O planeta alcanza o undécimo mes consecutivo no que se bate o récord de temperatura

No último ano os océanos racharon cada día as marcas de calor.
Inundacións no Brasil a finais de abril. (Foto: Jose Aldenir / Europa Press / Contacto)
photo_camera Inundacións no Brasil a finais de abril. (Foto: Jose Aldenir / Europa Press / Contacto)

O Servizo de Cambio Climático de Copernicus, unha entidade da Unión Europea (UE), ratificou a cuarta feira o avance do quecemento global, ao informar de que o pasado mes foi o abril máis quente desde que existen rexistros. É xa o undécimo mes consecutivo no que se baten marcas de temperatura, algo que comezou en xuño de 2023.

Abril estivo a nivel global 1,58ºC por riba da media de temperatura na época preindustrial, e 0,14ºC por diante do máximo anterior, fixado en 2016. Tras converterse 2023 no ano máis quente detectado, a temperatura media dos últimos doce meses é a máis alta rexistrada nun período semellante, 1,61ºC máis que a media preindustrial.

Esta situación, causada pola queima de combustíbeis fósiles, intensifica os fenómenos meteorolóxicos. Nas últimas semanas producíronse ondas de calor extremo en Asia en paralelo a inundacións masivas no sur do Brasil. En Europa, o mes foi máis húmido do normal, agás no sur do continente e en partes dos Balcáns e Rusia, máis secos.

A suba da temperatura non remite nin coa debilitación do fenómeno do Niño, que tamén afecta o clima global.

Os océanos, ao límite

Á vez, unha análise da canle BBC usando os datos de Copernicus concluíu que cada día do último ano os océanos racharon o seu récord de temperatura para esa xornada. Nos primeiros meses do ano fixou un novo máximo total, con máis de 21ºC.

O quecemento dos océanos é especialmente preocupante posto que absorben arredor dunha cuarta parte do dióxido de carbono que os seres humanos lanzan á atmosfera, ademais de 90% do exceso de calor.

Comentarios