Voces de Palestina

Mohanad Abu Aabed, estudante de Dereito en Gaza: "Non marcharemos, aínda que destrúan as nosas casas e martiricen as nosas familias"

Mohanad é un de tantos mozos palestinos cuxa vida parou o pasado 7 de outubro co inicio da maior e máis mortífera ofensiva de Israel sobre a Faixa de Gaza. Toda a poboación, tamén o persoal sanitario, e os propios hospitais, están no albo dos ataques, asegura, malia que non perde a esperanza nin o desexo de ficar no seu fogar. "Malia todo, nunca abandonaremos", apunta, nunha mensaxe de voz para 'Nós Diario'.
Dous mozos observan como unha escavadora retira os cascallos aos que un edificio quedou reducido en Khan Younis, cidade natal de Mohammad. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Dous mozos observan como unha escavadora retira os cascallos aos que un edificio quedou reducido en Khan Younis, cidade natal de Mohammad. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News / Contactophoto)

Máis de 8.000 persoas faleceron en Gaza a conta dos incesantes bombardeos israelíes só desde o pasado 7 de outubro, unha cifra inédita na historia recente de Palestina. Cada catro minutos, unha nova vítima mortal. A poboación civil está a vivir "un inferno na terra", alertan desde a ONU e distintas oenegués. Para os máis de dous millóns de persoas que residen na Faixa —perto da metade desprazada forzosamente das súas vivendas no norte—, a vida parou hai tres semanas. Cada día as autoridades palestinas dan conta do balance de mortes, varias decenas, mesmo centos nas peores xornadas. Centos de persoas, centos de vidas, diluídas en longas listaxes como meros números.

Os seus soños, aspiracións, estudos, traballos, ilusións, afeccións... todo iso queda nun segundo plano mentres nas rúas estoura o brusco son da artillaría da aviación de Israel. As comunicacións, tanto telefonía móbil como internet, cortáronse a pasada sexta feira, deixando a rexión completamente illada do resto do mundo. Agora comezan a recuperarse, parcial e paulatinamente, e á redacción de Nós Diario chega unha nova mensaxe desde o interior de Gaza.

Mohanad Abu Aabed ten 22 anos e estuda Dereito na Universidade de Gaza, a mesma que o pasado 11 de outubro foi albo dos ataques de Israel, que alegou que parte das súas instalacións, reducidas a cascallos como máis de 177.000 vivendas até o momento, constituían un "importante centro de poder político e militar" de Hamás. "Son único en todos os sentidos posíbeis e o que me diferencia é o respecto que me gaño da xente, a miña boa reputación e a confianza que depositan en min", asegura Mohanad.

O seu principal hobby era o debuxo, mais agora enfoca todos os seus esforzos na súa verdadeira "paixón polo Dereito". "Aspiro a converterme nun profesional neste campo e o que máis valoro de min é a confianza e o orgullo que posúo", conta, na mensaxe recibida por este xornal. A súa cidade natal, Khan Younis —ao sur da rexión— é o seu lugar preferido de Gaza, o que máis ama, mais asegura que lle vale calquera lugar, "a condición" de que estea cos seus amigos. E a súa referente na vida, a "persoa favorita", é a súa nai.

Se falamos de gustos musicais, este mozo palestino destaca o artista exipcio Tamer Ashour. "Sempre prefiro a música relaxante e gústame especialmente este cantante", afirma. Mohanad decidiu especializarse en Dereito porque sempre foi o seu gran soño desde que era neno. "E estou agradecido de poder logralo", celebra.

A través dunha mensaxe de voz, transmítenos a loita diaria dos palestinos pola supervivencia e a súa firme convicción, porén, de non abandonar os seus fogares pase o que pase. "Xuro que nunca marcharemos. Aínda que destrúan as nosas casas e martiricen as nosas familias, non nos iremos. Nunca abandonaremos Gaza", apunta, con rotundidade.

Nos últimos días varias oenegué e a propia ONU alertaron dos avisos de evacuación de hospitais como o de Al-Quds e dos bombardeos que xa se están a producir nas súas inmediacións. "Aquí, en Gaza, médicos e pacientes son todos mártires. Hospitais, escolas e mesquitas están a ser destruídos", lamenta Mohanad, que conclúe: "Malia todo, nunca abandonaremos".

Comentarios