Israel pretende "eliminar" a súa responsabilidade "pola vida" na Faixa de Gaza

Persoas expertas da ONU salientan que a agresión israelí, sumada ás declaracións do Goberno de extrema dereita e dos seus aliados, supón un "risco de xenocidio contra o pobo palestino", ao tempo que o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, reclama 13.000 millóns de euros para continuar armando Israel.
Madinat al-Zahra, no sur de Gaza, hoxe tras os ataques israelís. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Madinat al-Zahra, no sur de Gaza, hoxe tras os ataques israelís. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Millóns de persoas saíron a rúa hoxe en múltiples lugares do planeta, con especial énfase nos países árabes, para reclamar a fin da agresión israelí contra Palestina, que desde o 7 de outubro xa matou 4.137 palestinas e palestinos na Faixa de Gaza e 81 en Cisxordania. No contexto do apoio fechado que os Estados Unidos e os Estados da contorna da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) brindan a Israel, o titular de Defensa de Tel Aviv, Yoav Gallant, detallou que o ataque contra a Faixa de Gaza, na que residen 2,3 millóns de persoas nunha situación humanitaria considerada catastrófica pola Organización das Nacións Unidas (ONU) por mor do asedio israelí, constará de tres fases.

Gallant incidiu en que a primeira fase foi “unha campaña militar” co obxectivo de “asasinar os combatentes e danar a infraestrutura de Hamas” após a incursión na que perderon a vida máis de 1.400 israelís, a pesar do que a inmensa maioría das vítimas palestinas foron civís, máis dun terzo crianzas, e 25% das vivendas de Gaza foron destruídas ou afectadas.

Con posterioridade, defendeu que os combates serán menos intensos, antes dunha última etapa que incluirá a “creación dun novo réxime de seguridade na Faixa de Gaza, a eliminación da responsabilidade de Israel pola vida na Faixa e a creación dunha nova realidade de seguridade para os cidadáns de Israel”.

Un día antes, afirmou perante tropas israelís que verán Gaza “desde dentro”, en paralelo a declaracións de distintos membros do Executivo de extrema dereita israelí adiantando que a operación durará meses ou anos, así como que colonizarán parte de Gaza e que todos os civís son obxectivos.

Persoas expertas da ONU, incluída a relatora para os territorios palestinos ocupados, Francesca Albanese, que xa alertara de que Israel se dispoñía a cometer a terceira limpeza étnica contra o pobo palestino, e o relator especial sobre o dereito humano á auga potábel, afirmaron que “hai unha campaña en curso por parte de Israel que resulta en crimes contra a humanidade en Gaza”.

Asemade, aseguraron que, tras valorar as accións israelís en Gaza e Cisxordania e as declaracións do Goberno de Tel Aviv e dos seus aliados, “tamén existe o risco de xenocidio contra o pobo palestino”.

O propio secretario de Estado de Washington, Antony Blinken, chegou a propor que os civís de Gaza fuxan para instalarse en Exipto, no que constituiría unha limpeza étnica que tanto Exipto como Xordania rexeitaron, sostendo que isto imposibilitaría a creación dun Estado palestino, o que pretende Israel, que xa se fixo con 85% do seu territorio.

A proposta viu acompañada dunha campaña nos principais medios dos Estados da OTAN para culpar O Cairo e Ammán por negarse a recibir os palestinos que queiran marchar. Porén, é Israel quen controla a fronteira entre Cisxordania e Xordania, e no que atinxe a Rafah, o paso fronteirizo entre Gaza e Exipto, foi bombardeado en distintas ocasións nas últimas xornadas polos militares israelís para evitar o acceso de axuda humanitaria. Hoxe aínda non estaba claro cando entraría en Gaza a cantidade ínfima de axuda que Israel e os Estados Unidos pactaron permitir que ingresase desde Exipto.

A nivel mediático, boa parte dos medios occidentais afánanse en tratar de dar veracidade á afirmación israelí de que foi un proxectil palestino o causante de case 500 mortes no ataque a un hospital de Gaza, utilizando, entre outros, o Departamento de Defensa dos Estados Unidos coma fonte.

Con todo, un traballo de investigación audiovisual de Al Jazeera descartou calquera posibilidade de que o causante fora un proxectil palestino, e o veterano das Forzas Armadas estadounidenses Dylan Griffith, especializado en armamento, corroborou que detrás do ataque estivo unha bomba estadounidense JDAM, que forma parte do armamento entregado a Israel.

Sexa como for, o Departamento de Estado considerou non “apropiada neste momento” unha investigación internacional ao respecto, que a ONU cualificou como "esencial".

Pola súa parte, Hamas divulgou que liberou dúas persoas estadounidenses, unha nai e a súa filla, por motivos humanitarios, que se suman ás tres persoas liberadas nos primeiros días dos ataques israelís, logo de anunciar que deixaría en liberdade as capturadas de orixe non israelí cando fose posíbel.

Antes, o presidente estadounidense, Joe Biden, solicitou ao Congreso que aprobe un paquete de axudas de 57.000 millóns de euros para Ucraína e 13.000 para Israel, na súa maioría en armamento.

Escalada internacional

De feito, as propias tropas estadounidenses estanse a converter en obxectivos do Eixo da Resistencia, que agrupa milicias armadas do Iraq, Líbano ou o Iemen co apoio de Irán e Siria, e que se atribuíu ataques a bases militares de Washington en Siria e o Iraq. Ademais, un buque estadounidense interceptou un mísil presuntamente dirixido a Israel desde o Iemen.

Ao tempo, Exipto desenvolverá unha cimeira mañá coa presenza de máis de 30 Estados para abordar a “cuestión palestina”, garantir a supervivencia da poboación de Gaza perante o asedio e conter a expansión da guerra.

Comentarios