A ONU denuncia crimes de guerra en Gaza mentres se producen "os maiores bombardeos" e as comunicacións están cortadas

"A falta de combustíbel leva ao fechamento de hospitais e panadarías. A xente termina en refuxios en condicións cada vez máis duras, saturados, sen apenas saneamento e bebendo auga en mal estado, o que achega a pantasma de que haxa gromos de enfermidades", alertan desde Nacións Unidas, nunha xornada na que a ofensiva israelí, segundo alertan a 'Nós Diario' fontes desde Palestina, alcanza un nivel inusitado.
Fortes bombardeos sobre Gaza esta sexta feira. (Fonte: Eye on Palestine)
photo_camera Fortes bombardeos sobre Gaza esta sexta feira. (Fonte: Eye on Palestine)

Desde que Israel lanzou a súa maior ofensiva sobre Gaza o pasado 7 de outubro —en resposta ao mortal ataque de Hamás en territorio israelí—, "ningún sitio é seguro" dentro da Faixa. Esa é a advertencia que lanza esta sexta feira a portavoz do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Ravina Shamdasani, quen critica duramente os avisos de evacuación da zona norte desta rexión palestina por parte de Israel mentres mantén un férreo bloqueo que impide tanto a entrada de subministros como, precisamente, a fuxida da poboación.

E na tarde desta sexta feira, no momento de escribir estas liñas, as Forzas Armadas de Israel proseguen a súa xeira de ataques aéreos sobre Gaza. Desta volta, afirman a Nós Diario varias fontes residentes en territorio palestino, cunha intensidade e forza inusitada. "Son os bombardeos máis fortes desde que comezou a guerra, a poboación palestina está a ser atacada por terra, mar e aire", aseguran.

Tamén sinalan que se perdeu a conexión por internet e que tamén fallan as chamadas telefónicas, algo que confirma a operadora de telecomunicacións palestina Jawwal. E hai escasos minutos fixo o propio a Media Lúa Vermella, a través das redes sociais: "Perdemos por completo o contacto coa sala de operacións en Gaza e todos os nosos equipos que operan alí, debido a que as autoridades israelíes cortaron todas as comunicacións fixas, móbiles e de internet"."A xente gazatí que vive fóra está desesperada porque non teñen como se comunicar cos seus familiares", lamentan as mesmas fontes.

"A falta de combustíbel leva ao fechamento de hospitais e panadarías. A xente termina en refuxios en condicións cada vez máis duras, saturados, sen apenas saneamento e bebendo auga en mal estado, o que achega a pantasma de que haxa gromos de enfermidades", alertou Shamdasani. Para Nacións Unidas, os desprazamentos forzosos de milleiros de persoas constitúen un crime de guerra, igual que os "bombardeos indiscriminados" sobre territorios "densamente poboados" ou instalacións protexidas.

Entende Ravina Shamdasani que este tipo de accións son na práctica un "castigo colectivo" a toda a poboación palestina sob o pretexto de dar resposta aos atentados de Hamás. E concretamente un castigo sobre unha poboación, a de Gaza, que xa vivía antes desta última escalada bélica "sometida a unha catástrofe humanitaria", agora agudizada, sen electricidade, comida, combustíbel, auga e outros subministros básicos.

Desde a ONU reiteran o seu chamamento a un alto o fogo inmediato e o fin dos "ataques indiscriminados", unha petición que a responsábel de Dereitos Humanos traslada tamén a Hamás e as milicias da resistencia palestina, a quen pide pór fin ao lanzamento de foguetes contra Israel e a "liberación inmediata e incondicional" de todos os reféns, cuxos secuestros constitúen tamén, acrecenta, "un crime de guerra".

Os hospitais de Gaza, "bases de operacións"?

Esta mesma sexta feira as Forzas Armadas de Israel acusan Hamás de instalar a súa principal base de operacións "baixo o principal hospital de Gaza", o de Shifa, unha acusación que as autoridades palestinas se apresuraron a desmentir. "Hai varios túneles debaixo que conectan o centro médico coas súas inmediacións", afirmou o portavoz do Exército hebreo, Daniel Hagari. "Hamás opera dentro e debaixo do hospital Shifa, así como doutros hospitais en Gaza, a través dunha rede de túneles. E Shifa non é o único hospital. É un entre moitos. O uso de hospitais por parte de Hamás ten carácter sistemático", reiterou, e engadiu que no centro sanitario habería "un centro de mando para dirixir fogo contra Israel".

Esta fora unha acusación promulgada por altos cargos do Goberno de Benjamin Netanyahu nada máis coñcecerse a traxedia do hospital Al-Alhi, apuntando un mísil israelí como responsábel e amparando o suposto ataque, precisamente, en que Hamás operaba desde aí e usaba os civís de "escudos humanos". Unha tese, porén, que as mesmas fontes desbotaron rapidamente e mudaron pola do presunto foguete falido da Yihad Islámica. Desde o hospital de Al-Quds aseguraron, aliás, recibir varios avisos de evacuación por parte de Israel que reforzarían a hipótese do ataque israelí, ao abeiro tamén das acusacións de hoxe de Hagari.

Comentarios