Máis de 5.000 mortos en só 17 días en Gaza, os mesmos que entre os anos 2009 e 2022

En Cisxordania recrúa tamén a situación, con 90 mortos e máis de 800 detidos. Nesta rexión a xente vive nun permanente estado de calma tensa, porque, sinala unha residente a 'Nós Diario', "Palestina ten esa capacidade de borrar o mal, de engulir as cousas malas que pasan coma se non sucedera nada horas atrás".
Un pai sostén a súa crianza no hospital de Shifa, en Gaza. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA)
photo_camera Un home sostén unha crianza ferida mentres agarda polo tratamento médico no hospital de Shifa, en Gaza. (Foto: Mohammad Abu Elsebah / DPA via Europa Press)

Un mínimo de 5.087 palestinos perderon a vida en Gaza en pouco máis de dúas semanas, desde que as Forzas Armadas de Israel lanzaron a maior ofensiva militar en anos —como primeira fase dunha operación que incluiría unha invasión terrestre á Faixa—. E case a metade das vítimas mortais, unhas 2.000, eran menores de idade. Son as últimas cifras achegadas esta segunda feira pola ONU e a oenegué Save The Children, que reiteran, canda outros centos de organizacións en todo o mundo, un cesamento inmediato do fogo e a entrada de máis camións de axuda humanitaria, pois Israel autorizou este domingo a entrada de 20 nun territorio que antes do estoupido do que moitas persoas expertas consideran unha Terceira Intifada entraban 100.

"A Exipto chegaron materiais médicos adicionais da OMS. Para asegurarnos de que os elementos que salvan vidas chegan a miles de persoas necesitadas en Gaza, necesitamos un paso seguro sostido para o convoi humanitario e que se permita a entrada de combustíbel, tanto para camións de reparto como para instalacións sanitarias. A vida depende destas decisións", alertou a través da rede social X (antiga Twitter) o director xeral desta organización, Tedros Adhanom Ghebreyesus. Entre eses medios paralizados fronte ao paso fronteirizo de Rafah hai tratamentos para 150.000 doentes de enfermidades crónicas, intervencións cirúrxicas para 1.300 e servizos básicos para asistir outras 100.000 persoas durante tres meses.

Nos arredores deste complexo sanitario, de feito, producíronse fortes ataques da aviación israelita nas últimas horas. Tamén no de Al-Quds, que segundo alertou a pasada sexta feira a Media Lúa Vermella —equivalente á Cruz Vermella da Galiza— recibiu unha orde de evacuación por parte do Exército hebreo. As autoridades palestinas notificaron un mínimo de 250 ataques contra instalacións, vehículos e persoal sanitario tanto en Gaza como en Cisxordania desde o pasado 7 de outubro, un balance no que inclúen 37 profesionais médicos mortos.

As máis de 5.000 vítimas mortais palestinas das últimas dúas semanas, engadidas ás 225 que contabilizaba o observatorio B'Tselem até setembro, eleva —a falta de confirmación oficial por parte deste organismo— a 5.402 os falecidos no que vai de 2023 do lado palestino, por volta duns 1.428 israelitas, a meirande parte froito dos ataques de Hamás contra vilas próximas a Gaza o propio día 7. Son cifras sen precedentes no que vai de século e practicamente en toda a historia deste conflito.

En 17 días os ataques de Israel levaron por diante practicamente as mesmas vidas só en Gaza (5.087) que ao longo dos 14 anteriores anos completos, entre 2009 e 2022, e sumando ás vítimas da Faixa as de Cisxordania (5.110). Unha media de 300 mortos cada día en Gaza. Unha ducia cada hora. Un cada cinco minutos. Centos de vidas perdidas no esquecemento, até o punto de que moitas delas nin tan sequera se sabe quen son: 43 palestinos que non lograron ser identificados nin reclamados polas súas familias foron soterrados o pasado sábado nunha foxa común. É a segunda vez nestas dúas semanas que as autoridades tiveron que soterrar decenas de corpos sen identificar.

Cisxordania, a violencia que tampouco cesa

Centos de persoas sosteñen os cadaleitos de Jihad Saleh, de 29 anos, e Mohammed Abuzer, de 17, asasinados nunha operación israelita na cidade cisxordana de Zawata. (Foto: Ayman Nobani / DPA via Europa Press)
Centos de persoas sosteñen os cadaleitos de Jihad Saleh, de 29 anos, e Mohammed Abuzer, de 17, asasinados nunha operación israelita na cidade cisxordana de Zawata. (Foto: Ayman Nobani / DPA via Europa Press)

Todas as miradas apuntan estes días a Gaza, pois é tamén o albo dunha inédita ofensiva israelita, pero a situación segue a recruar tamén na rexión palestina de Cisxordania, sempre no foco de Israel. O propio primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, prometera antes das eleccións de 2019 anexionar os territorios ocupados en Cisxordania, un plan que aos poucos foi desenvolvendo nos últimos meses perante o inzamento de novos asentamentos de colonos israelitas considerados ilegais.

E tamén estes días a presenza do Exército é cada vez maior nestas cidades palestinas. Unha mesquita de Xenín foi bombardeada por, segundo a versión de Israel, servir de "base de operacións" de Hamás. Foi o primeiro ataque da aviación israelita sobre territorio de Cisxordania desde os tempos da Segunda Intifada. En total, xa foron asasinadas 90 cidadáns e cidadás por parte de militares e colonos desde o 7 de outubro e detidas outras máis de 800 por suposta unhas cifras tamén sen precedentes nos tempos máis recentes.

"Practicamente tódalas noites está habendo redadas millares en Ramallah", sinala a Nós Diario unha traballadora galega desde Cisxordania. "Aquí está a cousa máis tranquila, aínda que Palestina ten esa capacidade de borrar o mal, de engulir as cousas malas que pasan coma se non sucedera nada horas atrás", matiza.

Comentarios