redes sociais

Despedido por rechouchiar unha publicación irónica que defendía a poboación palestina

Michael Eisen, biólogo computacional estadounidense e de relixión xudea, foi despedido como redactor xefe da prestixiosa revista científica 'eLife' após compartir nas redes sociais unha publicación da satírica 'The Onion'.
O biólogo estadounidense Michael Eisen. (Foto: eLife)
photo_camera O biólogo estadounidense Michael Eisen. (Foto: eLife)

Unha brincadeira nas redes, por inofensiva ou xusta que sexa, pode saír moi cara. Tamén o mero feito de compartir na rede un comentario pendurado por outra persoa usuaria. Iso foi o que lle pasou ao biólogo computacional estadounidense Michael Bruce Eisen, redactor xefe da prestixiosa revista científica eLife. Un cargo do que vén de ser destituído. O motivo? Un rechouchío na rede social X (antes Twitter).

"Acaban de comunicarme o meu despido como redactor xefe de eLife por rechouchiar unha peza de The Onion que chama a atención sobre a indiferenza cara ás vidas dos civís palestinos", publicou a última hora desta segunda feira na mesma rede social. The Onion é unha popular publicación satírica dos Estados Unidos, e a peza en cuestión, datada do pasado 13 de outubro, titulábase —con ton irónico—: "Persoas ao bordo da morte en Gaza, criticadas por non usar as súas últimas palabras para condenar a Hamás".

Michael Eisen compartiu a publicación e engadiu unha forte crítica ao mundo académico estadounidense ante a traxedia humanitaria que se cerne sobre Palestina: "The Onion fala con máis coraxe, perspicacia e claridade moral que os líderes de todas as institucións académicas xuntos. Gustaríame que houbese unha Universidade de The Onion".

Ante as numerosas críticas que comezou a recibir desde que rechouchiou a publicación, aclarou ao día seguinte: "Toda persoa sensata da Terra está horrorizada e traumatizada polo que fixo Hamás e quere que non volva suceder. Tanto máis como xudeu con familia israelita [Eisen é xudeu]. Pero tamén me horroriza o castigo colectivo que xa se está a aplicar aos habitantes de Gaza, e o peor que está a piques de chegar".

Mais eLife decidiu retirar a súa confianza a Eisen e así vén de notificalo esta mesma terza feira a través dun comunicado asinado pola súa xunta directiva que non está exento de reproches. "Agradecemos a Mike Eisen a súa creatividade e visión na construción do novo e transformador modelo editorial de eLife. Mike recibiu comentarios claros da xunta directiva de que o seu enfoque cara ao liderado, a comunicación e as redes sociais foi prexudicial en momentos clave para a cohesión da comunidade que estamos a tratar de construír e, por tanto, para a misión de eLife. Neste contexto, unha nova incidencia deste comportamento —referíndose ao rechouchío a The Onion— contribuíu á decisión da xunta".

Dous editores adxuntos da revista, Detlef Weigel e Tim Behrens, faranse cargo de eLife como coredactores xefe até finais de 2024, momento no que agardan designar un novo responsábel. A xunta directiva está formada por representantes dos financiadores fundadores (HHMI, Max Planck e Wellcome) e membros independentes. A xunta goberna eLife e é diferente do seu persoal e os editores e redactores.

Após coñecer a noticia, a redactora Lara Urban anunciou a súa marcha da revista científica: "É con moita tristura que teño que dimitir como redactora de eLife despois de que Michael Eisen fose despedido como redactor xefe por facer uso da súa liberdade de expresión para defender —máis unha vez— a xente que foi silenciada".

Comentarios