A vida en Cisxordania mentres Gaza esmorece: detencións, asasinatos e violencia por parte de militares e colonos

Centos de palestinos foron detidos e no mínimo 103 asasinados desde o pasado 7 de outubro na rexión de Cisxordania, onde a violencia segue a medrar día tras día con fortes controis militares e policiais e múltiples ataques dos colonos israelíes. Entre tanto, a Media Lúa Vermella denuncia ataques "deliberados" moi perto do Hospital Al-Quds, que este mesmo domingo aseguraron que recibiu un aviso de "evacuación inmediata" ante a inminencia dun bombardeo.
En Cisxordania o Exército israelí non é a única ameaza para os palestinos: tamén os colonos. Na imaxe, a cidade de Nablus. (Foto: Ayman Nobani / DPA)
photo_camera En Cisxordania o Exército israelí non é a única ameaza para os palestinos: tamén os colonos. Na imaxe, a cidade de Nablus. (Foto: Ayman Nobani / DPA)

As autoridades palestinas elevan xa a 8.005 as vítimas mortais pola incesante ofensiva do Exército hebreo iniciada o pasado 7 de outubro após o atentado de Hamás —que deixou outro milleiro de mortes do lado israelí—, unha cifra sen precedentes na historia recente e sen visos de contención, pois desde o Goberno de Benjamin Netanyahu xa avanzaron que os ataques non farán máis que aumentar por mar, ar e agora tamén, e cada vez con maior intensidade, por terra. Só os bombardeos "sen precedentes" da primeira hora deste domingo deixaron "centos" de falecidos, alertaron desde o Executivo de Gaza.

Pero aínda que o principal foco de atención, por razóns obvias, sexa a Faixa, nas últimas tres semanas a violencia en Cisxordania —baixo control da Autoridade Palestina do presidente Mahmoud Abbas— non fixo máis que medrar. As tropas de Israel detiveron centos de persoas —e subindo— en redadas realizadas en diferentes cidades sob o pretexto de "combater o terrorismo", e no mínimo cen foron asasinadas. Moitas delas, porén, non foron vítimas do fogo do Exército, senón de colonos israelíes.

A tensión medra tamén nos centos de checkpoints —controis de paso— que existen actualmente na Cisxordania ocupada, dos que arredor de 140 son fixos e os demais, móbiles. Unha fonte de Nós Diario explica que no que conecta Ramallah —a capital— con Belén os soldados israelíes "están a parar os coches e obrigar os pasaxeiros a mostrar o contido dos seus teléfonos". O obxectivo? "Comprobar se a xente está facendo publicacións propalestinas e, así, poder arrestar máis persoas" imputándolles posíbeis delitos como o de terrorismo.

E que pasa se non queres entregar o teu móbil? "Á xente que se nega arríncanllos da man e tíranos ao chan para rompelos", precisa esta mesma fonte, que censura a detención de persoas "por partillaren nas redes o que está a pasar en Gaza". Ao longo desta xornada producíronse tamén varias operacións militares simultáneas en diferentes áreas de Cisxordania, como Tamun (Tubas), o campo de refuxiados de Askar (Nablus) e Ramallah, con novas detencións e mortes.

Precisamente este domingo unha trintena de oenegué israelíes e internacionais denunciaron o que consideran como un proceso de "transferencia forzada" en masa dentro de Cisxordania como consecuencia da violencia desencadeada polos colonos, coa conivencia do Goberno, contra a poboación palestina. Entre as entidades asinantes atópanse Amnistía Internacional Israel ou as israelíes Breaking the Silence —colectivo de veteranos ex militares moi críticos coa acción das Forzas Armadas— ou o observatorio B'Tselem.

No seu escrito, demandan "urxentemente á comunidade internacional que deteña esta onda de violencia aprobada polo Estado que está a desembocar nunha transferencia forzada de comunidades palestinas en Cisxordania". Nas últimas tres semanas, alertan, as persoas residentes en cando menos trece comunidades de gandeiros da rexión foron desprazadas forzosamente nun momento "particularmente vulnerábel tamén para os agricultores", pois esta é a época da colleita anual de olivas.

Este mesmo sábado un cidadán palestino, Bilal Mohamed Salé, de 40 anos de idade, foi asasinado por un colono israelí nunha plantación de oliveiras ao sur da cidade de Nablús, un incidente confirmado polo Exército de Israel e que tornou no sétimo asasinato a mans de colonos desde o último estoupido do conflito. As oenegué acusan directamente o Goberno de Netanyahu "de fomentar a violencia" e ao Exército de "permanecer de brazos cruzados" ante incidentes nos que mesmo hai militares presentes.

"É máis, hai constancia de incidentes documentados onde os agresores portaban uniformes militares e armas fornecidas polo Goberno", engaden. "Cunha grave preocupación e un claro entendemento do panorama político, recoñecemos que a única forma de pór fin á transferencia forzada en Cisxordania pasa por unha intervención clara, contundente e directa da comunidade internacional", conclúe o seu manifesto.

Esta fonte de Nós Diario engade tamén o caso recente dun amigo seu: "Os colonos onte [por este sábado] na súa vila asaltaron dous veciños e roubáronlles todo o que levaban enriba. Cartos e teléfono. Tiñan os cartos do soldo do día, por aquí normalmente hai persoas que cobran o 'xornal' diariamente. Foron atacados volvendo do traballo", apunta.

Todos estes actos cruzaron nas últimas horas o océano Atlántico e o asesor de Seguridade Nacional dos Estados Unidos, Jake Sullivan, cualificounos de "totalmente inaceptábeis" e exixiu ao Executivo de Netanyahu que tome cartas no asunto, pois el é "o responsábel de conter os colonos". "Estamos ante un problema que aínda continúa. Esperamos que, co paso do tempo, o Goberno israelí incremente os seus esforzos ao respecto. Esperamos que os colonos extremistas que protagonizan esta clase de violencia rendan contas ante a Xustiza", dixo.

"Ataques deliberados" perto do Hospital Al-Quds

Volvendo a Gaza, a Media Lúa Vermella denunciou este domingo os "ataques deliberados" do Exército de Israel en zonas moi próximas ao Hospital Al-Quds, un recinto sanitario no que se refuxian centos de persoas, varias delas necesitadas de atención médica, e que hoxe mesmo, denunciou a oenegué, recibiu un aviso de "evacuación inmediata" ante a inminencia dun bombardeo.

"As forzas de ocupación israelíes están a lanzar foguetes deliberada e constantemente perto do hospital para obrigar o persoal, os desprazados e os pacientes a evacualo. Estes ataques causaron danos importantes en departamentos do hospital e expuxeron pacientes e residentes ao perigo de asfixia", advertiron, a través das redes sociais.

Desde a oenegué humanitaria Save the Children puxeron de manifesto tamén este domingo que os constantes bombardeos de Israel sobre a Faixa desembocaron nuns niveis de violencia "de proporcións épicas" e practicamente "nunca vistos na historia recente dos conflitos armados en todo o mundo". Unhas 3.195 crianzas morreron nos ataques, case a metade das vítimas totais, e Save The Children estima outro milleiro de nenos e nenas desaparecidas ou sepultadas baixo os cascallos.

Comentarios