O Consello de DDHH da ONU exixe un embargo de armas a Israel e insta a analizar as "consecuencias xurídicas" das vendas

A presión sobre Israel medra ao facerse medio ano desde os primeiros bombardeos contra a poboación civil de Gaza coa reclamación dun embargo de armas por parte da ONU. Con todo, só unha suspensión das vendas desde os EUA e Alemaña sería determinante.
Estatísticas do comercio de armas do Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo. Na imaxe, unha crianza palestina observando os cascallos no campo de refuxiados de Maghazi, no centro de Gaza. (Foto: Dawood / Xinhua News vía Europa Press)
photo_camera Estatísticas do comercio de armas do Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo. Na imaxe, unha crianza palestina observando os cascallos no campo de refuxiados de Maghazi, no centro de Gaza. (Foto: Dawood / Xinhua News vía Europa Press)

O domingo fanse seis meses desde o comezo da agresión militar israelí contra o territorio palestino da Faixa de Gaza, que o Goberno de extrema dereita sionista xustifica nunha operación da resistencia palestina enmarcada na súa loita pola liberación nacional co fin de acabar co réxime de apartheid e a ocupación imposta por Israel, que xa cometera dúas limpezas étnicas contra o seu pobo antes deste conflito.

En medio ano, Israel asasinou no enclave máis de 33.000 palestinas e palestinos nos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil e no intento de invasión da Faixa. Máis de 40% dos falecementos corresponde a nenas e nenos, e a cifra de crianzas que matou Israel supera a de todas as que morreron no resto de conflitos bélicos no mundo desde 2018, nunha operación militar na que atacou escolas, hospitais, campos de refuxiados, mesquitas, igrexas, institucións ou lugares patrimoniais, amais de saquear un banco e vivendas da poboación gazatí, e até 60% das infraestruturas e vivendas de Gaza foron destruídas ou danadas.

Tamén detivo de forma arbitraria persoas palestinas ás que torturou e violou, e deixou morrer bebés que acabaran de nacer tras expulsar o persoal médico de hospitais a punta de pistola.

Aliás de obrigar 85% dos 2,3 millóns de habitantes de Gaza a fuxir dos seus fogares, o bloqueo á entrada da axuda humanitaria causou a deterioración máis rápida das condicións nutricionais nun territorio endexamais rexistrada no mundo. Un millón de persoas morrerán nos vindeiros meses en Gaza no caso de non multiplicarse a entrada de alimentos e unha trintena de crianzas xa perderon a vida por inanición.

Ademais, os militares sionistas bombardearon convois de axuda, perpetraron masacres entre persoas que agardaban por comida e asasinaron responsábeis de distribuíla no territorio, matando dúas centenas de membros de equipos de axuda humanitaria e un centenar de xornalistas.

Persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualificaron a agresión militar israelí como un xenocidio e unha nova limpeza étnica contra o pobo palestino en Gaza, e a Corte Internacional de Xustiza emitiu medidas provisorias para evitar o xenocidio, o que non impediu que os Estados Unidos, principal aliado israelí, así como a Unión Europea (UE), manteñan o seu apoio ás súas accións. Até a pasada semana, Washington non permitiu co seu veto que o Consello de Seguridade da ONU exixira un alto o fogo para frear a agresión militar.

O secretario xeral da ONU, António Guterres, recoñeceu que a agresión puxo a humanidade “ao bordo dunha perda absoluta da fe nas normas e nos estándares globais”, nun conflito que Israel intenta escalar ante un illamento cada vez maior, como amosa o bombardeo do consulado de Irán en Damasco, a capital siria.

Consecuencias xurídicas

Neste contexto, o Consello de Dereitos Humanos da ONU aprobou a sexta feira unha resolución na que exixe aos Estados membros un embargo de armas a Israel para “evitar novas violacións ao dereito internacional humanitario”, e reclama á Comisión Internacional Independente de Investigación sobre o Territorio Palestino Ocupado que informe sobre calquera venda ou transferencia de armas a Israel desde o comezo da agresión militar, analizando “as consecuencias xurídicas”.

Asemade, condena “a práctica de facer padecer fame á poboación civil como método de guerra en Gaza”, subliñando a “gran preocupación” polas declaracións de autoridades sionistas que “equivalen á incitación ao xenocidio” e “polas informacións que apuntan” a que cometeu “graves vulneracións” do dereito internacional, “que poderían incluír crimes de guerra, crimes contra a humanidade e xenocidio”. A moción foi aprobada con 28 votos a favor, 13 abstencións e seis en contra, os dos Estados Unidos, Alemaña, a Arxentina, Bulgaria, Malaui e Paraguai.

En febreiro, un grupo de persoas expertas e relatoras da ONU advertiu aos Estados que arman Israel que, nas circunstancias actuais, estarían a violar a Convención sobre Xenocidio, e insistiron en que “os funcionarios estatais involucrados nas exportacións de armas poden ser individualmente responsabilizados a nivel penal por axudar e instigar crimes de guerra, crimes contra a humanidade ou actos de xenocidio”. Baseado neste punto, a Xustiza neerlandesa suspendeu a exportación de armas a Israel.

O certo é que non podería soster o ritmo da agresión a Gaza sen as importacións de armas, como testemuñan os continuos envíos procedentes dos Estados Unidos desde outubro, de feito, as expertas da ONU aseguran que as entregas de armas do país americano e de Alemaña aumentaron desde ese momento.

Os datos do Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (Sipri) indican que entre 2019 e 2023 69% das importacións de armas pesadas de Israel chegaban desde os Estados Unidos, 30% de Alemaña e 0,9 de Italia, os seus principais provedores. Á vez, o réxime de apartheid obtivo beneficios das súas exportacións de armas pesadas, probadas contra a poboación palestina, sobre todo con dirección á India (37% do total), Filipinas (12%) e Washington (8,7%).

Desde a súa creación, que supuxo a ocupación do territorio palestino, os Estados Unidos enviaron armas a Israel por valor de 120.000 millóns de euros, e entre 1950 e 2020 concentraron 80% das importacións israelís neste campo. Amais, desde 2016 remítelle 3.500 millóns de euros anuais en armamento.

O Estado español liderou en novembro a exportación de armas da UE a Israel

O peso determinante das vendas de armas dos Estados Unidos e Alemaña a Israel deriva en que a suspensión das vendas decidida polo Canadá ou Bélxica ten na práctica un efecto mínimo. Tamén o Estado español anunciara a súa fin. Non obstante, vendeu un millón de euros en armas a Israel tras iniciarse a agresión militar a Gaza. De feito, en novembro de 2023 liderou as exportacións militares da UE ao Estado sionista. Con todo, as importación de armas desde Israel superan amplamente as exportacións, nun campo especialmente opaco no que “é imposíbel ter unha cifra fiábel”, sinala o Centre Delàs.

Xusto antes de que Israel lanzara o último ataque contra traballadoras e traballadores humanitarios, Washington aprobara un envío de armas que incluía máis de 2.000 bombas. Nese bombardeo matou sete persoas, tres palestinas e catro con nacionalidade británica, australiana, polaca e dobre nacionalidade canadense-estadounidense.

Con posterioridade, e por mor de tratarse de vítimas estranxeiras e de países aliados de Israel, os Estados Unidos, que reiteran que non se produciron crimes de guerra e que o réxime de apartheid toma as súas propias decisións, deron unha nova mostra da súa capacidade de influencia sobre Israel, pois poucas horas despois de que o presidente Joe Biden ameazara con mudar a súa política sobre a agresión militar a Gaza o Executivo de ultradereita israelí fixo público que decidiu abrir novas vías para a entrada de axuda humanitaria no enclave palestino.

Comentarios