Os hospitais, de novo no albo dos ataques: a Media Lúa Vermella alerta dun aviso de "evuación inmediata" de Israel

"Acabamos de recibir serias ameazas das autoridades da ocupación para que se evacúe inmediatamente o Hospital Al-Quds, porque vai ser bombardeado. Desde esta mañá houbo ataques a 50 metros de distancia do hospital", asegura a oenegué.
Un home recibe atención médica nun hospital de Gaza. (Foto: Khaled Omar / Contacto / Europa Press)
photo_camera Un home recibe atención médica nun hospital de Gaza. (Foto: Khaled Omar / Contacto / Europa Press)

Os centros sanitarios, que nos últimos días serven de refuxio a milleiros de persoas desprazadas forzosamente dos seus domicilios en Gaza, volven ficar no albo. A Media Lúa Vermella, equivalente á Cruz Vermella da Galiza, vén de alertar hai escasos minutos a través das redes sociais dun posíbel ataque ao Hospital Al-Quds, o mesmo que, segundo a mesma organización, recibiu un aviso de evacuación o pasado 20 de outubro por parte das autoridades israelíes ante o que se presentaba como un inminente ataque. A rápida difusión da noticia a nivel mundial puido parar ese bombardeo, apuntaron varios medios de comunicación.

E a situación repítese este domingo, após unha nova noite de intensos ataques aéreos sobre Gaza: "Acabamos de recibir serias ameazas das autoridades da ocupación para que se evacúe inmediatamente o Hospital Al-Quds, porque vai ser bombardeado. Desde esta mañá houbo ataques a 50 metros de distancia do hospital", asegura a Media Lúa na rede social X.

A ameaza cérnese tamén sobre o hospital máis grande da Faixa, o de Shifa, un recinto que as Forzas Armadas Israel acusan Hamás de utilizar como "base operacional" nos niveis subterráneos algo que rebatiu o persoal sanitario do centro mostrando os que serían os seus planos. Alí refúxianse centos de persoas —varias delas feridas e que precisan atención médica— cuxa evacuación diante dun posíbel ataque sería practicamente imposíbel, advertiron as oenegués presentes no terreo. Nas inmediacións do Hospital de Shifa tamén se produciron varios ataques nas últimas horas, recolle a axencia de noticias AP.

"Ningún lugar é seguro en Gaza. Hospitais, escolas, lugares de culto, casas, tendas e fontes de subsistencia foron atacados. O inferno na terra. A violencia debe rematar xa!", lamentaban este sábado desde a Axencia da ONU para as Refuxiadas Palestinas (UNRWA). A situación torna máis crítica a cada hora que pasa.

E a primeira hora deste domingo a UNRWA informou da irrupción de milleiros de persoas nos seus almacéns e centros de distribución no centro e o sur da Faixa para facerse con fariña e elementos básicos de supervivencia, no que a organización considera xa como o principio da creba da "orde cívica" no enclave após máis de tres semanas de asedio total de Israel.

"A xente está aterrorizada, frustrada e desesperada. A tensión e o medo empeoran polos cortes nas liñas de teléfono e Internet. Cren que foron abandonados á súa sorte", avisou o coordinador da Axencia Thomas White, antes de confirmar que un dos almacéns saqueados, en Deir Al-Balah, servía de aloxamento da escasa e a todas luces insuficiente axuda humanitaria que chegou desde Exipto nos últimos días.

Segundo datos achegados polo propio Exército hebreo, só nas últimas 24 horas producíronse uns 450 bombardeos sobre Gaza. O primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, deu luz verde á que denomina 'segunda fase' da súa ofensiva, que pasa por intensificar os ataques por terra, mar e ar e realizar novas incursións terrestres. A cidade de Gaza, a máis poboada, será considerada no seu conxunto "campo de batalla", alertou o portavoz militar Daniel Hagari.

Comentarios