Os primeiros tanques israelís invaden o norte de Gaza, que conta xa 3.000 crianzas asasinadas

Poucas horas antes de que a cifra de crianzas palestinas asasinadas se elevara a case 3.000, os primeiros tanques israelís entraron na Faixa de Gaza nunha incursión breve. Pola súa parte, nove países árabes condenaron conxuntamente os ataques contra civís palestinos.
O director de 'Al Jazeera' en Gaza, Wael Al-Dahdouh, reza diante dos corpos dos membros da súa familia asasinados por Israel, esta quinta feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)
photo_camera O director de 'Al Jazeera' en Gaza, Wael Al-Dahdouh, reza diante dos corpos dos membros da súa familia asasinados por Israel, esta quinta feira. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)

Arredor de 800 persoas vinculadas coas Forzas de Mobilización Popular, unha milicia iraquí antisionista, bloquearon hoxe na fronteira con Xordania os camións cisternas cheos de petróleo do Iraq que se dirixían a Aman, proclamando que non permitirán a exportación de cru a Estados con tratados de paz con Israel. Até 15.000 barrís de petróleo chegaban cada día de Bagdad. A protesta produciuse despois de ataques contra bases militares estadounidenses na rexión e de que millóns de persoas saíran á rúa nos Estados de Asia Occidental para apoiar Palestina e exixir a fin da agresión israelí, o que tamén está a premer os primeiros países árabes que normalizaron relacións con Israel, Xordania e Exipto, para adoptar unha posición máis belixerante.

Os titulares de Exteriores de ambos os dous países, ademais doutros países árabes como Bahrain, Kuwait, Marrocos, Omán, Catar, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos, emitiron unha declaración conxunta condenando os ataques contra civís e as violacións do dereito internacional humanitario na Faixa de Gaza, case tres semanas despois do comezo da vaga de ataques israelís. En paralelo, fixeron fincapé en que o dereito á lexítima defensa non xustifica violacións do dereito internacional, e condenaron o desprazamento forzoso das e dos palestinos en Gaza e o castigo colectivo que padecen.

O mandatario turco, Recep Tayyip Erdogan, sinalou que a agresión contra Gaza “alcanzou o nivel dun masacre” e dunha “barbarie”, reiterando que o silencio da comunidade internacional é unha “vergoña para a humanidade”. “Que máis ten que suceder en Gaza para que Occidente pida un alto o fogo?”, cuestionou. O seu homólogo brasileiro, Lula da Silva, definiu a situación como un “xenocidio”, insistindo en que “non é unha guerra”.

Na Faixa, a cifra de palestinas e palestinos asasinados polos bombardeos de Israel alcanzou 7.028 desde o 7 de outubro. Case 3.000 eran crianzas. O Fondo da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Infancia, Unicef, subliñou que o que está a acontecer en Gaza é “unha mancha cada vez maior na nosa conciencia colectiva”. No que atinxe á Cisxordania ocupada, as mortes superan o centenar. Tamén perderon a vida nos ataques de Tel Aviv 50 persoas capturadas por Hamás, informou o grupo palestino. Israel admite que 224 persoas foron capturadas o 7 de setembro na operación palestina na que morreron máis de 1.400 persoas en Israel.

Pola súa parte, os Estados Unidos, principal aliado e provedor de armamento a Israel, manteñen que non é o momento de demandar un alto o fogo. Entrementres, no Consello de Seguridade da ONU tampouco foi aprobada unha resolución arredor da agresión israelí na terceira e cuarta iniciativa ao respecto. Nas dúas primeiras, propostas por Rusia e o Brasil, o veto estadounidense e dos Estados da contorna da OTAN e logo de Washington en solitario impediu reclamar un alto o fogo e unha pausa humanitaria.

Na terceira proposta, redactada polos Estados Unidos, foron Rusia e a China os que vetaron a petición dunha pausa humanitaria conectada coa defensa do dereito de Israel a defenderse, o que interpretaron como unha tentativa de que a ONU avalase a invasión terrestre de Gaza.

“O alto o fogo non é un termo diplomático, significa a vida ou a morte de moitos civís”, subliñou Zhang Jung, embaixador chinés perante o organismo internacional, e arremeteu contra o texto estadounidense por non incluír “o uso da forza indiscriminado e asimétrico” por parte de Israel contra o pobo palestino, e constituír unha aplicación “selectiva da legalidade internacional e da dobre vara de medir, que só empurra máis civís á morte”. O ruso Vasili Nebenzia fixo fincapé en que falar na resolución do “dereito dos Estados a defenderse” é “inadmisíbel” ao tratarse “dun poder ocupante, e iso é o que é Israel no territorio palestino”.

A última resolución en fracasar foi unha nova proposta rusa, rexeitada por Washington e Londres, que amais dun “alto o fogo inmediato e duradeiro” condenaba á vez os ataques de Hamás, en referencia á operación Diluvio de al Aqsa do 7 de outubro, e “os ataques indiscriminados contra os civís na Faixa de Gaza”, e contiña o rexeitamento ao asedio israelí.

O Sur Global, co pobo palestino

Xordania presentará mañá unha nova resolución que reclama un alto o fogo. Malia o apoio fechado dos Estados occidentais a Israel, Chris Gunness, ex voceiro da Axencia da ONU para Palestina, transmitiu que “os pobos do planeta apoian firmemente os palestinos”, así como que no Sur Global milleiros de millóns de persoas defenden a “loita anticolonial” en Palestina.

A pasada madrugada, por primeira vez as incursións israelís en Gaza utilizaron tanques. O correspondente de guerra e analista de risco Elijah Magnier detallou que a breve operación terrestre buscaba probar as capacidades dos combatentes palestinos, mais revela que Israel “non ten suficientes datos de Intelixencia ou coñecemento sobre que tipo de preparación ten a resistencia palestina”. Sobre os ataques ao  Líbano, medios especializados sosteñen que “nin Hezbolá nin Israel desexan unha guerra, mais están dispostos a asumila”.

Comentarios