Os EUA impiden na ONU a apertura dun corredor humanitario en Gaza e un alto ao fogo

A proposta só logrou cinco votos a favor (Rusia, China, Emiratos Árabes Unidos, Gabón e Mozambique), polo que estivo lonxe de chegar aos nove que require calquera resolución.
Reunión do Consello de Seguridade da ONU nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press / Contacto / Bianca Otero).
photo_camera Reunión do Consello de Seguridade da ONU nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press / Contacto / Bianca Otero).

Os Estados Unidos (EUA) e os seus aliados rexeitaron unha resolución proposta por Rusia no Consello de Seguridade de Nacións Unidas (ONU), que solicitaba un alto ao fogo inmediato na Faixa de Gaza así como a apertura dun corredor humanitario.

O proxecto, que buscaba propor un cesamento dos continuos bombardeos perpetrados polas forzas israelitas contra a poboación civil en Gaza, fora impulsado pola delegación de Rusia e avalado por unha vintena de países.

Nos últimos días profundouse o asedio israelí, o cal deixou como resultado xa case tres mil palestinos asasinados, na súa maioría menores de idade e mulleres.

A proposta de Rusia só logrou cinco votos a favor (Rusia, China, Emiratos Árabes Unidos, Gabón e Mozambique), polo que estivo lonxe de chegar aos nove que require calquera resolución.

Estados Unidos, Reino Unido, Francia (os tres con dereito a veto) e Xapón votaron en contra, mentres que se abstiveron seis nacións (Albania, Brasil, Ecuador, Ghana, Malta e Suíza).

Após ser rexeitado o texto, o embaixador de Rusia, Vasili Nebenzia, declarou que o Consello de Seguridade da ONU converteuse en refén das aspiracións dos países occidentais.

“Hoxe en día -dixo- eu esperaba que o Consello tomase medidas para prohibir máis asasinatos, pero as delegacións dos países occidentais unha vez máis pisaron estas expectativas”.

“Pensamos que esta votación é unha mostra clara de quen está a favor de deter estes bombardeos indiscriminados e proporcionar axuda humanitaria e quen está en contra de enviar esa mensaxe por razóns puramente egoístas”, espetou.

Posición palestina

O representante palestino ante Nacións Unidas, Riyad Mansour, denunciou pola súa parte o permanente asedio israelí sobre os máis de dous millóns de habitantes da Faixa de Gaza.

“Durante 10 días viron como Israel estivo atacando a máis de dous millóns de palestinos na Faixa de Gaza, persoas mortas, feridas, desprazadas, aterrorizadas”, expresou.

Comentarios