Israel recoñece os bombardeos contra civís nun campo de refuxiados mais mantén o aval dos Estados Unidos e a Unión Europea

As denuncias polo "xenocidio" que Israel está a cometer contra Palestina esténdense no seo da ONU, así e todo, co apoio dos Estados Unidos e a súa negativa a un alto o fogo, Israel prosegue coa destrución de Gaza e da poboación palestina baixo asedio.
Unha crianza palestina ferida nos ataques israelís durante o seu traslado a Exipto para recibir tratamento, hoxe. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News)
Editorial licence valid only for Spain and 3 MONTHS from the date of the image, then delete it from your archive. For non-editorial and non-licensed use, please contact EUROPA PRESS.
01/11/2023 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Unha crianza palestina ferida nos ataques israelís durante o seu traslado a Exipto para recibir tratamento, hoxe. (Foto: Rizek Abdeljawad / Xinhua News)

Por segunda vez en 24 horas, Israel bombardeou hoxe o campo de refuxiados de Jabalia, un dos oito da Faixa de Gaza, cheos de persoas refuxiadas das dúas limpezas étnicas cometidas antes do 7 de outubro por Tel Aviv contra o pobo palestino. Pouco antes, Martin Griffiths, secretario xeral adxunto de Asuntos Humanitarios da Organización das Nacións Unidas (ONU), afirmara que o ataque da terza feira se tratou da “última atrocidade”, con arredor de 50 palestinas e palestinos asasinados logo do lanzamento de bombas contra áreas residenciais.
Richard Hecht, voceiro do Exército israelí, admitiu ter coñecemento de que era unha zona densamente poboada por civís, e limitouse a sinalar que “esa é a traxedia da guerra”. Os militares israelís sosteñen que o ataque matou un comandante do grupo palestino Hamás.

Porén, a organización negou que ningún dos seus comandantes se atopara alí, e informou de que os que si faleceron no ataque foron sete persoas capturadas na operación do 7 de outubro, tres delas con pasaportes non israelís. “Confirmamos a nosa disposición a liberar os prisioneiros estranxeiros, pero Israel está a obstruílo”, trasladou. Catro persoas foron liberadas por motivos humanitarios.

Hai uns días, Hamás apuntou que medio centenar das 239 persoas capturadas que estimou Israel terían morto nos bombardeos indiscriminados sobre a Faixa de Gaza, que se suman ao incremento da represión contra as e os palestinos de Cisxordania. Hamás ofreceu a súa liberación a cambio das case 7.000 presas e presos palestinos en Israel.

En Gaza, 8.796 persoas foron asasinadas polos ataques israelís, 3.648 delas crianzas, que proseguen en todo o territorio habitado por 2,3 millóns de persoas. Laila Baker, do Fondo de Poboación da ONU, denunciou a difícil situación para as mulleres embarazadas, que está a provocar que as cesáreas se teñan que efectuar sen anestesia, logo do bloqueo israelí á entrada de subministracións na Faixa e dos ataques contra hospitais e persoal médico. Isto non evita que tanto os Estados Unidos como a Unión Europea manteñan o seu apoio fechado á agresión israelí e rexeiten reclamar un alto o fogo humanitario.

Por primeira vez desde o comezo desta agresión israelí, foi aberto o paso fronteirizo de Rafah, entre Gaza e Exipto, tamén bombardeado polas tropas sionistas. 76 persoas feridas -das máis de 22.000 rexistradas- puideron cruzar para recibir asistencia, así como 335 palestinas e palestinos que contan con pasaportes estranxeiros.

Sexa como for, esta apertura “é unha pinga no océano das intervencións necesarias para deter estes masacres”, apuntou Tamer Qarmout, docente de Políticas Públicas no Instituto de Estudos de Posgrao de Doha.

No que atinxe á invasión israelí do norte de Gaza por varias frontes, tratando de illar a cidade de Gaza do resto da Faixa, Israel proclama que está a obter avances e a debilitar Hamás, con todo, os reportes da zona detallan que se están a producir combates na contorna da urbe. O analista militar Ejaz Haider explica que co ataque terrestre Israel “está a perder a súa vantaxe” fronte á resistencia palestina ao ter que loitar “rúa a rúa”, apuntando que os cascallos xerados polos bombardeos dificultan o seu uso de tanques e vehículos blindados.

Pola súa parte, Khaled Al Hroub, profesor da Northwestern University, reclamou “ser extremadamente cautelosos” ao dar credibilidade ás afirmacións israelís, sobre todo ao producirse un segundo corte das comunicacións, o que xera que teña o “monopolio” da información. Tamén indicou que os continuos lanzamentos de proxectís contra Israel desde Gaza incluso nestes momentos cuestiona que Hamás se estea a debilitar.

Nese sentido, e no que é unha práctica habitual de Tel Aviv, o Goberno de extrema dereita de Israel xa negou ter atacado un hospital en Gaza no que foron asasinadas máis de 400 persoas, isto a pesar das probas e de ter demandado antes a súa evacuación para bombardealo, tamén difundiu que na súa operación terrestre liberou unha soldado. O nome da soldado só foi incluído tras a súa suposta liberación na lista de persoas capturadas elaborada por Israel, mentres, Hamás nega que fora unha das capturadas.

Israel bombardeou a súa cidadanía o 7 de outubro

As dúbidas sobre a credibilidade israelí alcanzan até ás 1.400 mortes que lle atribúe a Hamás na operación do 7 de outubro, que cuestionan os medios locais. O xornal Haaretz recompilou testemuños que aseguran que tras a sorpresa inicial o alto mando militar israelí recibiu ordes de “bombardear as casas” para acabar con combatentes palestinos “xunto aos reféns”.

O mesmo aconteceu coa base militar de Erez, tomada polos palestinos, e que foi bombardeada con oficiais e tropas israelís no seu interior. Esta actuación foi confirmada por Yasmin Porat, capturada nun primeiro momento por Hamás, que detallou a Israel Radio que os tanques israelís dispararon contra as casas do seu asentamento e causaron varias mortes israelís.

O mesmo recoñeceron pilotos de helicópteros militares ao portal Mako, afirmando que ante a falta de información de Intelixencia dispararon indiscriminadamente contra as persoas que topaban, entre as que estaban as que fuxían do festival de música Nova nas proximidades de Gaza.

América Latina reacciona contra o "xenocidio"

Bolivia converteuse no primeiro país en rachar relacións con Israel polas violacións ao dereito internacional na súa “desproporcionada” agresión contra Gaza. Outros dos Estados latinoamericanos con Gobernos progresistas, Chile e Colombia, retiraron os seus embaixadores en Tel Aviv.

O líder colombiano, Gustavo Petro, acusou Israel de “xenocidio" contra Palestina e cualificou o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, de "criminal contra a humanidade”, afeando aos aliados de Israel que "non poden falar de democracia". Despois disto, Xordania tamén retirou o seu embaixador en Israel.

Asemade, o director da oficina en Nova York do Comité de Dereitos Humanos da ONU, Craig Mokhiber, denunciou ao presentar a súa renuncia “un caso de manual de xenocidio”, e subliñou que “o proxecto colonial europeo, etnonacionalista e de colonos en Palestina entrou na súa fase final”. O xenocidio, incidiu, “é produto de décadas de impunidade israelí permitida polos Estados Unidos e outros Gobernos occidentais”.

O certo é que diante da falta de resposta destes actores, o propio Israel admitiu a súa intención de cometer unha limpeza étnica nun documento do Ministerio de Intelixencia que recomenda trasladar toda a poboación de Gaza ao deserto do Sinaí, en Exipto, e logo impedir militarmente a súa volta.

Comentarios