Entrevista

Khaled Abu-Qare, líder estudantil palestino en París: "Os feitos non comezaron en outubro, isto ten causas profundas"

Khaled Abu-Qare é o presidente de Estudantes pola Xustiza en Palestina na universidade francesa de Science Po. Nado na Xerusalén ocupada, estuda nestes momentos Seguridade Internacional.
Khaled Abu-Qare nunha protesta propalestina en París. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Khaled Abu-Qare nunha protesta propalestina en París. (Foto: Nós Diario)

—Medios occidentais xustifican a existencia de Israel en que Palestina case que era un lugar baleiro, cal é a realidade?
Desafortunadamente, algúns medios occidentais seguen adoptando a falsa narrativa sionista cando se trata da nosa historia e identidade como palestinos. Negan que existira Palestina, afirman que esta terra estaba sen pobo e viñeron [os israelís] para facer florecer o deserto, coma se Palestina fose un deserto sen pobo, sen recursos, sen natureza, e só viñeron para salvalo.

Non obstante, a realidade é que as forzas sionistas invadiron Palestina, cometeron masacres e crimes como limpezas étnicas en cidades e aldeas palestinas, expulsaron máis de 750.000 palestinos a diferentes países, expulsáronos das súas casas e crearon o que agora o mundo chama Israel. Que se creou basicamente na nosa terra, ao prezo das masacres, e isto non é só o que dicimos os palestinos, senón que hai moitos historiadores israelís, por exemplo un respectado historiador, Ilan Pappé, que escribiu un libro sobre este tema que se chama A limpeza étnica de Palestina, porque o que pasou é unha limpeza étnica. O que pasou foi que arrastraron a nosa xente das súas casas e botárona fóra.

Non podemos actuar como se isto fora só unha nota ao pé de páxina da historia nin restar importancia ao impacto que ten no que estamos a presenciar en 2023, e por iso dicimos que os incidentes ou os feitos recentes acontecidos non comezaron o 7 de outubro, isto ten causas profundas que explican o que estamos a presenciar, por iso temos máis de 6 millóns de refuxiados en todo o mundo, por iso temos dereito a regresar en base a resolución 194 da ONU, a pesar do que os israelís seguen negando o noso dereito ao retorno.

A Nakba foi un evento moi triste, e foi un evento moi importante que moldeou o futuro en curso. É importante mencionar que, dado que asistimos ao xenocidio e á guerra en Gaza hoxe en día, 70% da poboación de Gaza é refuxiada, son refuxiados de cidades próximas que sufriron limpezas étnicas, e estas persoas foron expulsadas e enviadas a Gaza para vivir en campos de refuxiados. Polo tanto, Palestina ten unha rica historia, Palestina ten unha rica cultura e Palestina ten ricas tradicións.

As afirmacións dos sionistas reflicten unha mentalidade de colonos, unha ideoloxía colonial que intenta presentar ao mundo que Palestina era só unha terra sen pobo é completamente falsa, están facendo isto porque queren crer que viñeron para salvar a terra e que aquí non había ninguén, pero iso é falso, e, por desgraza, moitos políticos occidentais, non só os medios de comunicación, repiten esta afirmación falsa, que forma parte do racismo antipalestino.

É moi triste ver que os medios repiten isto, e é moi triste ver tamén a políticos. Lembro que hai meses, por desgraza, a presidenta da Comisión Europea [Ursula von der Leyen] foi visitar Tel Aviv e dixo: "Estou abraiada por como Israel fixo florecer o deserto”. Esta é normalmente unha cita sionista. Así o dixeron os líderes sionistas para facer crer ao mundo que se trataba dun deserto. Isto nunca foi un deserto, adoitabamos vivir aquí, existir aquí, traballar aquí, tiñamos a nosa lingua e a nosa cultura máis alá dos recursos naturais, co que é triste ver esta campaña de ignorancia.

—Incluso antes da operación de Hamas, este ano ía camiño de converterse no de máis asasinatos de palestinos por parte de Israel desde a segunda Intifada.
Os feitos sobre o terreo están claros. En Gaza tes 2,3 millóns de persoas. Os palestinos foron obrigados a vivir nunha prisión ao aire libre durante máis de 16 anos. Tes a Cisxordania que ten a ocupación militar oficial presente nas aldeas e cidades de Palestina, tes palestinos en Xerusalén que tamén viven baixo a ocupación e tes os palestinos que teñen dobre cidadanía e son tratados como cidadáns de segunda clase. De volta a Gaza, estas persoas estiveron vivindo nesta prisión aberta, negáronlles os seus dereitos, a taxa de pobreza é alta e están privadas de alimentos, auga, electricidade e combustible axeitados, sen movemento e sen oportunidades.

Non elixiron isto, e volvo mencionar que son refuxiados, 70% destas persoas son refuxiadas, sobre o terreo non hai solución política nin horizonte político por desgraza. A violencia non é a solución, sabémolo, pero a principal fonte de violencia é a ocupación.

Quen ostenta a total responsabilidade de todos os acontecementos que se están a desenvolver é o réxime de apartheid israelí porque isto non se produce nun baleiro. En Cisxordania, tes sistematicamente palestinos asasinados, arrestados, feridos, demolicións de vivendas, confiscación de terras e o muro do apartheid, postos de control militares e límites de movemento; todo iso controla a vida do pobo palestino.

En Gaza é igual, polo que sen unha solución política, lamentabelmente, este é un círculo de violencia que continuará, por iso sempre menciono que debemos abordar as causas profundas do que está a suceder. E o que está a suceder hoxe en día é un xenocidio en Gaza, os israelís están a tolear, bombardeando escolas, morreron case 2.000 nenos en apenas dúas semanas, e onde está a indignación internacional por isto? Case 4.000 civís morreron en Gaza. O único crime é ser un palestino que vive en Gaza. Como pode ser isto, e como pode o mundo calar sobre isto?

Sen unha solución política xusta para os palestinos que lles permita conseguir os seus dereitos, liberdade, independencia e dignidade, non haberá paz. Por desgraza, esta é a realidade. Os palestinos merecen que se respecten os seus dereitos tal e como están articulados no dereito internacional pertinente e na resolución da ONU. Israel é unha potencia ocupante, e a ocupación debe rematar.

Israel é un réxime de apartheid e isto non pode continuar así, e o que Israel está facendo agora é só apuntar aos civís, tomar o que eles chaman vinganza contra os bebés que viven en Gaza, e a comunidade internacional, non todos os países do mundo pero a maioría dos países occidentais, están alegando que este é o seu dereito á autodefensa. Que dereito de autodefensa se estás matando 2.000 nenos, se estás bombardeando hospitais, matando xornalistas, sanitarios, paramédicos ou persoas de enfermaría. Ese dereito de autodefensa é un problema da mentalidade occidental xa que non premen para abordar a raíz da situación. Isto non servirá aos palestinos nin tampouco aos israelís. Se non recoñecemos a realidade e non recoñecemos a Nakba e o que veu despois como podemos chegar a unha solución?

—Hai posibilidades dunha terceira Intifada?
A forma do levantamento pode cambiar de época en época. Como mencionaches, tivemos un alto número de vítimas desde a segunda Intifada en Cisxordania. Máis de 85 palestinos foron asasinados desde o 7 de outubro, centos foron detidos e a situación é un levantamento, non sei se lle chamaría terceira Intifada ou non, cada Intifada tiña as súas características e diferenzas, pero sobre o terreo a situación está a ferver.

Ás persoas néganselles os seus dereitos, algunhas da que non naceron até despois da segunda Intifada, só coñecen a ocupación, os postos de control, os muros do apartheid, a violencia dos colonos, a confiscación de terras e a demolición de vivendas. Estas persoas queren vivir libremente e con seguridade, queren a súa oportunidade. En Gaza, dende hai 16 anos, a situación está a ferver. E para aqueles que seguen a situación palestina en concreto, sabían ou esperaban que habería unha explosión nalgún momento, non sabíamos cando e como, pero sabíamos que, desgraciadamente, ía haber unha explosión polo estado sobre o terreo.

De novo, debemos abordar as causas profundas se queremos chegar a unha solución política. O que queren os palestinos está moi claro: queremos unha solución de paz integral e sostible que garanta os nosos dereitos, queremos que os nosos refuxiados que foron expulsados das súas casas e arroxados aos campos de refuxiados no Líbano, Siria e Xordania teñan dereito a volver ás súas casas, onde vivían os seus avós. Isto é do que trata o tema palestino.

É moi triste e decepcionante cando vemos xornalistas occidentais espallando estas mentiras sobre a situación, tentando arrecunchar os activistas e expertos palestinos, coma se toda a situación comezara o 7 de outubro. Pensan que isto traerá paz? Non, non será así. Basicamente están a dar forma á narrativa sionista, que non traerá a paz a ningún dos lados ao final.

—Vai mudar o que acontece a posición dos países árabes, varios dos que recoñeceron Israel nos últimos anos?
As imaxes que vimos nas capitais árabes nos últimos días, con millóns de persoas saíndo á rúa para apoiar a causa palestina, amosan que a nosa loita está na xenética do pobo árabe. Os Gobernos non poden ocultar e dividir a nación árabe cando se trata desta causa e pódese ver claramente nas manifestacións masivas que chaman a rematar coa normalización.

As autoridades israelís tomaron a decisión de retirar o seu persoal e pechar as súas oficinas e embaixadas nos países árabes. Entre a poboación hai un claro apoio aos dereitos palestinos. A nivel de Gobernos, os países que proclamaron a normalización son Estados cos que nunca houbo unha guerra, polo que non houbo paz que facer. Estes acordos son só sobre o interese económico e, na miña opinión, isto non serve aos pobos árabes nin á causa, pero dan luz verde ao réxime israelí para que cometa máis crimes sen que se responsabilice, co apoio dos Estados Unidos e Occidente.

Para nós, o importante é manter as relacións de pobo a pobo porque isto é o que nos dá o apoio. Sei que a política israelí trata de presentarnos divididos e difunde que ás nacións árabes non lles importa Palestina, pero sabemos o que está a pasar nas capitais árabes nas rúas con millóns de persoas protestando, e a nivel persoal recibo cada día decenas de mensaxes dos meus amigos árabes de diferentes lugares que me amosan o que está a suceder nas súas cidades.

Así que non, non estamos divididos nin débiles como nos están presentando os políticos israelís, estamos conectados e xuntos. O que fai que a xente saia á rúa por millóns en Rabat é a mesma razón que pola que sae no Cairo. O que fixo que os exipcios fosen á fronteira e premeran os israelís para que permitiran a asistencia humanitaria é o mesmo motivo que fixo saír á xente en Aman, Beirut, Kuwait ou o Iemen.

Comentarios