España comprométese a recoñecer Palestina: que países xa o fan?

Pedro Sánchez marca como prioridade para a presente lexislatura o recoñecemento do Estado palestino.
Manifestación en defensa da poboación palestina en Washington, capital dos EUA, país que non recoñece o Estado palestino. (Foto: Branden Camp / ZUMA Press Wire)
photo_camera Manifestación en defensa da poboación palestina en Washington, capital dos EUA, país que non recoñece o Estado palestino. (Foto: Branden Camp / ZUMA Press Wire)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, realizará esta quinta e sexta feira unha pequena xira por Israel, Palestina e Exipto acompañado polo primeiro ministro belga, Alexander de Croo. O presidente marcouse como prioridade para esta lexislatura o recoñecemento do Estado palestino, mais quere que isto se faga en conxunto con outros socios europeos e que non sexa un mero xesto declarativo. Estas son as cuetións que abordarán nos encontros previstos co presidente israelí, Isaac Herzog, e o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, o presidente palestino, Mahmud Abbas, e o presidente exipcio, Abdelfatá o Sisi.

Até a data, son un total de 139 países os que recoñecen de xeito diplomático o Estado de Palestina, case todos membros da ONU. Destes, só nove forman parte da UE: Suecia, Bulgaria, Chipre, República Checa, Hungría, Malta, Polonia, Rumanía e Eslovaquia, e moitos deles deron o paso antes da súa entrada na comunidade. España non está entre eles, a pesar de varios intentos de recoñecelo e de levar anos na axenda política do PSOE.

Mapa de países que recoñecen o Estado de Palestina
Mapa de países que xa recoñecen o Estado de Palestina. (Imaxe: Wikimedia Commons)

A lista de estados que recoñecen a Palestina está composta pola maioría dos países de América Latina e África. Así como pola meirande parte dos estados árabes de Oriente, e os do noroeste de Europa, como os xa nomeados pertencentes á UE. Tamén ten o recoñecemento de grandes potenciais mundiais como Rusia e China; non así dos Estados Unidos, socio estratéxico de Israel.

De feito, os EUA votaron en contra hai xa unha década da Resolución 67/19, que buscaba admitir Palestina como Estado observador da ONU. Canda estadounidenses e israelíes opuxéronse outros sete países: Canadá, Illas Marshall, Micronesia, Nauru, Palaos, Panamá e República Checa. Outros cinco estiveron ausentes na sesión -Guinea Ecuatorial, Kiribati, Liberia, Madagascar e Ucraína- e até 41 abstivéronse, por volta de 138 votos favorábeis, entre eles Portugal e o Estado español.

Aquí entra en xogo a celebración dunha Conferencia Internacional de Paz, iniciativa impulsada por Sánchez á que lle deron o seu beneprácito esta terceira feira máis de 80 países, desde a UE, os países árabes e China. Destes estados que respaldaron a proposta española 27 son membros da UE.

O Goberno estatal marca un plazo de arredor de seis meses para que se den as condicións propicias para unha conferencia exitosa, na que estén presentes as partes e a comunidade internacional, para procurar de maneira conxunta unha solución ao conflito.

Comentarios