Máis de cen lugares patrimoniais destruídos ou danados en Gaza polos bombardeos de Israel

A ONG Heritage for Peace enumera mesquitas, igrexas e xacementos arrasados
Mesquita de Omari antes da súa destrución polos bombardeos israelís.
photo_camera Mesquita de Omari antes da súa destrución polos bombardeos israelís. (Foto: Mohammed Alafrangi)

Un informe preliminar da Organización Non Gobernamental Heritage for Peace revelou que máis de cen sitios patrimoniais e históricos de Gaza foron destruídos desde o 7 de outubro como consecuencia dos bombardeos israelís. 

O territorio de Gaza é un auténtico crisol de culturas que alberga vestixios de diversas civilizacións -o Exipto faraónico, a Babilonia de Nabucodonosor, os persas, a Grecia de Alexandre Magno, os califados Omeia e Abbásida, Bizancio, o Imperio Otomano...-, que influíron na rexión ao longo dos séculos. 

A cidade de Gaza é rica en sitios arqueolóxicos e edificios que posúen un significado cultural, relixioso e histórico que reflicte historia e a civilización do pobo palestino e que encarna a cultura, costumes e tradicións das distintas poboacións que habitaron esta rexión ao longo do tempo. 

Mais todo ese patrimonio cultural podería estar en risco de desaparición pola destrución de museos, xacementos arqueolóxicos e edificios relixiosos da zona como consecuencia dos bombardeos de Israel. 

O informe recolle danos en máis dun centenar de lugares patrimoniais entre os cales se poden destacar que a mesquita de Omari, "unha das mesquitas máis importantes de Palestina", a mesquita de Ibn Uthman e a mesquita de Sayed Hashem quedaron completamente destruídas e que a igrexa de San Porfirio, considerada a terceira máis antiga do mundo, resultou danada.

Tamén os museos Rafah e Deir al Balah resultaron danados. O fundador do Museo Al Qarara, Mohammad Abulehia, dixo que o edificio e a colección sufriron danos importantes despois de que unha casa adxacente fose alcanzada por un mísil. " O que queda da colección está agora en perigo", declarou. 

Comentarios