou a premer o Tribunal Supremo para que evite pronunciarse sobre a reforma xudicial, logo de transcender que o veredicto anulará unha parte chave da reforma, a norma que limitaba a capacidade xudicial para frear as decisións do Executivo, e que recibiu críticas internas por afectar a democracia dun Estado baseado nun réxime de apartheid que coloca a poboación que profesa o xudaísmo por riba do resto da cidadanía. 

Comentarios