Israel non atopa ningunha base de Hamás logo de asaltar o hospital Al-Shifa mentres Gaza fica sen comunicacións

Tel Aviv, desacreditado ao non achar ningunha base de Hamás baixo o centro médico, como aseguraran xunta Washington.
Membros da familia Qadeeh asasinados por Israel no sur da Faixa de Gaza, antes de ser enterrados. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Membros da familia Qadeeh asasinados por Israel no sur da Faixa de Gaza, antes de ser enterrados. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Despois de constatarse o fracaso israelí á hora de tratar de demostrar a suposta existencia do cuartel xeral do grupo palestino Hamás baixo o hospital al Shifa de Gaza, Jawwal e Paltel, as principais empresas de telecomunicacións na Faixa, anunciaron hoxe unha apagada total dos servizos de telefonía fixa, móbil e de internet no territorio palestino, ao esgotarse as últimas reservas de combustíbel.

O director xeral da oficina de medios de Gaza, Ismail Thawabta, alertou de que provocará aínda máis “crimes de guerra” por parte do Exército israelí, ao impedir denunciar os masacres que está a cometer, que ficarán “ocultos aos ollos das organizacións internacionais”, ademais de imposibilitar o contacto cos equipos médicos e todas as institucións da Faixa.

48 horas despois da invasión israelí do hospital al Shifa, onde tanto o Goberno de extrema dereita israelí como os Estados Unidos aseguraran que había unha base de operacións de Hamás para xustificar o ataque, a axencia AP admitiu que a operación “non revelou” base ningunha, como as autoridades do hospital e o grupo palestino defendían.

A pesar de que tanto Tel Aviv como Washington continúan a soster a mesma versión, Israel tivo que recoñecer que non atoparon combatentes palestinos no centro, no que están a destruír desde dentro e con bombardeos varias seccións, nin túneles, como auguraban.

Os militares israelís difundiron que encontraron tres bolsas, cada unha cun fusil, granadas e uniformes de Hamás, así como un ordenador portátil, algo que o grupo palestino considerou “ridículo” e unha escena preparada. O primeiro vídeo difundido por Israel sobre os achados foi borrado logo de que un xornalista do xornal The New York Times publicara que no portátil se apreciaba unha imaxe dunha soldado israelí que, segundo Tel Aviv, foi liberada na invasión do norte de Gaza mais que até ese momento non aparecía na lista pública israelí de persoas capturadas por Hamás, que negou que estivera no seu poder en ningún momento.

Mouin Rabani, analista militar residente no Canadá, comparou na canle Al Jazeera as afirmacións israelís coas supostas armas de destrución masiva do Iraq. Así e todo, as tropas sionistas seguen a impedir a evacuación das persoas doentes e refuxiadas no centro, moitas das que golpearon ou detiveron, e enviaron máis tanques ao interior. O director do hospital, Muhammad Abu Salmiya, informou de que os soldados levaron todos os cadáveres de persoas que asasinaran do centro e das proximidades, así como que case non hai auga, logo dos ataques á subministración do lugar, e describiu unha situación “catastrófica” na que os pacientes están a morrer pola falta de dispositivos médicos.

Entrementres, foi asediado o hospital al Ahli, no que un mísil israelí xa matou case 500 persoas, e os bombardeos indiscriminados estanse a producir por toda Gaza, con máis de 11.000 persoas asasinadas, no que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) denunciaron como un xenocidio.

No Consello de Seguridade da ONU foi aprobada unha resolución que pide “pausas e corredores humanitarios urxentes e prolongados”, após o veto estadounidense a aceptar un alto o fogo. Todos os Estados membros votaron a favor agás as abstencións de Rusia (por non pedir un alto o fogo), os Estados Unidos e o Reino Unido (por non condenar Hamás).

Comentarios