Voces de Palestina

Gaith Al Rayyes, de 21 anos, desde Gaza: "Non che podo asegurar que estarei vivo no próximo minuto"

Os máis de dous millóns de persoas residentes na Faixa viven as horas máis críticas logo de que o Exército israelí urxise novamente o desaloxo de toda a rexión norte e advertise que a cidade de Gaza ao completo, a máis poboada, será considerada "campo de batalla" cando accedan as súas tropas. 'Nós Diario' recibe o testemuño de Gaith Al Rayyes, un mozo palestino de 21 anos que relata o cruento día a día no interior do enclave.
Un home observa os edificios derruídos na cidade de Gaza, que tornará na súa totalidade en "campo de batalla", advertiu Israel. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)
photo_camera Un home observa os edificios derruídos na cidade de Gaza, que tornará na súa totalidade en "campo de batalla", advertiu Israel. (Foto: Mohammed Abu Elsebah / DPA)

Gaith Al Rayyes ten 21 anos e, como calquera mozo da súa idade, ten grandes metas e aspiracións. O seu soño é converterse no mellor cirurxián do mundo e así poder "axudar á xente". Pero as súas oportunidades non son as mesmas que a doutros rapaces nados, por exemplo, na Galiza. Gaith naceu en Gaza, un territorio sometido a un forte bloqueo por parte de Israel desde hai case dúas décadas e onde desde o pasado 7 de outubro o son que máis se escoita nas rúas é o da pesada artillaría do Exército hebreo caer sobre elas.

Desde a tarde desta sexta feira apenas chegan noticias da Faixa, pois a conta dos fortes bombardeos quedou totalmente incomunicada e, polo tanto, illada do resto do mundo. Sen internet, sen telefonía móbil, sen luz, cunha carencia cada vez maior de subministros básicos como a auga e con incesantes ataques aéreos aos que agora se suman as primeiras incursións terrestres das tropas israelíes. A primeira hora deste domingo, porén, a compañía telefónica palestina Jawwal informou dunha recuperación "gradual" dos servizos. E o sábado o magnate estadounidense Elon Musk e as autoridades de Exipto, país lindeiro con Gaza, avanzaron as súas intencións de facilitar no posíbel as telecomunicacións.

"O apagón das comunicacións é unha acción máis para intentar impedir a resposta humanitaria aos civís de Gaza. A nosa determinación segue a ser inquebrantábel. Seguiremos cumprindo co noso deber humanitario", alertaba este sábado Philippe Lazzarini, comisionado xeral da Axencia da ONU para as Refuxiadas Palestinas (UNRWA). "Non é posíbel evacuar pacientes nin atopar un refuxio seguro. O apagón de telecomunicacións impide que as ambulancias cheguen a pacientes ou feridos", denuncian desde a axencia.

Pouco antes de que se perdese a comunicación co interior de Gaza —nas últimas horas recuperándose paulatinamente— chegou á redacción de Nós Diario unha mensaxe de Gaith, quen afirma que o único que quere nestes momentos é "vivir como calquera outro ser humano", con todos os seus dereitos, "sobre todo seguridade, estabilidade, protección e vivir en paz". O seu lugar favorito no mundo é o seu "sinxelo horto" nunha zona "calma e relaxada". "Cada vez que me sinto triste ou mal acabo alí, sento e boto unha ollada ás terras e os despexados e azuis cedos para, amodo, volver á calma e relaxarme", di.

Quen guía os seus pasos na vida é a súa nai, toda unha "superheroína" para el. "Quero vivir con total liberdade e seguro no meu país, quero poder durmir cos dous ollos fechados e non ser un mártir asasinado por Israel", engade Al Rayyes. Quere estudar Medicina e especializarse en Cirurxía para así "ser bo é leal" á súa xente e o seu país e poder achegarlles "algo ás súas vidas".

A través dunha mensaxe de voz que se reproduce a continuación, este mozo palestino narra a crueza do día a día en Gaza: "Non podo asegurar que estarei vivo no próximo minuto. Xa non falo dunha hora ou un día, senón do próximo minuto. Nin eu nin a miña familia. Ninguén en Gaza pode". Un testemuño frío e duro pero que as dramáticas cifras de falecidos corroboran: cada catro minutos, de media, súmase unha nova vítima mortal. E cada dez, unha crianza morre. "Se morremos, estaremos en paz", conclúe.

E as ameazas, lonxe de se reduciren, aumentan co paso das horas. Na tarde deste sábado o portavoz do Exército de Israel, Daniel Hagari, enviaba unha nova mensaxe á poboación de Gaza cun ton ameazante que daría paso ao que Israel xa presentou como 'segunda fase' da súa ofensiva, a invasión terrestre: "O tempo esgótase. Pola súa seguridade, urximos todos os residentes no norte de Gaza que marchen cara ao sur". Toda a cidade de Gaza, a máis poboada da Faixa, tornará nun "campo de batalla", anunciaron as autoridades israelíes.

Desde a ONU, declarada 'non grata' por Israel, António Guterres segue a demandar un alto o fogo inmediato ante os milleiros de mortes: "Alentoume o que parecía ser un crecente consenso sobre a necesidade de, cando menos, unha pausa humanitaria en Oriente Medio. Lamentabelmente, porén, sorprendeume unha escalada de bombardeos sen precedentes, socavando os obxectivos humanitarios. Esta situación debe ser revertida".

Comentarios