Unicef consegue introducir en Gaza auga potábel que tan só cubre as necesidades de 22.000 persoas durante un día

“As necesidades son inmediatas e inmensas, non só de auga, senón de alimento, combustíbel, medicamentos e bens e servizos esenciais”, salienta Unicef. Na faixa de Gaza viven perto de 2,3 millóns de persoas.
Camións con axuda humanitaria paralizados na fronteira entre Exipto e a Faixa de Gaza (Foto: Mohammed Talatene / DPA).
photo_camera Camións con axuda humanitaria paralizados na fronteira entre Exipto e a Faixa de Gaza (Foto: Mohammed Talatene / DPA).

O Fondo de Nación Unidas para a Infancia (Unicef) anunciou este sábado que conseguiu entregar 44.000 botellas de auga potábel a través do convoi humanitario que atravesou a fronteira entre Exipto e a Faixa de Gaza na apertura provisional que permitiu a entrada de 20 camións de axuda.

“Esta primeira cantidade de auga, aínda que limitada, salvará vidas”, declarou a directora executiva de Unicef, Catherine Russel, sobre un envío que cubrirá a necesidade de auga para 22.000 persoas durante un só día, antes de avisar de que “as necesidades son inmediatas e inmensas, non só de auga, senón de alimento, combustíbel, medicamentos e bens e servizos esenciais”.

Unicef lembrou que a capacidade de produción de auga está a 5% dos niveis habituais, e que os perto de 2,3 millóns de residentes en Gaza sobreviven agora con tres litros de auga por persoa e día. Arredor dun millón de persoas están desprazadas, aproximadamente a metade crianzas, e moitas buscaron refuxio nos albergues masificados cun acceso extremadamente limitado a auga, saneamento e hixiene.

A axencia das Nación Unidas engadiu tamén que ten paralizados no paso de Rafah (a única fronteira da Faixa de Gaza que non controla Israel, no bordo con Exipto) subministracións de emerxencia para até 250.000 persoas que poderían estar na Faixa en “cuestión de horas”, como parte do convoi de máis de 200 camións que agarda a entrada tras a breve apertura deste sábado.

Israel veta a axuda no norte da Faixa

O Exército de Israel avisou de que non permitirá axuda humanitaria chegue ao norte da Faixa de Gaza, onde máis dun millón de persoas viven sen acceso a bens básicos de primeira necesidade, segundo denunciaron as Nacións Unidas. O portavoz das Forzas Armadas israelitas, Daniel Hagari, indicou que toda a axuda humanitaria ficará no sur da Faixa de Gaza e, ademais, avisou que non poderá haber entregas de combustíbel.

Tras a entrega de 20 camións de axuda humanitaria que distribuirá a Media Lúa Vermella (organización análoga á Cruz Vermella), o paso de volveu fechar as súas portas á espera dunha decisión posterior sobre o tránsito de persoas e víveres, segundo explicou a CNN.  

Comentarios