Amnistía Internacional reclama xulgar os crimes de guerra israelís no ataque a Gaza en agosto

Seis palestinos asasinados a pasada madrugada en operacións das Forzas Armadas de Israel, cuxa actuación en Gaza tería que xulgar a Xustiza internacional, demanda Amnistía Internacional.
Detención en Hebrón onte. (Foto: Mamoun Wazwaz / APA Images via ZUM / DPA)
photo_camera Detención en Hebrón onte. (Foto: Mamoun Wazwaz / APA Images via ZUM / DPA)

“A pesar de que a última ofensiva de Israel contra Gaza só durou tres días [a comezos de agosto], foi tempo dabondo para desatar novos traumas e destrución sobre a poboación asediada”, subliñou esta terza feira Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional (AI), na presentación dun informe que proba os crimes de guerra de Israel contra o territorio palestino.

O documento indica como os militares israelís presumían da precisión dos seus ataques aéreos, que incluíron un neno de catro anos, un estudante de artes plásticas que tomaba té coa nai ou un adolescente que visitaba a tumba da súa.

Xuízo no Tribunal Penal Internacional

Estes datos, que para a entidade corroboran a estratexia israelí de violencia indiscriminada contra unha poboación “dominada, oprimida e segregada” como a de Gaza, deben ser investigados e xulgados polo Tribunal Penal Internacional, incidiu Callamard, que fixo un chamamento a incluír no litixio “o crime contra a humanidade do apartheid”.

Os ataques das Forzas Armadas israelís deixaron 49 mortes segundo a Organización das Nacións Unidas, 33 para AI, e foi impulsada como unha operación preventiva após as ameazas recibidas pola detención dun alto cargo da Yihad Islámica. Tamén se relacionan co intento do primeiro ministro Yair Lapid de relanzar a súa candidatura nas eleccións do 1 de novembro.

A entidade non gobernamental criticou o Goberno español que encabeza Pedro Sánchez por continuar autorizando as vendas de armas a Israel, que ascenderon a 116 millóns de euros entre 2008 e 2021, reclamando a suspensión inmediata destes envíos até que se garanta que non son utilizados para violar o dereito internacional.

Seis palestinos falecidos

Dúas operacións terrestres do Exército de Israel en Nablus e Ramala (Cisxordania) acabaron coa vida de seis palestinos na madrugada da segunda á terza feira. En Nablus, onde se produciron cinco mortes, as tropas destruíron un edificio no que sospeitaban que unha milicia palestina fabricaba armas, cargando contra a poboación que lles “disparaba, queimaba pneumáticos e tiraba pedras”, comunicaron fontes militares de Tel Aviv.

Ao longo deste ano, 132 palestinos faleceron en incidentes con Israel en Cisxordania, mentres que até 22 israelís faleceron no marco desta onda de violencia.

 

Comentarios