Israel asasina 112 palestinas e palestinos cando agardaban para recibir axuda alimentaria

O masacre perpetrado por Israel ao atacar persoas a piques de morrer de fame cando buscaban axuda súmase aos bombardeos contra hospitais, escolas ou campos de refuxiados, que causaron máis de 30.000 mortes na Faixa de Gaza desde outubro.

Un familiar recolle o cadáver dunha crianza a cuarta feira no hospital al Aqsa da Faixa de Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press)
photo_camera Un familiar recolle o cadáver dunha crianza a cuarta feira no hospital al Aqsa da Faixa de Gaza. (Foto: Ali Hamad / Zuma Press)

Centos de palestinas e palestinos concentráronse na madrugada de hoxe na rotonda de Nabulsi, na rúa al Rashid, situada no suroeste da cidade de Gaza, esperando a chegada dun convoi con alimentos logo de que esta semana alcanzara o norte do territorio palestino a primeira entrega relevante de axuda humanitaria nun mes ante o asedio israelí.

Ás 4.30 horas (unha hora menos na Galiza) empezaron a chegar os camións. Cando a poboación famenta se achegou a eles, militares, tanques, drones e buques militares israelís comezaron a disparar, reportaron testemuñas presenciais. 112 palestinas e palestinos foron asasinados e 760 resultaron feridos.

Cando as tropas sionistas iniciaron o ataque, “os tanques avanzaron e atropelaron moitos dos cadáveres e feridos”, relatou a canle Al Jazeera. O novelista e médico Yusri al-Ghoul, desprazado na zona, denunciou que “dispararon diante de min a decenas de palestinos”, explicando que “todos os días imos a ese lugar que está perto dos tanques israelís posto que morremos de fame, non atopamos comida, nin sequera comida de animais, durante uns dous meses, e os nosos fillos morren de fame”. “Desafortunadamente, o noso sangue é moi barato”, laiouse.

Diversas testemuñas narraron como o lugar ficou cheo de corpos, entre as dificultades das ambulancias para desprazarse á área, polo que un camión que transportaba axuda humanitaria levou múltiples cadáveres e feridos ao hospital al Shifa, que canda o Kamal Adwan, o al Ahli e o hospital de campaña xordano acolleron as vítimas.

Non obstante, para moitas persoas as feridas recibidas son unha sentenza de morte perante a situación límite que padece o sistema sanitario da Faixa, golpeado tanto por bombardeos e incursións israelís como pola falta de subministracións polo bloqueo sionista, que causou que só un terzo dos hospitais funcione “parcialmente”, indicou a Organización Mundial da Saúde.

O responsábel do servizo de ambulancias do al Shifa, Faris Afana, transmitiu que non teñen capacidade para facer fronte á cifra de persoas feridas, detallando que só contan con tres ambulancias operativas pola falta de combustíbel, polo que coches privados e carros tirados por burros axudaron a levar as vítimas.

Asemade, Jadallah al Shafei, xefe de Enfermaría do centro, comunicou que “quedamos sen quirófanos” e “sen subministracións médicas e combustíbel para facer funcionar o hospital”. Entrementres, a dirección do Kamal Adwan apuntou que “estamos operando con baterías, a maioría dos nosos pacientes atópase en estado crítico, o que require unha intervención cirúrxica urxente, mais non contamos con quirófanos”. Nesa liña, afirmou que “estamos administrando unicamente tratamentos de primeiros auxilios”.

Despois de negar en primeira instancia ter coñecemento de bombardeos na zona, un oficial israelí aseverou ao xornal The Times of Israel que dispararon cando a multitude se dirixía cara ás tropas dunha forma que as “poñía en perigo”, e con posterioridade o Exército insistiu en que a inmensa maioría dos decesos se produciron por esmagamento ao fuxir os camións e as persoas concentradas dos disparos.

Porén, al Shafei constatou que a maioría das vítimas tiña feridas de bala e metralla na cabeza e na parte superior do corpo, e ningunha testemuña mencionou nada semellante ao expresado polos militares sionistas.

A organización palestina Hamás, que goberna Gaza, subliñou que o ataque “non ten precedentes na historia dos crimes de guerra”, e está vinculado coa “guerra de fame” lanzada por Israel, ao tempo que as autoridades gazatís responsabilizaron os Estados Unidos e a comunidade internacional do “asasinato en masa”, facendo un chamamento a “todos os países do mundo” para deter “a guerra xenocida”.

A Casa Branca sostivo que estaba a investigar o que cualificou como un “incidente grave”, e o presidente Joe Biden afirmou que analizaban “dúas versións contrapostas do acontecido”. Washington é o principal aliado e provedor de armas israelí, e até mediados de febreiro non demandou un alto o fogo que en paralelo segue a vetar no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU).

“A vida estase a escapar de Gaza a unha velocidade aterradora”, recalcou o vice secretario xeral da ONU e responsábel de Asuntos Humanitarios, Martin Griffiths, que se declarou “horrorizado” polos feitos. Persoas expertas da ONU consideran que a agresión israelí contra Gaza é unha limpeza étnica e un xenocidio.

Máis de 30.000 mortes

Así e todo, non foi o único ataque israelí ao longo da xornada, na que mataron no mínimo 30 persoas nos campos de refuxiados de Nuseirat, Bureij e Khan Younis. Asemade, sete crianzas faleceron por inanición a cuarta feira no hospital Kamal Adwan, cando varias axencias da ONU advertían ao Consello de Seguridade que unha fame masiva entre as 2,3 millóns de persoas que viven en Gaza é case inevitábel.

Desde outubro, 30.035 persoas palestinas foron asasinadas por Israel en Gaza. 13.230 eran nenas e nenos, 8.860 mulleres, 340 membros dos equipos médicos, 132 xornalistas e 47 membros dos servizos de protección civil.

Todo isto cando Israel prepara a invasión de Rafah, onde defende que están as persoas israelís detidas en Gaza, após reiterar que estaban en Khan Younis, nun ataque “que levaría o pesadelo que están a infrinxir á xente de Gaza a unha dimensión nova e distópica”, concluíu Volker Türk, xefe de Dereitos Humanos da ONU.

Os grupos palestinos debaten en Moscova un Goberno de consenso

As organizacións palestinas iniciaron unha serie de xuntanzas hoxe en Moscova, a capital rusa, para deseñar un “Goberno de consenso nacional”, indicou Mustafa Barghouti, secretario xeral da Iniciativa Nacional Palestina, nunhas reunións nas que participan os dous principais grupos políticos palestinos, Fatah e Hamás.

O cumio decorre tras a dimisión en bloque do Executivo da Autoridade Nacional Palestina (ANP), que goberna en Cisxordania. Barghouti destacou que “nunca vin un ambiente tan próximo á unidade como o de hoxe”, o que achacou a que senten a “responsabilidade despois de todos os masacres aos que foi sometido o noso pobo”.

O titular de Exteriores palestino, Riyad al Maliki, que debullara que a dimisión do Gabinete respondía a un intento de impedir que a comunidade internacional acuse a ANP de non colaborar, sinalou que intúe que Hamás tamén apoia un Executivo “tecnocrático” para “levar todo o país a un período de transición”, e alertou de que incluír membros de Hamás no Goberno implicaría un boicot internacional.

En Palestina, hai consenso en que Marwan Barghouti, de Fatah mais respectado tamén por Hamás, debe liderar o país, como amosan todas as enquisas dos últimos anos. O coñecido como o Nelson Mandela palestino está preso desde 2002 nun cárcere israelí acusado de participar na Segunda Intifada, e estivo a punto de ser liberado no anterior intercambio de detidos entre Hamás e o Goberno de ultradereita israelí, cuxa á máis conservadora o vetou. 

Comentarios