O asedio israelí deixa Gaza sen axuda humanitaria e obriga a fechar o hospital máis grande de Rafah

No hospital al Shifa, asaltado e destruído polos soldados israelís, foi descuberta unha terceira foxa común.
Fuxida de Rafah a Khan Younis. (Foto: Omar Naaman / DPA vía Europa Press)
photo_camera Fuxida de Rafah a Khan Younis. (Foto: Omar Naaman / DPA vía Europa Press)

Malia que Israel anunciou a cuarta feira que o paso de Kerem Shalom, nos lindes con Gaza, foi reaberto, cumprindo así co compromiso que o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, fixo ao presidente estadounidense, Joe Biden, un dos responsábeis da Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os refuxiados palestinos, Scott Anderson, subliñou que non recibiron ningunha clase de axuda humanitaria na Faixa.

Tras a obstaculización por parte de Israel ao acceso de subministracións humanitarias polo cruce fronteirizo de Rafah, entre o enclave e Exipto, tras tomar os militares sionistas o paso a terza feira vetaron os convois no que até o de agora era a principal vía de entrada de axuda. A pesar disto, Anderson detallou que a contorna do lugar foi obxecto dun “bombardeo continuo”. Múltiples funcionarios da ONU alertaron de que a cuarta feira prevén a fin das subministracións críticas de gasóleo, forzando o feche dunha instalación de auga chave e o corte da subministración de auga potábel no norte de Gaza.

Axuda Médica para Palestina confirmou que o hospital al Najjar, o máis grande de Rafah, tivo que fechar após ordenar Israel a súa evacuación. A Organización Mundial da Saúde advertiu que en tres días todos os centros médicos do sur de Gaza quedarán sen as últimas reservas de combustíbel.

Aínda que Israel xustificou a ofensiva en Rafah na suposta eliminación de Hamás, o voceiro do Exército, Daniel Hagari, recoñeceu que a operación non acabará coa organización palestina, que goberna Gaza. Logo de ignorar o réxime de apartheid sionista a proposta de alto o fogo aceptada por Hamás, un funcionario israelí transmitiu á axencia Reuters que non hai avances nas conversas no Cairo (Exipto), mais manterán alí unha delegación de negociadores de nivel medio.

Terceira foxa común

No hospital al Shifa, asaltado e destruído polos soldados israelís, foi descuberta unha terceira foxa común, nesta ocasión con 49 corpos, que elevan o total a 520 entre as foxas atopadas perto de tres hospitais. O Executivo gazatí debullou que entre eles había corpos sen cabeza.

Ao respecto das protestas universitarias en contra da agresión militar israelí, que persoas expertas da ONU definen como un xenocidio e unha limpeza étnica, na capital estadounidense, Washington, foi asaltado polas forzas de seguridade un campamento de protesta no marco de mobilizacións que se estenderon xa aos Países Baixos, Francia, Alemaña, o Estado español, Suíza, o Reino Unido ou Irlanda.

Comentarios