120 mortes máis na Faixa de Gaza após ataques nocturnos de Israel

O Ministerio de Saúde palestino en Gaza informa que o sistema sanitario da Faixa "chegou á peor etapa da súa historia", unha situación derivada do bloqueo imposto por Israel, que está a esgotar os recursos dos hospitais.
Destrución en Gaza após ataques israelís esta terza feira (Foto: Europa Press / Contacto / Liu Weijian ).
photo_camera Destrución en Gaza após ataques israelís esta terza feira (Foto: Europa Press / Contacto / Liu Weijian ).

Ao redor de 120 palestinas e palestinos morreron por mor dos bombardeos executados durante a madrugada desta terza feira polo Exército de Israel contra a Faixa de Gaza. Segundo as informacións recollidas pola axencia palestina de noticias WAFA, os bombardeos destruíron un edificio residencial na cidade de Rafá (sur da Faixa), situada perto da fronteira con Exipto, ataque que se saldou con polo menos 48 mortos e decenas de feridos.

Así mesmo, este medio apuntou que os avións israelís bombardearon tamén a área de Tal al Sultán, en Rafá, así como Beit Lahia, no norte do enclave palestino. Tamén foi bombardeada unha vivenda na Al Faluga (norte), así como varias vivendas en Jan Yunis, no sur, e o campamento de refuxiados de Bureij (centro).

Ademais, na cidade de Gaza morreu o xornalista palestino Mohamed Imad Labad tras un ataque de Israel contra un lugar próximo á súa casa no barrio de Sheij Radwan, o que deixa en 20 o número de xornalistas falecidos desde o 7 de outubro.

Pola súa parte, o Exército de Israel notificou até 400 ataques contra "obxectivos militares" durante as últimas 24 horas na Faixa de Gaza. "Durante a última xornada, avións de combate atacaron decenas de infraestruturas e diversos puntos nos barrios de Sajaiya, Shati, Yabalia, Darj Tafá e Zaitún [...] Un avión das FDI [exército israelí] atacou un túnel e puntos de reunión dentro de mesquitas", agregaron as FDI na súa conta da rede social X, antes Twitter.

"A peor etapa da historia"

Previamente, o Ministerio de Saúde palestino en Gaza informara de que o sistema sanitario do enclave "chegou á peor etapa da súa historia", unha situación derivada do bloqueo imposto por Israel, que está a esgotar os recursos dos hospitais, incluídas os seus reservas de combustíbel, polo que eventualmente quedarán sen enerxía, e á saturación das súas instalacións debido ao alto número de mortos e de feridos.

Segundo datos da Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA), o hospital de Shifa, o maior da Faixa, atópase atendendo uns 5.000 pacientes cando a súa capacidade é de 700. Ademais, acolle uns 45.000 desprazados internos.

Comentarios