Washington volve bloquear na ONU un alto o fogo en Gaza para acabar con bombardeos "non vistos desde a guerra de Vietnam"

Os esforzos estadounidenses por minimizar a linguaxe dunha moción no Consello de Seguridade da ONU permiten a Israel seguir usando a fame como arma contra Gaza e impiden que o organismo garanta o aumento do volume de axuda humanitaria.
Intento de rescate a cuarta feira en Rafah, no sur de Gaza, das persoas sepultadas nun ataque do Exército israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Intento de rescate a cuarta feira en Rafah, no sur de Gaza, das persoas sepultadas nun ataque do Exército israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Tras atrasarse a votación dunha resolución sobre a situación en Gaza desde a segunda feira, o Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou hoxe finalmente o texto co voto favorábel de 13 membros e a abstención dos Estados Unidos e Rusia.

O documento aprobado foi fortemente diluído durante as negociacións en relación á proposta orixinal para evitar un novo veto dos Estados Unidos, o principal aliado e provedor de armas de Israel, que xa impediu aprobar dúas resolucións sobre a agresión sionista contra o territorio palestino, unha na que se instaba a unha pausa humanitaria e outra que exixía un alto o fogo.

Malia que a maioría de Estados solicitaron unha tregua na Asemblea Xeral da ONU, só as decisións do Consello de Seguridade son xuridicamente vinculantes en base ao dereito internacional, polo que o aval estadounidense era imprescindíbel para que o organismo poida actuar perante unha agresión que foi definida por persoas expertas da ONU como unha limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino. 20.057 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza desde o 7 de outubro, máis de 40% crianzas.

En última instancia, foi aprobado exixir que as partes “faciliten e permitan a entrega inmediata, segura e sen obstáculos de asistencia humanitaria a grande escala”, permitindo o “uso de todas as rutas dispoñíbeis cara e ao longo de toda a Faixa” e a entrada de suficiente combustíbel para satisfacer as necesidades da poboación, amais de reclamar que xeren “as condicións para un cesamento sostíbel das hostilidades”.

O texto inicial recollía instar a un “cesamento das hostilidades” que, con posterioridade, foi transformado nunha “suspensión das hostilidades” antes do último cambio, nunhas mudanzas que foron criticadas particularmente por Rusia e a representación palestina, ratificaron fontes diplomáticas á canle Al Jazeera. Moscova presentou unha emenda para recuperar o termo “suspensión das hostilidades”, que foi apoiada pola maioría do Consello mais vetada por Washington.

Amais, a resolución solicita a António Guterres, secretario xeral da ONU, que designe unha persoa que se encargue da coordinación humanitaria e supervisar a axuda en dirección a Gaza, cando o borrador anterior outorgaba ao organismo a responsabilidade de impulsar un mecanismo de control da ONU co fin de supervisar a axuda e a súa distribución en exclusiva, o que impediría que Israel continúe a estrangular o acceso de bens de primeira necesidade á Faixa, onde a práctica totalidade dos habitantes están a padecer fame.

Tamén foi eliminada a condena a “todas as violacións do dereito internacional humanitario, incluídos todos os ataques indiscriminados contra civís e bens de carácter civil, toda violencia e hostilidades contra civís e todos os actos de terrorismo”.

Aínda que os Estados Unidos confirmaron a quinta feira que apoiarían o texto despois de negociar os cambios cos Emiratos Árabes Unidos, que presentaran a proposta orixinal, varios Estados membros do Consello atrasaron a votación para efectuar consultas internas sobre a nova redacción.

Mouin Rabbani, analista especializado na situación de Palestina, explicou antes da votación que “calquera resolución que poida marcar unha diferenza significativa en termos da situación sobre o terreo en Gaza seguramente será vetada polos Estados Unidos”, entrementres, “calquera resolución que os Estados Unidos crean que poden apoiar carecerá esencialmente de sentido para a poboación sitiada”. Guterres admitiu que sen un alto o fogo a entrega de axuda humanitaria non se poderá efectuar con efectividade, e acusou Israel de obstaculizar as entregas.

Ademais de atacar a poboación civil, con especial énfase en xornalistas, equipos médicos ou persoal da ONU, a campaña militar sionista arrasou terras de cultivo e múltiples fábricas, nunha operación que para Ahmed Aboul-Gheit, secretario xeral da Liga Árabe, é un intento de “eliminar unha sociedade enteira” e “destruír a posibilidade de vida na Faixa durante moito tempo”.

Un dos peores bombardeos da historia

Cada día aparecen novas probas da veracidade desa afirmación. Unha investigación do xornal The New York Times concluíu que Israel usou no mínimo 208 veces bombas de case unha tonelada, que as persoas expertas en armamento vinculan co alto número de civís mortos. O seu Exército chegou a lanzalas sobre as áreas ás que ordenou as persoas de Gaza que evacuaran.

O ex analista da Intelixencia estadounidense e ex investigador de crimes de guerra na ONU, Marc Garlasco, detallou que “habería que remontarse á guerra de Vietnam” para estabelecer unha comparación co volume dos bombardeos contra Gaza, e a axencia AP subliñou que o ataque sionista causou máis destrución que os combates en Alepo, Siria, entre 2012 e 2016.

A de “Gaza é unha das campañas de castigo civil máis intensas da historia”, salientou o historiador militar Robert Pape, que a coloca no “cuartil superior das campañas de bombardeos máis devastadoras da historia”.

En paralelo aos bombardeos indiscriminados contra áreas residenciais de Gaza e as incursións masivas en Cisxordania, que continuaban hoxe, a Sociedade da Media Lúa Vermella en Palestina narrou como 47 homes foron detidos no ataque israelí ao seu centro de ambulancias no norte de Gaza. Os detidos foron espidos e levados a unha casa na que “foron golpeados e sometidos a torturas”. Tamén destruíron todas as ambulancias.

Israel lanza unha nova oferta para que Hamás acepte negociar a tregua

A Corporación Israelí de Radiodifusión Pública revelou que o Executivo de extrema dereita en Israel propuxo a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, un alto o fogo de dúas semanas cun intercambio de persoas detidas na Faixa e no territorio sionista. Antes, a resistencia palestina rexeitou unha proposta dunha semana de duración e reiterou que non negociaría até a fin da agresión israelí.

O mesmo medio sostivo con anterioridade que máis alá das declaracións públicas, o Gabinete que encabeza Benjamin Netanyahu está a preparar a poboación para efectuar concesións ao movemento de liberación palestino. O xornalista Antony Loewenstein afirmou que "está cada vez máis claro" que a destrución de Hamás que persigue Israel "non é probábel que suceda".

Neste contexto, no que hai que engadir o fracaso do intento israelí de recuperar as persoas capturadas en Gaza por vías militares, 67% da poboación israelí está a defender un alto o fogo cun intercambio de presos, sostivo unha enquisa publicada polo xornal Maariv.

Á vez, as navieiras Maersk e CMA CGM fixeron público que aplicarán pagos adicionais polo desvío dos seus buques para evitar o canal de Suez por mor dos ataques do movemento hutí do Iemen aos navíos vinculados con Israel no mar Vermello, que xa xeraron unha caída de 85% na actividade do porto israelí de Eilat, todo isto a pesar de que os Estados Unidos insistiron en que 20 Estados se comprometeron a participar nunha operación naval para garantir o tránsito por esta vía.

Comentarios