As tropas israelíes achéganse á Cidade de Gaza mentres continúan os bombardeos perto de hospitais e zonas residenciais

A ONU denuncia a morte de 59 traballadores seus que prestaban axuda humanitaria á poboación palestina, que suma xa máis de 8.000 vítimas mortais desde o pasado 7 de outubro. Israel castiga tamén Cisxordania, albo de múltiples e cruentos ataques de militares e colonos, e deixa catro mortos na cidade de Xenín.
Un home sinala no hospital de Al-Najjar os corpos dunha familia asasinada polos bombardeos israelíes en Rafah, ao sur da Faixa de Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)
photo_camera Un home sinala no hospital de Al-Najjar os corpos dunha familia asasinada polos bombardeos israelíes en Rafah, ao sur da Faixa de Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)

As Forzas Armadas de Israel encarreiran a cuarta semana de guerra intensificando os seus ataques aéreos sobre Gaza e avanzando cada vez máis dentro do enclave. Os tanques israelíes xa alcanzaron os arrabaldes da Cidade de Gaza, a capital da rexión e a localidade máis poboada de toda a Faixa, segundo informan testemuñas citadas polo xornal Haaretz. A ofensiva do Exército hebreo "seguirá a medrar de acordo coas etapas do conflito e os seus obxectivos", apunta esta segunda feira o seu portavoz, Daniel Hagari. Será unha guerra "dura e longa", avanzaron nos últimos días varios altos cargos militares e políticos do país. Xa van 8.306 vítimas mortais —3.457 delas crianzas— confirmadas polas autoridades palestinas.

As comunicacións por internet e telefonía móbil, cortadas na sexta feira, foron recuperándose parcial e gradualmente este domingo, se ben a última hora varias fontes apuntaban tamén que se volvían perder nalgúns lugares de Gaza. "A rede de comunicacións foi sometida a varias interrupcións no servizo debido aos repetidos danos ás infraestruturas como resultado dos continuos bombardeos. Os nosos equipos monitorizan a rede 24 horas para reparar posíbeis interrupcións e restaurar o servizo", precisaron esta pasada madrugada desde a compañía telefónica palestina JawwaL.

Restabelecidas —parcialmente— as comunicacións, as noticias que volven chegar desde o interior de Gaza fan saltar as alarmas. Desde a Media Lúa Vermella denuncian que non cesan os bombardeos israelíes nas proximidades do Hospital Al-Quds, en Tel al-Hawa —perto da Cidade de Gaza— un centro que recibiu este domingo un aviso de "evacuación inmediata" ante o que a oenegué entendeu como o preludio dun inminente ataque. Máis ao norte, unha ambulancia desta mesma organización quedou totalmente fóra de servizo polos ataques. "Non somos un obxectivo", censuran.

A Axencia da ONU para as Refuxiadas Palestinas (UNRWA) estima en máis de 100.000 as persoas desprazadas forzosamente dos seus fogares que buscan protección nos hospitais da Faixa, moitas delas crianzas. "Non hai posibilidade de evacuar os feridos porque non hai ningún lugar ao que evacualos, porque non hai medios [...] e no sur xa non hai camas suficientes nin medicamentos", alerta a directora da entidade no Estado español, Raquel Martí, en declaracións a TVE.

Desde a UNRWA salientan a "emerxencia sen precedentes" que se vive en Gaza desde o pasado 7 de outubro, "un inferno na terra", aseguran. Até o momento foron destruídas máis de 177.000 vivendas, o equivalente, segundo os últimos datos do IGE, a todas as que existen nas cidades da Coruña (135.450) e Ferrol (42.082). E no medio dos bombardeos os seus efectivos seguen a traballar sen descanso para proporcionar axuda humanitaria á poboación civil. Unha axuda que non están exentos de pagar, tristemente, a un alto prezo: 59 traballadores de Nacións Unidas faleceron a consecuencia dos ataques israelíes nas últimas tres semanas.

"Con toda a miña familia da ONU, lamento a perda de tantos compañeiros da UNRWA. No medio dun sufrimento e un dolo inimaxinábeis, os compañeiros en Gaza continúan servindo os necesitados a pesar do grave risco que corren as súas propias vidas. Teñen o meu agradecemento, solidariedade e total apoio. A perda dos nosos amigos e compañeiros é un duro recordatorio do inmenso sufrimento humano que continúa desenvolvéndose cada día", manifestou o secretario xeral de Nacións Unidas, o portugués António Guterres.

Cada día vólvese "máis escuro que o anterior" na Faixa, "a medida que aumenta o número de compañeiros asasinados", engadiu o comisionado xeral desta axencia, Philippe Lazzarini, sobre "o indescritíbel sufrimento que emerxe de Gaza hora tras hora". Este domingo entraron no enclave 33 camións de axuda humanitaria a través do paso de Rafah, o triplo que os dez que viñan accedendo habitualmente pero unha cifra manifestamente insuficiente para atender as necesidades reais de todos os palestinos e palestinas, pois, tal e como lembran as oenegués, antes deste último estoupido do conflito eran cen os camións que chegaban diariamente. A falta de subministros e bens básicos provocou un asalto aos almacéns da ONU este domingo.

Máis ataques en Cisxordania

Tal e como teñen denunciado nos últimos días varias fontes residentes na rexión a Nós Diario, a violencia en Cisxordania non cesa. Máis dun cento de persoas foron asasinadas e perto dun milleiro detidas polas autoridades israelíes en procedementos certamente cuestionábeis, ao que se suman os constantes ataques de colonos á poboación palestina. Nas últimas horas produciuse unha nova operación militar na cidade de Xenín e no seu campamento de refuxiados que se saldou con catro mortes —"milicianos de Hamás" segundo Israel—.

A cidade cisxordana de Xenín, após os ataques israelíes desta madrugada. (Foto: Stringer / DPA)
A cidade cisxordana de Xenín, após os últimos ataques israelíes. (Foto: Stringer / DPA)

"Desta vez, ademais, atacaron simboloxía que é forte nos corazóns da xente do campo de refuxiados: os arcos da entrada ao campo e un cabalo que é un memorial da segunda intifada. Era unha homenaxe aos paramédicos da Segunda Intifada e a obra de arte está feita con restos de ambulancias", explica unha fonte a este xornal. Aliás, as forzas israelíes destruíron estradas, vivendas e vehículos ao seu paso.

Comentarios