A ONU intenta frear unha agresión militar que pode ser "irreversíbel" para Palestina e a paz na rexión

Mentres a resistencia palestina está a limitar os avances israelís en Gaza entre bombardeos indiscriminados e sistemáticos contra os civís, novos reportes confirman a exigua presión estadounidense a Israel para que pare os masacres. 
Crianza palestina chega ao hospital al Aqsa de Deir el Balah tras os bombardeos israelís esta terza feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)
photo_camera Crianza palestina chega ao hospital al Aqsa de Deir el Balah tras os bombardeos israelís esta terza feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)

Analistas militares citados hoxe polo xornal Financial Times salientan que a destrución do territorio palestino da Faixa de Gaza no marco da agresión israelí “achégase á causada polos bombardeos masivos a cidades alemás durante anos na Segunda Guerra Mundial”, mais neste caso en menos de dous meses.

“Gaza tamén pasará á historia como o topónimo que denota unha das campañas de bombardeos convencionais máis intensas da historia”, corroborou o historiador Robert Pape. Máis de 60% dos edificios do territorio foron destruídos ou danados polos bombardeos indiscriminados israelís, unha cifra que nalgúns distritos alcanza 70%.

Namentres, os Estados Unidos, o principal aliado israelí, continúa con envíos de armas amais da dotación anual que lle entrega, e que supón unha quinta parte do orzamento militar dos sionistas. “Precisamos tres cousas dos Estados Unidos: Municións, municións e municións”, chegou a defender nunha reunión con funcionarios gobernamentais o primeiro ministro do Gabinete de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu.

A entidade non gobernamental Amnistía Internacional xa documentou o asasinato de 43 civís en “bombardeos aéreos ilexítimos de vivendas” en Gaza por parte de Israel usando munición JDAM estadounidense o 10 e o 22 de outubro. Entre os ataques aéreos contra campos de refuxiados, escolas, hospitais, áreas residenciais ou institucións de Gaza e a invasión terrestre máis de 16.000 palestinas e palestinos foron asasinados, entre eles máis de 7.000 nenas e nenos.

Ao tempo, desenvólvese unha catástrofe humanitaria polo asedio israelí, que impide a entrada en Gaza da inmensa maioría da axuda humanitaria que precisa o territorio. A Oficina da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Coordinación Humanitaria explicou que, incluso coa pouca axuda que accede, por terceiro día consecutivo a de Rafah, na fronteira da Faixa con Exipto, foi a única zona na que puideron efectuar unha distribución limitada, do que responsabilizan as hostilidades e as restricións de movemento nas rutas principais impostas polos militares israelís.

Aínda así, Israel revogou o visado de Lynn Hastings, coordinadora humanitaria da ONU en Palestina, logo de denunciar que “as condicións necesarias para entregar axuda a Gaza non existen”.

En Deir el Balah, no centro de Gaza, Hind Khoudary, da canle Al Jazeera, describiu unha situación “completamente devastadora”, coas rúas ateigadas de persoas que buscan comida e auga, “aínda que non sexa auga limpa nin potábel”, despois de que non se repartiran alimentos desde a fin do alto o fogo a pasada semana.

Tamén relatou a tentativa da poboación de rescatar baixo os cascallos dos edificios destruídos por Israel potenciais superviventes, que, en todo caso, “non poden recibir asistencia médica posto que os hospitais están a quedar sen subministracións”. Nas rúas, “o lixo está por todas partes, o cheiro é asfixiante e apenas se pode soportar”.

Malia esta situación, e no contexto das demandas dun alto o fogo permanente por parte da ONU, os países árabes e boa parte dos Estados do Sur Global, os Estados Unidos reiteran o seu apoio fechado a Israel, e insisten en que está a premer para minimizar a cifra de vítimas civís.

Os EUA rexeitan usar a súa influencia en Israel

Non obstante, a axencia Reuters recalcou que as presións “quedan moi por baixo do tipo de medidas que poderían obrigar a que escoitase”, como unha condena ás accións israelís ou ameazar con interromper a entrega de armas.

Un funcionario estadounidense detallou que “se empezas a reducir a axuda a Israel, empezas a alentar que outras partes entren en conflito e debilítase o efecto disuasorio”, e outro israelí admitiu que “se os Estados Unidos cambian de rumbo Israel terá que acelerar a súa operación e concluír as cousas rapidamente”.

Até o de agora, Biden “demostrou unha falta de vontade para utilizar esa influencia”, constatou Seth Binder, dirixente do Proxecto Democracia en Oriente Medio.

En paralelo, a Cámara de Representantes estadounidense aprobou unha resolución que afirma que “o antisionismo é antisemitismo”, asumindo a posición israelí, que asevera que a ideoloxía que busca acabar con Palestina en favor do réxime do apartheid israelí é asimilábel a todas as persoas de relixión xudía, algo que non é certo, como demostraron múltiples protestas de grupos xudeus contra a agresión israelí, que persoas expertas da ONU consideran unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino.

Tampouco o pobo estadounidense asume como propia a estratexia de Biden, que se negou a demandar unha tregua. Unha enquisa de Data for Progress revelou que 61% das e dos votantes apoia un alto o fogo en Gaza, unha porcentaxe que sobe a 76% no caso de probábeis votantes do Partido Demócrata de Biden.

Xa na Unión Europea, a represión contra as persoas que apoian Palestina acadou un novo tope en Alemaña, ao transcender que o Estado de Saxonia-Anhalt exixirá ás persoas que soliciten a nacionalidade alemá un documento no que apoien o dereito de Israel a existir e condenen “calquera acción” na súa contra.

A ONU activa a súa principal ferramenta diplomática

Por primeira vez desde que accedeu á Secretaría Xeral da ONU en 2017, António Guterres invocou o artigo 99 da Carta do organismo internacional, que está considerado como a ferramenta diplomática máis poderosa á súa disposición.

Este punto permítelle convocar unha reunión do Consello de Seguridade da ONU sobre calquera cuestión que “poida ameazar o mantemento da paz e da seguridade internacional”. Nunha misiva, reclamou un alto o fogo humanitario e premer para evitar unha “catástrofe con implicacións potencialmente irreversíbeis para os palestinos no seu conxunto e para a paz e a seguridade na rexión”. A meirande parte dos membros do Consello apoian un alto o fogo que os Estados Unidos, con dereito de veto, rexeita.

No terreo, e a pesar dos continuos anuncios de avances militares de Israel, medios especializados refiren que na invasión do sur da Faixa o seu control apenas se circunscribe a un tramo da estrada Salah al Din, que cruza Gaza de norte a sur, e cadeas árabes reportan repetidos ataques dos combatentes palestinos para obrigar as tropas sionistas a retirarse das zonas nas que aínda fican civís. Israel recoñeceu que 411 soldados morreron desde o 7 de outubro. Segundo o xornal The Washington Post Israel está lonxe de aspirar a eliminar Hamás.

Comentarios