A sobrepoboación de Gaza ou como meter dous millóns de persoas en Vilalba

O enclave palestino controlado por Hamás, albo de incontábeis bombardeos nos últimos días, ten unha das densidades de poboación máis elevadas do planeta nunha superficie moi semellante á da capital chairega.
Á esquerda, unha vista aérea de Gaza após os bombardeos dos últimos días; á dereita, un mapa no que se sobrepón a extensión deste territorio palestino sobre o concello de Vilalba. (Foto: Mohammed Talatene / DPA via Europa Press)
photo_camera Á esquerda, unha vista aérea de Gaza após os bombardeos dos últimos días; á dereita, un mapa no que se sobrepón a extensión deste territorio palestino sobre o concello de Vilalba. (Foto: Mohammed Talatene / DPA via Europa Press)

A Faixa de Gaza volve ficar no foco mediático. Os bombardeos do Exército israelita sucédense nos últimos días neste enclave palestino controlado por Hamás no que residen arredor de 2,3 millóns de persoas nunha superficie moi cativa tendo en conta o volume de habitantes, o que o converten nun dos lugares coa maior densidade de poboación do planeta.

Apenas 40 quilómetros ten Gaza de lonxitude, a mesma distancia que separa, por exemplo, os concellos galegos de Tui e Pontevedra, e pouco máis que a que hai entre Lugo e Vilalba. Porque precisamente a capital da comarca da Terra Chá é o municipio da Galiza que máis se asemella á Faixa en superficie: 379 quilómetros cadrados, só 19 máis que o territorio palestino.

Hai, porén, unha notábel diferenza: Vilalba ten, segundo os últimos datos do IGE, 13.881 habitantes, cunha densidade de poboación dunhas 37 persoas por quilómetro cadrado. Esta cifra elévase, no caso de Gaza, a nada menos que 6.300 persoas por km2. En toda a comarca chairega, cunha extensión cinco veces superior á de Gaza, hai até 58 veces menos residentes: 39.047 —21 persoas por km2—.

Para entendermos as dimensións da Faixa, facendo unha equivalencia próxima a nós, sería como meter a práctica totalidade da poboación galega (2,7 millóns) a vivir dentro do termo municipal de Vilalba. Algo inimaxinábel, pois, de feito, a densidade de poboación da Galiza é tamén signifitcativamente menor: unhas 91 persoas por quilómetro cadrado.

O territorio gazatí divídese internamente en cinco gobernacións, das que a máis poboada é a de Gaza, cuxo epicentro é a cidade homónima, con perto de 677.799 habitantes e unha densidade de poboación nesta capital que ascende a arredor de 9.000 persoas/km2. As seguintes localidades en número de residentes son Khan Yunis (242.714), Rafah (202.320), Deri el-Balah (87.785) e Belt Hanun (62.916).

O Estado de Israel mantén desde 2007 un férreo bloqueo sobre o territorio gazatí, hoxe endurecido até o extremo após anunciaren as autoridades o corte de todo subministro, baixo o argumento de "evitar o contrabando de armas" ou de "calquera tecnoloxía que poida servir para fabricalas", así como para impedir posíbeis insurreccións.

Más de dous millóns de persoas viven actualmente nun dos territorios con maior densidade de poboación de todo o mundo. As fortes restricións á mobilidade e o enorme muro que cerca Gaza por terra —alén da vixilancia israelita no mar— levan moitas persoas a considerar a Faixa como o "cárcere a ceo aberto máis grande do mundo".

Comentarios