Principia o alto o fogo en Gaza

A pesar das reticencias israelís ao comezo do alto o fogo, Qatar, que mediou nas negociacións, ratificou que finalmente iniciará esta sexta feira, nunha tregua que beneficia Hamás a nivel político e Israel no plano militar, todo iso no medio da emerxencia humanitaria en Gaza.
Neno palestino ferido nos ataques israelís nunha escola usada como refuxio en Khan Younis, no sur da Faixa de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Neno palestino ferido nos ataques israelís nunha escola usada como refuxio en Khan Younis, no sur da Faixa de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Cando todo estaba preparado para a entrada en vigor ás 10 da mañá desta quinta feira -hora local- do alto o fogo de catro días na Faixa de Gaza, pactado pola forza que goberna o territorio palestino, Hamás, e o Goberno de extrema dereita de Israel, e pouco despois de que un funcionario sionista confirmara aos medios locais o horario, na madrugada o Executivo deu marcha atrás. Entrementres fontes israelís inculparon a organización palestina por non enviar a listaxe das primeiras persoas capturadas o 7 de outubro que serían liberadas nun intercambio con persoas palestinas encarceradas en prisións israelís, un funcionario palestino atribuíu en declaracións á axencia AFP o atraso a detalles de “último momento” sobre que persoas capturadas serían liberadas e como.

O voceiro de Hamás, Walid Kilani, incidiu en que “a pesar da oposición dalgunhas persoas ao acordo” de tregua “varios factores obrigaron [o primeiro ministro israelí Benjamin] Netanyahu a aceptalo”, e sostivo que o grupo “segue a ser cauteloso sobre a entrada en vigor do acordo por mor da falta de confianza que temos no inimigo”. Nese momento, Washington trasladou que tiña a “esperanza de que a implementación comece a sexta feira pola mañá”, e Francia, un Estado membro da Unión Europea, que canda os Estados Unidos é o principal aliado israelí, recalcou que o alto o fogo debería principiar “sen máis demora”.

O analista político da canle Al Jazeera, Marwan Bishara, advertira antes de facerse público o cambio de postura en Tel Aviv, a capital de Israel, que “non creo que os israelís falen en serio” e “aínda poderían atopar unha maneira de violalo [o alto o fogo]”, e explica que “os israelís sentíronse premidos a aceptar isto”, polo que “non teñen boas intencións ao acceder”, aceptando a tregua con “amargura” ao tempo que “non poden agardar que remate para poder continuar coa invasión”.

O docente do Instituto de Estudos de Posgrao de Doha Mohamad el Masry definiu como “notábel” que se chegara a producir un acordo neste sentido após reiterar Netanyahu que “non tiña nada para Hamás máis aló da forza militar” e que “non ía dialogar con eles a ningún nivel”. “Porén, aquí está, aceptando un acordo que estivo sobre a mesa durante moitas semanas”, resolveu, á vez que un portavoz de Hamás, Osama Hamdan, acusaba Netanyahu de obstaculizar a sinatura dun texto pactado hai “máis de dez días”.

Finalmente, xa pola tarde, foi Majed Al Ansari, voceiro do Ministerio de Asuntos exteriores de Qatar, que mediou no entendemento, o que anunciou que o alto o fogo entraría en vigor ás 7 da mañá da sexta feira en Palestina -as 6 na Galiza-. O primeiro grupo de 13 mulleres e menores de idade capturados será liberado ás 16 horas en Gaza, o mesmo día da liberación do primeiro grupo de 39 mulleres e menores de idade palestinos capturados por Israel. Ao longo dos catro días de tregua, Israel liberará 150 persoas e as autoridades da Faixa 50.

Con posterioridade, haberá un día máis de cesamento das hostilidades de producirse intercambios de 10 persoas capturadas en Gaza por 30 en mans de Israel. O Executivo israelí afirmou que a duración máxima do alto o fogo será de 10 días, nunha medida apoiada por Washington, que está en contra de que derive nunha tregua indefinida.

Beneficios para Israel e Hamás

Zoran Kusovac, correspondente de guerra e analista de seguridade e xeopolítica, indica que a tregua é beneficiosa desde a perspectiva política para Hamás mais sen ningunha vantaxe no eido militar, pola contra, para Israel é beneficiosa a nivel militar mais negativa no ámbito político.

Ao respecto da organización palestina, detalla que tanto a negociación como o acordo constitúe unha “importante vitoria psicolóxica, política e estratéxica” no tocante ao seu recoñecemento como quen “ten control sobre o terreo”. Así e todo, debulla que, tendo en conta que ao manter baixo terra o seu armamento e combatentes non precisa de pausas para reagruparse e mobilizarse, non hai ningunha ganancia militar obvia da tregua.

Sobre Israel, abunda en que malia a chegada masiva de armamento estadounidense por vía aérea o ritmo de bombardeos indiscriminados contra Gaza está a esgotar as súas reservas de armas, e necesita avaliar as súas tácticas, logo de apenas penetrar no centro urbano da cidade de Gaza en case catro semanas de invasión terrestre, facendo fincapé en que “informes fiábeis” revelan que até 30 tanques Merkava israelís foron destruídos ou ficaron “demasiado danados para usarse”.

Xa no plano político, que Netanyahu e o seu Gabinete aceptaran a tregua despois de negarse repetidamente implica que “o público o verá como debilidade, sen importar como intenten xustificar ceder ante a presión internacional”, e de ser un éxito, o mundo podería cuestionar os motivos para non ampliala.

O mesmo apuntou o xornal Haaretz, que fixo énfase en que, aínda que acabar con Hamás “segue a ser o obxectivo militar até o de agora, é só retórica”. A agresión israelí contra Gaza está considerada por persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) como unha limpeza étnica e un xenocidio perpetrado contra o pobo palestino.

Tel Aviv arresta o director do hospital al Shifa

O director do hospital al Shifa do norte de Gaza, que foi bombardeado, asediado e invadido por Israel, Muhammad Abu Salmiya, foi detido hoxe polas tropas sionistas xunto a outro médico e dúas enfermeiras cando se trasladaba ao sur da Faixa nun convoi da Organización Mundial da Saúde (OMS) con pacientes.

O Exército israelí comunicou que foi arrestado para ser interrogado polo suposto “centro de mando e control de Hamás” baixo o centro médico, teoría que Israel non puido demostrar aínda expulsando os doentes e refuxiados e destruíndo múltiples seccións do centro.

O Ministerio de Saúde de Gaza cuestionou que a entidade da ONU non remitira ningún informe para “explicar a situación”. Con posterioridade, acusou o organismo internacional do arresto e decidiu suspender a coordinación coa OMS na evacuación de persoas feridas e persoal médico. Varias entidades israelís en defensa dos dereitos humanos denunciaron en múltiples ocasións o uso da tortura contra os palestinos detidos polo réxime de apartheid de Tel Aviv.

Israel prosegue cos bombardeos indiscriminados contra civís, que hoxe se centraron no sur da Faixa. Desde o 7 de outubro 14.854 persoas foron asasinadas polos sionistas en Gaza, delas máis de 6.150 eran crianzas, e 7.000 persoas palestinas están desaparecidas.

Comentarios