Sánchez defende ante Abbas que a Autoridade Palestina asuma o control de Gaza e a solución de dous Estados

Moncloa entende que a Autoridade Palestina é o "único interlocutor lexítimo" pola parte palestina e aposta por reforzar ese rol en contraposición con Hamás.
Pedro Sánchez, Mahmoud Abbas e Alexander de Croo, hoxe, en Ramallah. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, Mahmoud Abbas e Alexander de Croo, hoxe, en Ramallah. (Foto: Europa Press)

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, defendeu hoxe ante o presidente da Autoridade Palestina, Mahmoud Abbas, que debe ser esta a que asuma o control da Faixa de Gaza unha vez conclúa o actual conflito con Israel, á vez que lle reiterou o "compromiso" do Estado español coa materialización da solución de dous Estados, segundo informaron fontes gobernamentais.

Sánchez, xunto co primeiro ministro belga, Alexander de Croo, foi recibido por Abbas na Mukata, a sede da Presidencia da Autoridade Palestina, entidade que o presidente defendeu que debe ser quen asuma o control de Gaza, como tamén lles trasladou ao presidente e o primeiro ministro israelíes, Isaac Herzog e Benjamin Netanyahu, nos encontros que mantivo previamente con eles.

Moncloa entende que a Autoridade Palestina é o "único interlocutor lexítimo" pola parte palestina e aposta por reforzar ese rol en contraposición con Hamás, cuxos integrantes, defendeu precisamente Sánchez tras visitar un dos kibutz atacados o 7 de outubro, "deben render contas". Á súa vez, o presidente palestino manifestou que estaría disposto a iso, pero con certas circunstancias previas.

A Abbas, á fronte da Autoridade Palestina desde 2005, o presidente Sánchez reiteroulle o "compromiso de España" coa solución de dous Estados, que entende que é a mellor vía para lograr a paz e para "garantir a seguridade de Israel", como aspira precisamente o Executivo deste país. Tanto ante o presidente palestino como ante os seus interlocutores israelíes, defendeu que debe ser un "Estado viábel".

Durante o debate de investidura, o presidente do Goberno español trasladou que unha das súas prioridades nesta lexislatura será o recoñecemento do Estado palestino. Sánchez quere dar ese paso, como reclamou o Congreso en 2014, pero non quere que se trate dun "mero xesto declarativo", segundo explica Moncloa. Por iso é polo que a vontade do presidente é recoñecer ao Estado palestino de forma coordinada con outros socios europeos co obxectivo de que iso poida contribuír ao obxectivo último, que non é outro que "a paz na rexión".

Neste sentido, Abbas, co que Sánchez xa tivo ocasión de verse o pasado 22 de outubro durante unha conferencia organizada pola Presidencia exipcia no Cairo, agradeceu ao presidente do Goberno a súa disposición para traballar para o recoñecemento de Palestina, no que se enmarca a súa proposta dunha conferencia internacional de paz, que xa avalan, segundo Moncloa, máis de 80 países, incluídos os da UE.

Comentarios