Seis bebés morren en incubadoras da Faixa de Gaza polo asedio israelí apoiado pola UE e os EUA

A Unión Europea reitera o seu apoio a Israel e condena Hamás.
Campo de refuxiados en Gaza. (Foto: APA Images vía ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Campo de refuxiados en Gaza. (Foto: APA Images vía ZUMA Press Wire / DPA)

O Ministerio de Saúde de Gaza, Palestina, elevou hoxe a seis a cifra de bebés prematuros falecidos no hospital al Shifa, o máis grande da Faixa, por mor da fin do combustíbel o sábado para xerar electricidade, no marco do asedio e da agresión israelí contra o territorio.

O colapso de todos os centros hospitalarios no norte de Gaza, que está a sufrir unha invasión terrestre combatida pola resistencia palestina, levou o Ministerio a comunicar que xa non ten capacidade de continuar co reconto de vítimas, freado cando arredor de 12.000 persoas foran asasinadas por Israel,  40% crianzas.

O asedio por parte dos militares israelís dos hospitais do norte de Gaza levou a que ducias de cadáveres fiquen abandonados no patio e nas proximidades do al Shifa, con milleiros de persoas refuxiadas que non poden fuxir. “Calquera que saia ao patio do hospital recibe un disparo”, explicou Mohammed Zaqut, director xeral dos centros médicos en Gaza, após múltiples bombardeos israelís contra os hospitais.

Fadi Abu Riyala, traballadora de Médicos Sen Fronteiras no hospital infantil de Al Nasr, relatou como os mortos están espallados fronte ao resto de hospitais da zona, logo de que as tropas israelís forzaran os equipos médicos a marchar e abandonar os pacientes. Tamén se reportou que persoas doentes foron expulsadas á forza dos hospitais polos militares nas últimas xornadas.

O cirurxián Fadel Naim, do hospital al Ahli, denunciou que “nin sequera xenocidio é unha palabra suficientemente forte para describir o que está a acontecer en Gaza”. Persoas expertas da Organización das Nacións Unidas alertaron dunha limpeza étnica e un xenocidio por parte de Israel.

Neste contexto, a Unión Europea (UE) divulgou unha declaración na que reitera o seu apoio a Israel e que ten dereito a defenderse, algo contrario ao dereito internacional cando se trata de atacar un país ocupado, como é o caso de Palestina. Seguindo os Estados Unidos, non reclamou un alto o fogo e condenou o suposto uso de escudos humanos por parte da organización palestina Hamás.

Esta última acusación, utilizada por Israel para xustificar os ataques indiscriminados contra civís e insistir en que o cuartel xeral de Hamás está baixo o hospital al Shifa, foi descartada en múltiples ocasións por Muhammad Abu Salmiya, director do centro, que levou xornalistas de todo o mundo e axencias da ONU ao lugar para que comprobasen a falsidade desta acusación.

Ante o aval da UE e dos Estados Unidos ás súas accións, o Exército israelí defendeu que as ambulancias e os hospitais son “obxectivos lexítimos”.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios