Israel ordena evacuar outro hospital en Gaza, o Al-Quds, ante un inminente bombardeo, segundo a Media Lúa Vermella

A ONG asegura que recibiu até tres ameazas das forzas israelitas, "pero a última era moito máis clara": "Evacuación inmediata, o hospital de Al-Quds será bombardeado". No edificio buscan protección nestes momentos máis de 12.000 persoas.
O ataque ao hospital Al-Alhi deixou centos de mortos. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA)
photo_camera O ataque ao hospital Al-Ahli deixou centos de mortos. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA)

A Media Lúa Vermella, o homólogo da Cruz Vermella nos países de relixión musulmá, vén de informar hai escasos minutos de que o Exército de Israel emitiu unha orde de evacuación para o hospital Al-Quds, situado na cidade de Gaza. Alí están a ser tratadas actualmente unhas 400 persoas e outras 12.000 refúxianse no edificio dos constantes ataques da aviación israelita sobre a Faixa. "Chamamos a comunidade internacional a actuar con urxencia, evitando outra catástrofe como a do hospital Al-Ahli", alertan, en alusión ao ataque que deixou centos de mortes esta mesma semana.

Unha portavoz da ONG, Nebal Farsakh, asegurou, en declaracións á canle Al Jazeera, que a evacuación do Al-Quds "é imposíbel", pois moitos dos pacientes están ingresados na unidade de coidados intensivos, "a maioría deles crianzas". "Moitos, moitos, están en estado crítico e conectados a máquinas de soporte vital. Non hai forma de evacualos de forma segura. Isto porá as súas vidas en perigo", advertiu.

Mesmo a Organización Mundial da Saúde (OMS), lembrou Farsakh, recoñeceu que as ordes de evacuación de hospitais, con tan pouca marxe de tempo, "son imposíbeis de implementar" e constitúen "unha pena de morte para todos os pacientes". "Recibimos anteriormente tres ameazas diferentes, pero hoxe a ameaza era moito máis clara", afirma. Segundo a Media Lúa Vermella, a mensaxe israelita foi: "Evacuación inmediata, o hospital de Al-Quds será bombardeado".

"Nós, como organización humanitaria, non poremos en perigo a vida dos nosos pacientes. Non os descoidaremos nin nos limitaremos a dar as costas a 12.000 civís que agora se atopan no hospital. Non teñen onde ir debido ao continuo bombardeo", salientou a portavoz desta oenegué, que engadiu: "Estamos extremadamente preocupados pola seguridade do noso persoal médico, dos nosos pacientes e dos 12.000 civís que se atopan agora no hospital".

Bombardeou Israel o hospital Al-Ahli?

As autoridades israelitas ofreceron diferentes versións desde que nun primeiro momento se soubo do impacto de artillaría sobre o hospital Al-Ahli a pasada terza feira, causando centos de mortos. Finalmente acabaron por culpar a Yihad Islámica por mor dun foguete falido, malia que cada vez máis fontes afirman que Israel tamén emitira senllas ordes de evacuación, unha tese que até defendeu o arcebispo anglicano de Xerusalén, Hosam Naoum.

Comentarios