O Exército israelí acrecenta a súa ofensiva contra hospitais: "Xa non hai ningún lugar seguro en Gaza"

"Moitas persoas tentaran abandonar o Hospital Indonesio e foron atacadas", alertan as autoridades palestinas sobre o último ataque israelí a un centro sanitario.
Pacientes no Hospital de Al-Shifa, atacado e asaltado polos militares israelíes. (Foto: Saeed Jaras / Contacto via Europa Press)
photo_camera Pacientes no Hospital de Al-Shifa, atacado e asaltado polos militares israelíes. (Foto: Saeed Jaras / Contacto via Europa Press)

Máis de 13.000 persoas faleceron —unhas 5.500 delas menores de idade— no último mes e medio en Gaza, desde que comezou unha ofensiva israelí sen precedentes que está levar o enclave á práctica destrución. Da magnitude dos feitos alerta o secretario xeral da ONU, António Guterres, que afirma que a actual "matanza de civís" non ten "paralelismo" con ningún outro conflito desde que accedeu ao cargo en 2017. Guterres confía, con todo, en "transformar en oportunidade" a traxedia e camiñar cara á solución de dous Estados, para o que ve necesario que a Autoridade Palestina de Mahmoud Abbas acabe tomando o control tamén de Gaza.

A fame e as enfermidades esténdense por toda a Faixa como nunca antes debido á escaseza de alimentos e outros subministros básicos, o que as autoridades palestinas entenden como un "plan malicioso" da comunidade internacional, "encabezada polos Estados Unidos", para "baleirar Gaza e desprazar a súa poboación a Exipto". De feito, máis de 1,7 millóns de persoas tiveron que abandonar xa os seus fogares, a práctica totalidade dunha rexión habitada por perto de 2,2 millóns, alertan desde Nacións Unidas.

As autoridades palestinas prenden todas as alarmas e chaman a abrir de forma permanente o paso fronteirizo de Rafah para permitir a entrada de bens esenciais: "Día tras día, a situación humanitaria empeora e deteriórase dunha maneira sen precedentes. A situación sobre o terreo está a volverse máis desastrosa e é peor que calquera cousa que a Faixa de Gaza experimentase antes [...] As tendas están a sufrir unha seca de alimentos básicos como fariña, aceite e arroz".

Moitas das persoas desprazadas buscan refuxio nos hospitais, ateigados ao acolleren centos de persoas por riba da súa capacidade, ou instalacións da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), como escolas. Pero nestes momentos ningún lugar é seguro: varias decenas de edificios da UNRWA foron atacados pola aviación israelí, ao que se suman os bombardeos e incursións terrestres en diferentes centros hospitalarios como o de Al-Shifa, o principal do enclave, ou o Indonesio, onde as tropas hebreas seguen hoxe "estreitando o cerco".

"Non hai garantías sobre corredores seguros", advirten as autoridades. Pase o que pase, porén, o persoal sanitario non abandonará o recinto "até que o último ferido sexa evacuado", dixo o portavoz do Ministerio de Sanidade, Ashraf al-Qidra, ao tempo que acusou Israel de pretender convertelo "nunha base militar, após os seus crimes en Al-Shifa". Precisamente a mesma acusación que lanzaron desde o Goberno de Benjamin Netanyahu, afirmando que hospitais como estes dous son centros operacionais de Hamás, algo negado reiteradamente por xornalistas, médicos e mesmo polo Goberno de Indonesia no caso do centro que sufragou.

Dentro do Indonesio hai nestes momentos unhas 700 persoas, das que 260 están feridas ou enfermas. "A ocupación israelí podería usalos como escudos humanos, como fixo en Al-Shifa", sinalou Al-Qidra, que lamentou tamén que "non hai noticias" da evacuación de pacientes, sanitarios e desprazados deste hospital asediado e asaltado nas últimas xornadas e que se atopan "nunha situación tráxica, sen auga, electricidade ou comida". Unha trintena de bebés prematuros tiveron que ser evacuados este domingo pola Media Lúa Vermella e a OMS a Exipto a través de Rafah, pois corrían perigo de morte, como viñan alertando as autoridades nos últimos días.

No caso do Hospital Indonesio, varios dos seus edificios quedaron destruídos, informou o director xeral do Ministerio, Munir al-Bursh. "Moitos tentaron abandonar o hospital e foron atacados", denunciou o alto funcionario, quen precisou que "máis de cen pacientes necesitan cirurxías urxentes, cun persoal médico limitado". "Os ataques da ocupación contra o hospital buscan pór fin a todos os servizos sanitarios no norte de Gaza", censurou. Segundo a axencia palestina de noticias Maan, Israel atacou este recinto con artillaría mentres os tanques avanzan "coa aparente intención de arrodealo".

Esta ofensiva contra o hospital foi condenada novamente hoxe, "nos termos máis firmes", polas autoridades indonesias. A ministra de Exteriores, Retno Marsudi, salientou que os ataques son "unha clara violación do Dereito Internacional Humanitario". "Todos os países, especialmente os que teñen relacións próximas con Israel, deben usar toda a súa influencia e as súas capacidades para pedir a Israel que poña fin a estas atrocidades", recalcou.

Entre o domingo e esta segunda feira producíronse diferentes ataques de Israel que poderían constituír crimes de guerra, sinalan desde Amnistía Internacional. Os ataques, precisan, alcanzaron unha igrexa ortodoxa grega, a de San Porfirio, na que se refuxiaban unhas 450 persoas desprazadas, así como vivendas dun campo de refuxiados de Nuseirat. Non é a primeira vez que o Exército hebreo apunta a este tipo de obxectivos. Foron "ataques indiscriminados ou ataques directos contra civís" e deixaron un bebé de tres meses como a vítima máis nova e unha muller de 80 anos como a de maior idade, lamenta a oenegué.

"Nesta guerra non hai ningún lugar seguro en Gaza. Hai bombardeos en todas partes, día e noite", denunciou Ramez al-Sury, pai de familia que perdeu os fillos e outros dez familiares no ataque contra a igrexa ortodoxa. "Aquí non hai nada, e agora non nos queda nada. Derrubouse todo de forma inesperada", sentenciou Hani al-Aydi, unha das poucas sobreviventes do ataque no campo de Nuseirat.

Tamén alertou da ofensiva contra centros sanitarios Médicos Sen Fronteiras, que informou dun ataque contra a súa clínica na Cidade de Gaza que deixou "ardendo en chamas" o edificio e calcinou varios dos seus vehículos medicalizados. "É un perigo extremo", censuraron.

Comentarios