Netanyahu admite que a ocupación de Gaza será "indefinida" namentres Washington volve vetar un alto o fogo na ONU

Os EUA e a UE, cada vez máis sós no apoio a Israel
Nena ferida nun ataque israelí hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Nena ferida nun ataque israelí hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O primeiro ministro do Executivo de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, recoñeceu na madrugada de hoxe que “Israel continuará en Gaza por un período indefinido despois da guerra”, en alusión á agresión israelí contra o territorio palestino que comezou hai un mes, e que foi cualificada por persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) como unha operación de limpeza étnica e un xenocidio contra o pobo palestino.

O titular de Defensa, Yoav Gallant, insistiu nese punto e ratificou que Tel Aviv busca ter “absoluta liberdade de acción” na Faixa. A pesar dos anuncios israelís de avances na invasión terrestre do norte de Gaza, Ibrahim Fraihat, do Instituto Doha, indicou a medios árabes que a operación estase a “estancar”, entre reportes de múltiples combates coa resistencia palestina.

Asemade, apunta que incluso desde o seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos, está a aumentar a presión contra Israel a raíz das múltiples críticas no seo das institucións gobernamentais á luz verde outorgada aos ataques e bombardeos indiscriminados do Exército israelí contra Gaza.

No que o secretario xeral da ONU, António Guterres, definiu como “unha traxedia de proporcións colosais”, Israel asasinou 10.328 persoas en Gaza, máis de 40% nenas e nenos, onde proseguen os bombardeos contra campos de refuxiados e áreas residenciais. Ao tempo, Tel Aviv alertou de que bombardeará o hospital al-Rantisi, no marco da vaga de ataques contra centros médicos.

Á vez, continúan os ataques selectivos contra xornalistas palestinos. Abu Hasira, da axencia WAFA, foi asasinado hoxe canda 42 membros da súa familia, incluídas as súas crianzas, no bombardeo á súa vivenda.

Ameazas de ataques nucleares contra Gaza

Na madrugada de hoxe, segundo informa a axencia AP, o Consello de Seguridade da ONU foi incapaz de pactar unha resolución para pór fin á agresión israelí, ao negarse Washington a aceptar as exixencias da maioría dos Estados membros para reclamar un “alto o fogo humanitario”, mesmo despois de que o ministro de Patrimonio israelí, Amichai Eliyahu, ameazara con lanzar unha bomba nuclear contra Gaza.

Aínda que é coñecido que Tel Aviv conta con armas nucleares nunca o quixo confirmar, a ese respecto, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zakharova, cuestionou “onde están as organizacións internacionais, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica, os inspectores?”, e acusou os Estados Unidos de apoiar a adquisición israelí de armas atómicas.

Comentarios