Os bombardeos israelitas sobre Palestina esténdense tamén a Cisxordania

Miles de palestinos atópanse arrestados e retidos sen dereito a xuízo en bases militares e prisións israelitas, denuncian desde Cisxordania.
Unha multitude de persoas entre os cascallos dunha escola da ONU bombardeada por Israel este sábado (Foto: Mohammed Talatene / DPA).
photo_camera Unha multitude de persoas entre os cascallos dunha escola da ONU bombardeada por Israel este sábado (Foto: Mohammed Talatene / DPA).

As Forzas de Defensa de Israel (FDI) informaron de que procederon ao bombardeo da mesquita Al Anatsari, na cidade de Xinín, no norte de Cisxordania, baixo o pretexto de supostos plans palestinos de atacar desde esta localización, nunhas acusacións nas que tamén incluíu á Autoridade Palestina (o Goberno palestino en Cisxordania).

Ademais, o Exército de Israel detivo na madrugada deste domingo ao alcalde da localidade cisxordana de El Bira, Islam Al Tawil, por unha presunta colaboración con Hamás, nunha noite de operacións militares en Cisxordania que se saldou coa detención de cando menos 42 palestinos máis neste territorio.

Tamén foi detido o xefe do Consello Local da poboación de Umm Safá, Marwan Sabá, cando pasaba por diante dun posto de control israelita para acceder á súa localidade, ao oeste de Ramallah. Precisamente en Ramallah foron detidos unha vintena de palestinos, aos que hai sumar outros 13 en Hebrón e seis máis en Xinín.

Segundo as propias estimacións do Exercito israelita, desde o inicio do actual conflito con Palestina, o pasado 7 de outubro, foron arrestados 730 palestinos en Cisxordania. Porén, as fontes palestinas aumentan este número a cando menos 1.070 e lembra que outros 4.000 palestinos con permiso de traballo tamén foron arrestados e retidos en bases militares israelitas.

A maioría destes detidos, que se atopan nas bases militares de Sde Teyman (no deserto de Neguev) e Anatot (en Xerusalén leste), así como na prisión de Ofer (perto de Ramallah), están retidos baixo o réxime de detención administrativa, o que permite na práctica o encarceramento indefinido sen xuízo.

A ONU di que “o mundo ten que facer máis” por Gaza

Cinco axencias das Nacións Unidas (ONU) afirmaron nun comunicado conxunto que a axuda que entrou este sábado en Gaza “é só un pequeno principio e está lonxe de ser suficiente”, polo que pediron un alto o fogo e un acceso seguro a civís para salvar vidas e previr máis sufrimento. “Gaza xa estaba nunha situación humanitaria desesperada antes das recentes hostilidades. Agoa é catastrófica. O mundo ten que facer máis”, advirten.

A declaración foi emitida polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (Unfpa), o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef), o Programa Mundial de Alimentos (PMA) e a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Máis de 1,6 millóns de persoas están nunha situación de necesidade crítica da axuda humanitaria na Faixa de Gaza, onde case a metade da poboación son crianzas, ademais de un gran número de mulleres embarazadas e persoas anciás.

Ademais, os constantes bombardeos durante dúas semanas, que mataron un mínimo de 55 persoas tan só na noite do sábado ao domingo, deixaron gran parte da infraestrutura danada ou destruída, incluídos refuxios, centros médicos e sistemas de auga, sanidade e electricidade. O número total de persoas falecidas nos ataques contra a Faixa de Gaza xa supera as 4.500.

Comentarios