"Un xenocidio en vivo": ataques israelís arrasan o campo de refuxiados de Jabalia, en Gaza

Os combates achéganse á cidade principal da Faixa.
Edificio destruído en Gaza. (Foto: Hashem Zimmo / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Edificio destruído en Gaza. (Foto: Hashem Zimmo / Zuma Press / Contactophoto)

Despois de múltiples bombardeos israelís contra o campo de refuxiados de Jabalia, un dos oito da Faixa de Gaza, en Palestina, unha vaga de ataques aéreos de alta intensidade hoxe deixárono “completamente destruído”, denunciou o Ministerio de Interior de Gaza, que estimou en 400 as persoas asasinadas ou que resultaron feridas. Máis de 8.500 persoas morreron na Faixa a raíz dos bombardeos de Israel, 40% delas crianzas. Anas Al Shareef, da cadea Al Jazeera, informou desde o lugar de que se tratou dun “masacre masivo” e incidiu en que “é difícil contar o número de edificios que foron destruídos”.

Pola súa parte, a formación palestina Hamás, que goberna o territorio, lanzou un chamamento aos países árabes e con maioría de poboación musulmá a “adoptar unha postura histórica e decisiva para deter os masacres” e o “xenocidio” contra o pobo palestino. A ex funcionaria da Organización das Nacións Unidas (ONU) Aicha Elbasri, do Centro Árabe de Investigación e Estudos Políticos, definiu a agresión israelí como “unha das horas máis escuras do noso tempo, estamos a ver un xenocidio en vivo”, e acusou os Estados Unidos e Europa de avalalo, ao tempo que rexeitan demandar un alto o fogo.

O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, lanzou acusacións similares, e inculpou Israel por perpetrar “crimes contra a humanidade en Gaza”, reiterando que Tel Aviv “debe ser detido”. Asemade, en paralelo aos bombardeos indiscriminados contra o resto do territorio, o Exército de Israel intensificou a súa incursión a grande escala nun intento de invadir o norte de Gaza por tres frontes, e busca dividir a Faixa en dous para lanzar un ataque terrestre contra a cidade de Gaza.

Alí foron reportados fortes combates coa resistencia palestina ao alcanzar os tanques israelís unha área residencial, ao respecto, Hamás transmitiu que os avances israelís se limitaron a zonas destruídas polos bombardeos das últimas tres semanas, así como que recuperou varias posicións tomadas polos militares sionistas. O titular de Defensa do Executivo de extrema dereita en Israel, Yoav Gallant, admitiu que os militares “pagaron un alto prezo”.

Á vez, os Estados Unidos confirmaron que as súas bases militares no Iraq e Siria, que acollen tanto militares como mercenarios, foron atacadas 27 veces desde o comezo da agresión de Israel a Palestina, algo do que advertira o Eixo da Resistencia se continuaba a apoiar Tel Aviv.

Comentarios