Israel prégase aos Estados Unidos e atrasa a invasión de Gaza, onde as vítimas mortais ascenden xa a 6.546

Máis de 6.600 palestinas e palestinos foron asasinados desde o 7 de outubro por Israel, que se pregou á demanda dos Estados Unidos de atrasar a invasión terrestre de Gaza co fin de que Washington se prepare perante o aumento previsíbel dos ataques contra as súas bases militares en Asia Occidental.
Destrución na cidade de Gaza por un bombardeo israelí, esta cuarta feira. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)
photo_camera Destrución na cidade de Gaza por un bombardeo israelí, esta cuarta feira. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)

Israel arremeteu hoxe contra o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, por remarcar que a operación de Hamás o 7 de outubro, na que morreron máis de 1.400 persoas, “non vén da nada”, no marco da "ocupación asfixiante" de Palestina. O representante de Tel Aviv no organismo internacional, Gilad Erdan, sinalou que “debido ás súas palabras non daremos visados aos representantes da ONU”.

Erdan gabouse de que xa foi negada a entrada a Martin Griffiths, secretario xeral adxunto da ONU para Asuntos Humanitarios, incidindo en que “chegou o momento de ensinarlles unha lección”. Horas antes, Israel reclamara a dimisión de Guterres, e o propio Erdan sostivo que “non representa os membros máis importantes da ONU”, citando os Estados Unidos, Alemaña, Francia ou o Reino Unido, todos membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Todo isto mentres Tel Aviv intensifica os bombardeos indiscriminados contra a Faixa de Gaza, que asasinaron no mínimo 6.546 persoas, ao que hai que engadir máis dun centenar de mortes na Cisxordania ocupada a mans de militares e colonos israelís. O xornal The Wall Street Journal confirmou que Israel aceptou a reclamación de Washington, o seu principal aliado, o que lle permitiu ignorar até o de agora calquera resolución da ONU que non fora do seu interese, para atrasar a invasión terrestre de Gaza até que despregue 11 sistemas de defensa aérea na zona para protexer as súas bases militares.

Na última semana, o Departamento de Defensa estadounidense confirmou dez ataques no Iraq e tres en Siria, logo das advertencias dos grupos armados da rexión agrupados no Eixo da Resistencia se continuaba a avalar a agresión israelí a medida que se acumulan as acusacións por crimes de guerra e as alertas de expertos da ONU polo risco de limpeza étnica e xenocidio.

Así e todo, tras manifestacións a favor de Palestina en todo o mundo, en paralelo ás críticas procedentes de múltiples Estados do Sur Global contra Israel e a dobre vara de medir dos países occidentais, que foron arrecunchando boa parte dos membros da OTAN na súa defensa da agresión, Washington abriu a porta a "considerar pausas humanitarias”, o mesmo termo que vetou en solitario nunha resolución do Consello de Seguridade da ONU, despois de rexeitar canda outros estados da contorna da alianza militar un alto o fogo no órgano.

Nese sentido, despois de que o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, defendera esta posición, os Estados membros da Unión Europea, que non foron quen de pactar a reclamación dun alto o fogo esta semana, ultiman unha declaración na que instan a unha pausa humanitaria.

Washington prepara unha nova resolución no Consello na que reitera o “dereito de Israel a defenderse” sen condenar os crimes contra os civís palestinos. Tanto Rusia como a China criticaron a iniciativa. Vasili Nebenzia, embaixador ruso na ONU, fixo fincapé en que calquera chamamento que non inclúa un alto o fogo o antes posíbel é “inaceptábel” e “pode interpretarse como un apoio do Consello aos plans de Israel de emprender unha ofensiva terrestre en Gaza”.

Pola súa parte, o delegado chinés, Zhang Jun, insistiu en que “debe declararse un alto o fogo sen demora”, para o que é preciso usar “unha linguaxe sen ambigüidades”, a diferenza da proposta estadounidense, cuestionando a “linguaxe arrevesada” que da “implicitamente luz verde a unha nova escalada de violencia”. O propio Guterres defendeu a necesidade dun alto o fogo.

Entrementres, en Gaza, 45% de todas as vivendas do territorio no que viven 2,3 millóns de persoas foron destruídas ou danadas polos ataques israelís, o mesmo que acontece con 39% dos centros educativos. Hospitais e centros de saúde foron atacados 72 veces desde o 7 de outubro, trasladou a Organización Mundial da Saúde.

Colapso total

O Ministerio de Saúde de Gaza denunciou que o estado do sistema de saúde é de colapso total e está fóra de servizo polos bombardeos israelís ou a falta de persoal e subministracións. A Axencia da ONU para os refuxiados palestinos, que advertiu que hoxe a noite terá que fechar todas as súas operacións pola falta de combustíbel, salientou que unha das súas escolas no sur de Gaza, que acolle 4.600 persoas, viuse afectada polos ataques. O sur de Gaza acolle máis dun millón de persoas desprazadas polos bombardeos tras exixir Israel evacuar o norte.

Mahjoob Zweiri, docente de Política de Asia Occidental na Universidade de Catar, subliñou que “calquera esforzo diplomático que non fale dun alto o fogo, que non exerza presión sobre Israel e os Estados Unidos, non será de utilidade”.

O presidente turco defende Hamás

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, afirmou hoxe que “nunca toleramos e nunca toleraremos a brutalidade de Israel”, e incidiu en que “Occidente débelles moito, pero Turquía non”, apuntando que “Hamás non é unha organización terrorista, senón un grupo de liberadores que loitan por protexer a súa terra”. Á vez, o brasileiro Lula da Silva considerou “terrorista” a operación de Hamás, pero indicou que iso non xustifica “matar millóns de inocentes”.

Comentarios