Israel intensifica os ataques sobre unha Gaza totalmente illada e asediada após a peor noite de bombardeos: "É o inferno na terra"

Máis de 7.300 persoas morreron asasinadas polos ataques israelíes en Gaza, unhas 3.000 menores de idade, desde o pasado 7 de outubro. Todas as comunicacións están cortadas, a prensa internacional non pode acceder e Israel xa non garante a integridade dos xornalistas que xa estaban na Faixa. "O silencio de Gaza agora trona. A historia xulgará a todos", denuncian desde a ONU.
Os bombardeos indiscriminados da pasada noite provocaron protestas por todo o mundo. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Os bombardeos indiscriminados da pasada noite provocaron protestas por todo o mundo. (Fotos: Europa Press)

A cidadanía de Gaza, máis de dous millóns de persoas, está totalmente incomunicada e illada do mundo exterior desde que a última hora desta sexta feira quedaron cortadas todas as comunicacións. Sen internet, sen telefonía móbil, sen electricidade e cunha cada vez maior escaseza de subministros. A situación vólvese máis e máis crítica con cada minuto que pasa. E cada catro minutos, de feito, súmase unha nova vítima mortal: xa van 7.326 en só 21 días —segundo o último informe do Ministerio de Sanidade das autoridades palestinas na Faixa—, das que 3.038 son crianzas. Unhas cifras sen precedentes na historia recente de Palestina. Mais, nunha Gaza completamente illada, o que realmente pase nas últimas horas no seu interior será unha verdadeira incoógnita para o resto do mundo. E, entre tanto, os ataques non cesan. A deste sábado foi a peor noite para a poboación gazatí, con máis de 150 bombardeos aéreos das Forzas Armadas de Israel.

"Gaza perdeu o contacto co mundo exterior, no mesmo epicentro dos grandes atentados. As liñas telefónicas, internet e as redes móbiles están cortadas. O silencio de Gaza agora trona. A historia xulgará a todos. Exiximos un alto o fogo inmediato", alertan desde a Axencia da ONU para as Refuxiadas Palestinas (UNRWA). "Ningún lugar é seguro en Gaza . Hospitais, escolas, lugares de culto, casas, tendas e fontes de subsistencia foron atacados. O inferno na terra. A violencia debe rematar xa!", engadiron hai escasos minutos a través das redes sociais.

As tropas israelíes continúan dentro de Gaza e avanzan que os ataques terrestres —aos que se suman as ofensivas por mar e ar— seguirán a intensificarse nas próximas horas, como parte do seu plan "en tres fases" para Gaza. Falan dunha "operación terrestre ampliada" e non dunha "ofensiva terrestre completa", se ben un alto cargo, o tenente coronel J., advirte: "Estamos utilizando fogo nunca antes visto en Gaza. Eliminaremos todos os terroristas maiores e menores e todas as infraestruturas terroristas de Hamás".

O que Israel denomina "obxectivos de Hamás" é obxecto de controversia de forma constante. A última chegou esta sexta feira, cando desde o Goberno de Benjamin Netanyahu aseguraron que o hospital Shifa, o principal de Gaza, funciona a modo de "cuartel xeral" de Hamás e base de operacións, unhas acusacións que o persoal sanitario deste centro se apresurou a rebater mostrando, na canle de televisión Al Jazeera, os seus planos subterráneos: "O que temos aí non son túneles, son quirófanos", alegaron.

Unha tese que defendeu a través das redes sociais a xornalista freelance Mónica G. Prieto: "Desde o hospital de Shifa cubrín moitos ataques con bombas israelís, compartín a angustia polos bebés nas incubadoras e coñecín admirábeis traballadores da saúde. Non é unha sede de Hamás, é o corazón da Faixa de Gaza . É un crime de guerra flagrante atacalo dado que é unha infraestrutura civil e vital para a poboación. O resto —limpeza étnica, indicios de xenocidio, castigo colectivo—, tamén. Gaza non é un niño de terroristas, é un territorio vítima do terrorismo de Estado israelí que, para colmo, onta co apoio occidental para cometer un xenocidio. Israel mantén 2,3 millóns de palestinos como reféns desde hai anos e agora bombardéaos indiscriminadamente".

A situación hoxe é xa tan crítica que as autoridades israelíes xa non garanten sequera a integridade dos xornalistas alí presentes —os que xa se atopaban en Gaza antes do 7 de outubro, pois desde entón Israel impediu a entrada da prensa internacional. "As Forzas Armadas están a atacar toda a actividade militar de Hamás en toda Gaza", apuntou por carta o Exército ás axencias de noticias Reuters e AFP, acusando Hamás de "deliberadamente pór centros de operacións nas proximidades de xornalistas e civís". "Baixo estas circunstancias, non podemos garantir a seguridade dos seus empregados e instámolos encarecidamente a que tomen todas as medidas necesarias para a súa seguridade", conclúe a misiva.

Até o momento foron asasinados un mínimo de 29 xornalistas, segundo o Comité para a Protección dos Xornalistas. Tamén uns 53 traballadores das axencias de Nacións Unidas, denuncia a UNRWA: "Un compañeiro morreu recollendo pan. Deixa seis fillos. Estamos máis que devastados mentres continúa este sufrimento indescriptíbel".

Nas últimas horas sucedéronse numerosas manifestacións por todo o mundo en apoio do pobo palestino. Nos Estados Unidos, principal aliado de Israel, unha manifestación pacífica na estación central de Nova York exixindo o cesamento dos ataques sobre Gaza acavou con varias ducias de detidos. Na capital de Xordania, Ammán, concentráronse milleiros de persoas fronte á Embaixada de Israel, e tamén en Nablus e Ramallah (Cisxordania) houbo multitudinarias protestas.

Comentarios