Estados Unidos aproba en segredo o envío de máis de 2.000 bombas e 25 avións de combate a Israel

A Administración de Joe Biden autorizou nos últimos días a transferencia a Israel de bombas e avións de combate por valor de miles de millóns de dólares, informa o diario The Washington Post.
Persoas asasinadas por Israel en Gaza, hoxe. (Foto: James Manning / PA Wire / DPA)
photo_camera Persoas asasinadas por Israel en Gaza (Foto: James Manning / PA Wire / DPA)

Estados Unidos autorizou nos últimos días a transferencia a Israel de bombas e avións de combate por valor de miles de millóns de dólares, a pesar de que publicamente expresou a súa preocupación por unha ofensiva militar anticipada en Ráfah, informou esta sexta feira o diario The Washington Post.

Os novos paquetes de armas inclúen máis de 1.800 bombas MK84 de 2.000 libras e 500 bombas MK82 de 500 libras, di o xornal, que citou funcionarios do Pentágono e do Departamento de Estado familiarizados co asunto.

Washington concede anualmente 3.800 millóns de dólares en axuda militar a Israel.

Só no pasado mes de decembro, a Administración Biden pasou por alto o Congreso estadounidense para aprobar unha venda de armas de emerxencia a Israel.

O Departamento de Estado aprobara a finais de decembro un segundo paquete de emerxencia, unha venda de equipos por valor de 147,5 millóns de dólares, incluídos fusís, cargadores, que se necesitan para facer funcionar os proxectís de 155 mm que Israel xa comprou.

Estados Unidos estivo enviando constantemente armas a Israel desde o inicio da invasión de Gaza, pero algúns demócratas e grupos árabe-americanos criticaron o firme apoio do Goberno do presidente Joe Biden a Israel.

En tanto, as autoridades da faixa de Gaza informaron de que máis de 32.500 persoas morreron como consecuencia dos ataques do Exército de Israel sobre o enclave palestino desde o 7 de outubro de 2023.

Xenocidio

Israel cometeu tres dos cinco actos que inclúe a Convención sobre Xenocidio da Organización das Nacións Unidas (ONU), polo que existen “motivos razoábeis” para afirmar que está a desenvolver un xenocidio contra o pobo palestino na Faixa de Gaza no marco da agresión militar contra o enclave que comezou en outubro, ratificou a terza feira a relatora especial da ONU para os territorios palestinos, Francesca Albanese, na presentación dun informe ao respecto no Consello de Dereitos Humanos do organismo internacional.

Albanese explicou que o réxime de apartheid sionista xerou “graves danos físicos ou mentais a membros do grupo” oprimido, creoulle “deliberadamente” unhas “condicións de vida calculadas para provocar a súa destrución física total ou parcial” e impuxo “medidas destinadas a impedir os nacementos”.

Comentarios