Cifras para avergoñar o mundo: Aumentan a 3.500 as crianzas asasinadas por Israel en Gaza

"As forzas de ocupación levaron a cabo 908 masacres na Faixa de Gaza", denunciou o portavoz do Ministerio de Sanidade palestino, Ashraf al Qidra.
Un pai abraza a súa filla ferida tras un ataque israelí (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).
photo_camera Un pai abraza a súa filla ferida tras un ataque israelí (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).

O balance de mortes por mor dos bombardeos do Exército de Israel contra a Faixa de Gaza desde o 7 de outubro aumentou a máis de 8.300, segundo indicaron esta segunda feira as autoridades do enclave palestino que afirmaron que entre os falecidos hai preto de 3.500 crianzas.

O portavoz do Ministerio de Sanidade palestino, Ashraf al Qidra, cifrou en 8.306 o número de falecidos, entre eles 3.457 nenos, á vez que elevou a máis de 21.000 o número de feridos.

Así, sinalou que "un gran número de mártires aínda están baixo os ruinas" dos edificios destruídos por Israel nos seus ataques aéreos, segundo recolleu o diario palestino Filastin.

908 masacres

"As forzas de ocupación levaron a cabo 908 masacres na Faixa de Gaza", denunciou, á vez que pediu á comunidade internacional que "protexa as instalacións médicas", despois de que os ataques israelís deixaran fóra de servizo 25 hospitais no enclave.

"Pedimos aos residentes de Gaza que vaian aos hospitais para doar sangue, ante a falta dunha cantidade suficiente para salvar os feridos", remachou.

Os bombardeos, que se viron seguidos por operacións terrestres de Israel durante os últimos días deixaron perto de 1.400 mortos e máis de 225 secuestrados.

Comentarios