Von der Leyen: "Europa está con Israel, sufriron o peor ataque desde o Holocausto"

Von der Leyen subliñou que o Estado hebreo ten "o dereito e o deber" de defenderse do "terrorismo de Hamás" e das súas accións "inxustificábeis", apuntando que a resposta de Israel "demostrará que é unha democracia".
Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).
photo_camera Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou esta sexta feira desde Tel Aviv que o atentado do Movemento de Resistencia Islámico (Hamás) contra Israel o pasado sábado é "o peor ataque contra xudeus desde o Holocausto" e un "acto de guerra" ao que só se pode responder estando ao lado de Israel.

"Ante esta traxedia indescritíbel, só hai unha resposta posíbel: Europa está con Israel. Pretenden erradicar a vida xudía da terra, e pasaron á acción. Este é o ataque máis atroz contra os xudeus desde o Holocausto", afirmou a xefa do Executivo europeo nunha declaración xunto ao primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.

Von der Leyen subliñou que o Estado hebreo ten "o dereito e o deber" de defenderse do "terrorismo de Hamás" e das súas accións "inxustificábeis", apuntando que a resposta de Israel "demostrará que é unha democracia". Con todo, evitou mencionar ante Netanyahu os límites que fixa o Dereito Internacional.

"Só Hamás é responsábel"

En todo caso, fixo fincapé en que “só Hamás” é responsábel desta situación e que os seus actos non representan as "lexítimas aspiracións" do pobo palestino. "O horror que desatou Hamás non fai senón traer máis sufrimento a palestinos inocentes. Eles tamén están ameazados", afirmou.

No aspecto xeopolítico, a conservadora alemá defendeu os contactos con Xordania e Exipto para garantir a estabilidade e a paz en Oriente Próximo, subliñando ademais que hai que ter un ollo en Irán e Rusia para asegurar que non se benefician do "conflito perpetuo" na rexión. "É o momento de traballar aínda máis estreitamente con Israel e cos países da rexión pola estabilidade e contra o terror", resumiu.

Comentarios