Voces de Palestina

Sami Ashour, presidente da Asociación galaico-árabe Jenin: "O dereito a defenderse non é do ocupante, é do ocupado"

Sami Ashour naceu en Khan Younis, no sur da Faixa de Gaza, unha localidade bombardeada repetidamente por Israel logo de reclamar á poboación do norte do territorio palestino que fuxise cara alí por ataques inminentes. É o presidente da Asociación galaico-árabe Jenin, unha das entidades convocantes da manifestación que hoxe partirá ás 18 horas da Alameda de Santiago de Compostela.
Sami Ashour naceu en Khan Younis, na Faixa de Gaza, onde aínda reside a maioría da súa familia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sami Ashour naceu en Khan Younis, na Faixa de Gaza, onde aínda reside a maioría da súa familia. (Foto: Nós Diario)

—Como acabou na Galiza?
Cheguei a finais de 2007 para facer o doutoramento en Economía cunha bolsa do Ministerio de Exteriores español. Amais dos cursos de doutoramento, fixen un mestrado de Banca, Finanzas e Seguros. En 2012 comecei a traballar a tempo parcial na Universidade de Santiago de Compostela e a partir de 2013 xa a tempo completo.

—É tamén o presidente da Asociación galaico-árabe Jenin.
Si, a asociación ten arredor de 30 anos, fundouna a primeira xeración que chegou á Galiza a finais da década de 1960 e comezos da de 1970, despois da ocupación de Gaza e Cisxordania. 

—Que parte da súa familia segue vivindo en Gaza?
A miña nai, os meus irmáns e irmás, sobriños, tíos, tías, toda, teño moitísima familia alí. 

—Como están?
Como o resto de Gaza, nin máis nin menos, os bombardeos non diferencian entre uns e outros, e aos que lles toca, tócalles. Están agardando a súa quenda, esperemos que se salven, oxalá que se salve todo o mundo. Dúas das miñas irmás tiveron que desprazarse, unha perdeu a súa casa, a súa filla tamén, á outra chegoulle unha mensaxe para evacuar e agardemos que non lle pasara nada.

De tanto en tanto ameazan un barrio concreto, non só no norte de Gaza, e até hai avisos falsos que deixan a xente confusa, ultimamente hai mensaxes aleatorias, tes o móbil na man e de súpeto recibe unha notificación que di que tes que marchar da túa casa posto que a van bombardear. A xente está aterrorizada, e máis cando teñen crianzas.

A miña nai segue viva, e claro, a casa da miña nai, como todas as casas, están abertas para acoller quen entra, ninguén fecha a porta, a xente foxe dunha guerra e sae co posto, agora desprazarse é moito máis complicado pola falta de combustíbel e as rúas están esnaquizadas e case que non son practicábeis. No sur, as rúas están cheas de xente porque non poden estar 24 horas en casas, colexios ou hospitais.

—Como xestionan o asedio?
Axustándose, son prioridades, unha persoa á que ameazan con que lle pode caer unha bomba en calquera momento ten a comida na parte máis baixa da súa lista de prioridades, a auga é o que máis doe porque non hai, e preocupa moito o tema das crianzas, Gaza ten máis de 50% de crianzas e adolescentes, e as crianzas non entenden de falta de comida, cando teñen fame queren comer.

O da comida non é algo novo aínda que pareza que agora descubrimos que Israel corta a luz, auga, combustíbel, alimentos. Primeiro, que capacidade ten Israel que cando quere dálle ao botón e corta todo! Iso xa explica todo, 2,2 millóns de persoas en mans dos ocupantes que cando e como queren, e dependendo do grao de enfado ou satisfacción, dan un pouco, un pouco máis ou nada, levamos 16, case 17 anos baixo estas prácticas, danche luz tres horas, ou catro, e se te portas ben e estas calado pois até oito horas. O ministro de Finanzas israelí [Bezalel Smotrich, de extrema dereita] dixo que os palestinos teñen tres opcións, obedecer e vivir como escravos, marchar ou morrer.

Os palestinos deixaron claro que non van vivir humillados nin escravos de ninguén, para desgraza de Israel tocoulles un pobo forte que resiste ate o final e non se vai axeonllar, e tampouco vai marchar, toda a axente que coñezo coa que tiven contacto coméntame que xa sabe o que é deixar o noso fogar e non o vai repetir.

Dos 2,2 millóns de persoas en Gaza a meirande parte nunca saíron, non é que non queiran, é que non poden. Cando vin en 2007 tiña que chegar a comezos de setembro, e non puiden facelo até decembro. Souben que podía saír ao ver o meu nome na televisión. Das 23 persoas que anunciaron que podían cruzar un día despois a sete non as deixaron pasar. É normal? A máis presión, máis explosión, a xente está oprimida, a xente non ten outro remedio, explotan porque non poden máis.

—Nunha entrevista en Cuatro cortárono porque se negou a condenar o ataque de Hamás, pero non vemos que en ningún momento se exixa condenar Israel, cando persoas expertas da ONU alertan do risco de limpeza étnica e xenocidio. Que está pasando?
A mellor mostra da deshumanización que practican algúns medios de comunicación é que expliquei que ese día perdín catro familiares e nin me deron o pésame, a súa misión era sacar unha condena a Hamás. Como vou condenalo eu se estou a dicir que [Israel] asasinou a curmá da miña muller coa súa crianza e non existe unha mostra de afecto ou solidariedade, e queres que che diga que Hamás é terrorista? Ningún palestino vaicho dicir, levamos 75 anos sufrindo a barbarie de Israel e chega un momento no que un non pode aguantar máis.

En Palestina, como en calquera sitio, hai xente que está de acordo coa visión de Hamás e xente en contra. Eu teño bastantes desacordos coa maioría das faccións palestinas, pero no que se refire á resistencia non hai ninguén que poida falar en contra, o que pasa en Gaza é un xenocidio e un ataque contra os dereitos humanos e iso son palabras maiores, e cremos que cada quen ten que defenderse como poida, agora mesmo non podo xulgar se estou de acordo ou en contra pois o dereito a defenderse non é do ocupante, é do ocupado, mais parece que ser ocupado e defenderse é terrorismo.

O problema é que todo o que diga Israel o venden como certo, agora din que Hamás é terrorista e todo o mundo detrás repite o mesmo. Cando comezou a primeira Intifada tiña doce anos, e consistiu en tirar pedras aos soldados israelís, e nas novas israelís, que probabelmente repetía Europa, a mensaxe era que os soldados dispararon a uns terroristas que tiraban pedras contra tanques. Dos 7.000 palestinos presos en Israel ninguén comenta nada, até hai unha crianza de seis anos Un voceiro israelí sostivo que era un terrorista, como pode selo un neno de seis anos. O titular de Xustiza israelí [Yariv Levin] defendeu que estas nenas e nenos son futuros terroristas e mellor matalos agora. Este é o único país democrático en Oriente Medio?

—Que intereses poden xustificar perpetrar un xenocidio?
É un tema complexo, e non podemos cortar a historia onde queiramos, isto non comezou o 7 de outubro, é un conflito que nace doutro conflito. Logo da Segunda Guerra Mundial os xudeus tiñan problemas en Europa e Europa considerábaos un problema, polo que lles deu un Estado para mantelos lonxe e até ser aliados, a nosa base militar en Oriente Medio, como di [o presidente dos Estados Unidos, Joe] Biden.

Pero non se decatan de que isto é a costa doutro pobo, para que houbese algo chamado Israel había que botar 80% da poboación dos seus fogares, o principal erro de Israel e Occidente é non asumir que mentres que os palestinos sigan a ser oprimidos, torturados e perseguidos Israel non vai ter a seguridade que desexa. Israel consiste en 83 nacionalidades, esta xente por que está alí? Para ocupar Palestina.

O ataque de Hamás afectou 40 nacionalidades, señores, que fan na fronteira de Gaza? Asfixiala, alí estades a efectuar operacións militares contra Gaza, cortando a auga e luz, a chegada de combustíbel e comida, que facedes alí? Se es francés vai a Francia, se es estadounidense vai aos Estados Unidos, estás a ocupar unha terra que non é túa e para a túa desgraza a xente vaise defender. Non quero pensar que faría a comunidade internacional, que diría Europa e os Estados Unidos, se os palestinos fixesen isto contra Israel.

—Están facendo o suficiente os países árabes e outros que apoian Palestina?
Ninguén está a facer o suficiente, calquera acción é pouca para parar este xenocidio. Se non apoias as causas xustas estás a aliñarte co verdugo, e ao final non vai gañar ninguén, e creo que aos Estados Unidos lle pode custar menos facer a paz que a guerra, pero parece que é máis rendíbel a guerra.

Compostela acolle hoxe unha mobilización nacional por Palestina

Boicot, Desinvestimentos e Sancións Galiza (BDS Galiza), Mar de Lumes, a Asociación Galiza por Palestina e a Asociación galaico-árabe Jenin convocaron para hoxe unha manifestación nacional en apoio ao pobo palestino baixo o lema ‘Paremos o xenocidio. Galiza con Palestina’. A Alameda, en Santiago de Compostela, acollerá a mobilización, que pretende condenar os crimes de guerra israelís contra o pobo palestino na Faixa de Gaza.

Con todo, non é a primeira manifestación que decorre no país en apoio á causa palestina, o pasado domingo, as mesmas entidades protagonizaron unha vaga de protestas na Coruña, Betanzos, Burela, Allariz, Cangas, Carballo, Cee, Pontedeume, Compostela, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Vigo e Vilagarcía, sumándose a millóns de persoas que saíron ás rúas de todo o mundo en defensa de Palestina.

Comentarios