Israel asalta o hospital Al-Shifa de Gaza e ataca "brutalmente" persoas refuxiadas

Hamás acusa Washington da invasión ao centro por dar credibilidade á narrativa israelí.
Corredores do hospital de Al-Shifa, en Gaza. (Foto: Saeed Jaras / Contacto / Europa Press)
photo_camera Corredores do hospital de Al-Shifa, en Gaza. (Foto: Saeed Jaras / Contacto / Europa Press)

Despois de atacar e bombardear durante cinco días, con disparos a calquera persoa que se movese no interior, o complexo hospitalario al Shifa do norte de Gaza, en Palestina, o Exército israelí lanzou os seus tanques contra o centro na madrugada de hoxe.

Fontes do hospital denunciaron na canle Al Jazeera o arresto de 200 persoas, e Omar Zaqout, traballador de Urxencias, explicou que os soldados sionistas “levaron os detidos espidos e cos ollos vendados” e “agrediron brutalmente algúns dos homes que se refuxiaban no hospital”. A Organización das Nacións Unidas (ONU) estima que cando menos 2.300 persoas estaban dentro.

Entre interrogatorios masivos, o Exército israelí destruíu o edificio de cirurxías especializadas, un almacén de medicamentos e múltiples dispositivos médicos. Ahmed El Mohallalati, cirurxián no al Shifa, trasladou á axencia Reuters que se escoitaron disparos no contexto do asalto e que ningún combatente palestino estaba alí. O grupo palestino Hamás responsabilizou os Estados Unidos do ataque, logo de que Washington sostivera que tiña evidencias -mais sen presentar probas- da existencia dun centro de operacións da organización baixo o centro, algo que Israel repetiu nas últimas semanas.

Así e todo, os militares admitiron que non había persoas capturadas por Hamás no lugar e que pensan que o liderado da organización non está alí, antes de divulgar unha imaxe con armas supostamente feita nun cuarto do hospital.

O docente do King’s College de Londres, Andreas Krieg, cualificou de “inconsistente” e con “moitas eivas” a presunta evidencia presentada por Israel para tratar de xustificar esa teoría noutros centros médicos de Gaza, “o que fai difícil confiar na súa palabra”.

Hamás convidou en distintas ocasións entidades como a ONU para comprobar a falsidade das afirmacións israelís, mentres que o Observatorio Euromediterráneo de Dereitos Humanos alertou que, sen observadores neutrais, Israel podería estar “preparando unha escena".

Tras negarse a evacuar os pacientes sen garantías de que se respectaría a súa seguridade, os equipos médicos prometeron quedar con eles “até o final”.

Entrementres Washington e Bruxelas seguen a avalar as accións israelís, continúan os bombardeos indiscriminados contra os civís da Faixa, que xa asasinaron máis de 11.000 persoas desde o 7 de outubro.

Pola súa parte, un equipo legal que representa as vítimas palestinas presentou unha demanda por xenocidio contra Israel na Corte Penal Internacional. Suráfrica abriu a porta a facer o mesmo por este “crime contra a humanidade”.

Comentarios