Un alto o fogo en Palestina? As negociacións estarían xa "progresando e nunha etapa avanzada"

Podería producirse un intercambio de presos para facilitar a tregua. Até esta sexta feira, máis de 7.300 palestinas e palestinos, incluídas máis de 3.000 crianzas, foras asasinados polos bombardeos indiscriminados de Israel.
Palestinos asasinados en Rafah, na Faixa de Gaza, esta sexta feira. (Foto: Str / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Palestinos asasinados en Rafah, na Faixa de Gaza, esta sexta feira. (Foto: Str / Zuma Press / Contactophoto)

Fontes da cadea árabe Al Jazeera trasladaron esta sexta feira que as negociacións arredor dun alto o fogo e dun intercambio de persoas capturadas entre o Executivo de Israel e o de Gaza (Palestina), coa mediación de Catar, están “progresando e nunha etapa avanzada”.

Así e todo, Sultan Barakat, da Universidade Hamad Bin Khalifa, salientou que “debemos ter coidado de non xerar demasiadas expectativas”, pois “no momento no que se fala dun alto o fogo todo se complica”, explicando que require “un mecanismo de seguimento, que un terceiro verifique as accións e que unha parte actúe como garante”, un papel que, adiantou, podería ter Catar.

Asemade, detallou que “é o único conflito no mundo no que non hai un terceiro” a interporse, e malia os “repetidos chamamentos para que se despreguen forzas da Organización das Nacións Unidas (ONU) en Gaza, tanto para protexer os civís como para actuar como verificadores”, isto sempre foi rexeitado por Israel.

Esta información transcendeu no marco de chamamentos insistentes de múltiples Estados do Sur Global a un alto o fogo, que tamén levou á cabo a ONU. Ao tempo, e mais alá dos sucesivos ataques contra bases militares dos Estados Unidos na rexión, que levaron Washington a reclamar a Israel atrasar a invasión terrestre de Gaza, tamén foi en incremento a presión popular en Tel Aviv para darlle prioridade á liberación das persoas capturadas por Hamás o 7 de outubro.

As vítimas de Gaza

O grupo palestino informou de que aproximadamente 50 delas xa faleceron polos bombardeos indiscriminados de Israel contra Gaza. E o resto, aparte das persoas sen nacionalidade israelí, ás que anunciou que deixaría en liberdade cando fose posíbel polo impacto da agresión do Exército israelí, indicou que só serían intercambiadas polos milleiros de palestinas e palestinos presos en cárceres de Israel.

Amais, tanto a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos como a organización non gobernamental Human Rights Watch deron credibilidade ás cifras de persoas asasinadas polos ataques israelís en Gaza, que foran cuestionadas polo mandatario estadounidense, Joe Biden, que incidiu en que a morte de inocentes “é o prezo da guerra”. Até esta sexta feira, máis de 7.300 palestinas e palestinos, incluídas máis de 3.000 crianzas, foras asasinados polos bombardeos indiscriminados de Israel sobre a Faixa de Gaza.

Comentarios