Denuncian a dobre vara de medir na acción humanitaria

Ucraína centrou boa parte das novas sobre conflitos bélicos e boa parte da asistencia humanitaria, ratifican diversos estudos de entidades especializadas, chegando a "nubrar o resto do panorama internacional".
Migrantes rescatados no mar Mediterráneo polo 'Sea-Watch 3' o pasado setembro. (Foto: Sea Watch 3)
photo_camera Migrantes rescatados no mar Mediterráneo polo 'Sea-Watch 3' o pasado setembro. (Foto: Sea Watch 3)

“Os distintos niveis de cobertura das crises reflicten unha asignación moi desigual de axuda entre as crises humanitarias”, corrobora o informe A acción humanitaria global en 2021-2022: Máis aló da guerra en Ucraína, que vén de publicar Médicos Sen Fronteiras e o Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (Iecah), no que diferencian entre crises humanitarias “ruidosas”, como é o caso da de Ucraína, e “esquecidas”, como Afganistán, Siria, o Iemen ou Palestina.

O documento incide en que as crises humanitarias que reciben máis atención non son aquelas cun maior número de persoas afectadas, senón que está baseado en prioridades xeopolíticas e mediáticas. “A crise en Ucraína contaminou outras moitas axendas, como a de seguridade e a humanitaria”, explica o co director do Iecah, Jesús A. Núñez, que alerta do financiamento militar agochado como axuda humanitaria. Nese sentido, o financiamento humanitario internacional en 2021 foi de arredor de 30.000 millóns de euros, unha cifra semellante ao valor do armamento enviado pola Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) a Kíiv desde finais de febreiro.

As entidades que elaboraron o reporte destacan a “dobre vara de medir na acción humanitaria”, debullando como o acceso temporal e a protección ofrecida polos países da Unión Europea ás persoas refuxiadas ucraínas contrasta coa “negación dos mesmos dereitos ás vítimas doutras crises humanitarias, que proveñen de continentes distantes e poden ter a pel máis escura”.

Por iso, fan fincapé en que o “deber de coidar o pobo de Ucraína non debe realizarse a expensas do apoio e da protección axeitadas para as persoas que sofren outras crises”, salientando que hai 32 conflitos armados activos nos que “tamén hai que investir en axuda humanitaria e solucións políticas” malia que a guerra en Ucraína “nubrou o resto do panorama internacional” dunha forma case “obsesiva”.

Aínda así, “a axuda humanitaria internacional estancouse desde 2018”, afirma o outro co director do Iecah, Francisco Rey, que sinala que os aumentos de 2022 nesta asistencia refírense en exclusiva a Ucraína, a pesar da situación crítica en Mozambique, Tigrai, o Iemen ou o Sahel, con refuxiados climáticos amais dos provocados pola violencia.

Asemade, o informe destaca a “falta de vontade e a inacción” política para enfrontar a “deterioración acumulada ao longo de décadas” pola economía de mercado e a democracia parlamentar, incapaces de “resolver os problemas que a súa mesma aplicación xerou”.

Ucraína concentra as novas sobre conflitos

Un estudo efectuado pola Comisión Española de Axuda ao Refuxiado en València e a Unió de Periodistes desvela que desde o 24 de febreiro ao 24 de outubro 87% das novas sobre conflitos bélicos nos medios do Estado español trataban a situación en Ucraína, 883.956 noticias en total sobre o país eslavo.

En cambio, sobre Siria versaron 3,3%, unha porcentaxe semellante sobre Afganistán, 1,7% das novas abordaron o conflito en Palestina, e o tratamento sobre Etiopía ou o Iemen non alcanzou 1% dos textos.

Para comparar, sobre Ucraína escribiuse dez veces máis desde a invasión rusa que da guerra en Siria nos primeiros oito meses de conflito, polo que conclúe que o “bombardeo mediático de Ucraína” está a silenciar moitos outros combates noutras partes do mundo, e lembra que en 2015 a ucraína foi a segunda nacionalidade con máis solicitudes de asilo no Estado español despois do comezo da guerra no país, así e todo, daquela tiña moita menor repercusión nos medios.

Ao tempo, constata como a diferencia doutros conflitos como a invasión de Afganistán ou do Iraq, no que a inmensa maioría das novas procedía da parte agresora, no caso de Ucraína a principal fonte é o bando agredido, o que ten grande influencia na opinión pública.

En última instancia, destaca as medidas de protección aos refuxiados ucraínos no marco do “colapso” do sistema de asilo no Estado español, que provoca que ese dereito sexa vulnerado nos refuxiados doutras nacionalidades.

10 mortos polos bombardeos

No que atinxe á guerra, Moscova denunciou que un ataque do Exército ucraíno contra Lantratovka, en Luhansk, provocou a morte de oito persoas, subliñando que o número pode ser maior ao ficar destruído un edificio no que podería haber máis vítimas.

Pola contra, Kíiv informou de bombardeos rusos en varias zonas do país que deixaron dous falecementos, derivando en múltiples cortes de electricidade, así como interrupcións na subministración de auga á capital, Kíiv, afectando a cando menos un bloque residencial.

Amais, os Estados Unidos, líderes da OTAN, aprobaron un aumento do gasto militar en 2023 até os 806.000 millóns de euros, cun incremento do financiamento da alianza militar e de Ucraína.

Washington foi un dos 50 países xunta Alemaña, o Estado español, Ucraína ou o Xapón que na madrugada de onte votaron en contra dunha resolución proposta por Rusia na ONU en contra da glorificación do nazismo, que foi aprobada con 120 votos a favor e 10 abstencións.

Comentarios